Preestrea en Madrid da película Cuñados, rodada integramente en Ourense

  • O cine Callao acolleu hoxe a premier do filme na capital, unha longametraxe que está a acadar excelentes críticas desde a súa estrea o pasado domingo no Teatro Principal de Ourense.

  • Manuel Baltar destacou no acto a presenza do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, "gran coñecedor de Ourense, a quen agradezo o seu compromiso coa nosa provincia".

  • "É unha película "mediterráneamente atlántica" polas cores das paisaxes e a harmonía das súas secuencias, que combinan tradición e modernidade dunha provincia, Ourense, que protagoniza todo o filme", afirma Baltar.

Ourense, 6 de abril 2021.- O cine Callao de Madrid acolleu esta tarde a preestrea da película Cuñados, a comedia integramente rodada en Ourense e que está a acadar excelentes críticas desde a súa estrea o pasado domingo no Teatro Principal de Ourense. Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entidade que colaborou economicamente no desenvolvemento deste proxecto cinematográfico, participou no acto de presentación, que contou entre outros persoeiros co alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e coa vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz.

"É unha honra acreditar o apoio das institucións e os seus representantes a un proxecto que ten como obxectivo promocionar a provincia de Ourense a través das canles do humor e a cultura", expresou Baltar, quen agradeceu a Martínez-Almeida, "gran coñecedor de Ourense, o seu compromiso coa nosa provincia". Tamén asistiu á premier Javier Guillén, director xeral da "Vuelta a España", "un evento que ten contribuído con moita forza a promocionar o noso territorio nos últimos anos, especialmente a Ribeira Sacra; unha alianza co ciclismo que seguirá no futuro", salientou Baltar.

Como xa acontecera en Ourense, a preestrea de Cuñados está a xerar máxima expectación "por ser unha longametraxe "mediterráneamente atlántica" -destaca Manuel Baltar- definindo así "as cores das paisaxes e esa harmonía que amosan as secuencias, combinando tradición e modernidade dunha provincia, Ourense, que protagoniza todo o filme".

Cuñados, a primeira longametraxe da produtora galega Portocabo e ópera prima do director Toño López, unha comedia de enredo que relata as peripecias delituosas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun disparatado plan. A película chegará ás salas de cine o próximo 9 de abril.

O elenco artístico está integrado, como actores principais, por Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, xunto coas actrices Eva Fernández, Iolanda Muíños, e María Vázquez. A Deputación de Ourense colabora neste proxecto cinematográfico xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), RTVE, Televisión de Galicia e a denominación de orixe Ribeiro.

Cuñados ten como escenario a cidade de Ourense e diversos lugares da provincia, ofrecendo ao equipo de rodaxe localizacións ideais para un traballo no que conviven o rural e o urbano, o moderno e o tradicional, ademais da súa gran vida social e cultural. Con este traballo, realizado integramente en galego, Portocabo escolleu de novo Ourense como plató para as súas producións, como así fixo coa serie Vidago Palace emitida na TVG, na RTP e na plataforma HBO.

Esta comedia galega narra as peripecias de Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán), que acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan moito diñeiro. Sabonis atopa a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Pero Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado. Con todo, é o propio Modesto quen idea un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Estes tres cuñados téñeno todo para fracasar, pero como diría Sabonis, "malo será".