A Deputación de Ourense reivindica a cultura “en maiúsculas” na celebración do Día do Libro

Dia do Libro 2021 1

Ourense, 23 de abril de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe a carpa instalada polos libreiros ourensáns na rúa do Paseo, en colaboración coa institución provincial, con motivo da celebración do Día do Libro. "Unha xornada de reivindicación da cultura en maiúsculas, cos libros e coa lectura como protagonistas dunha das actividades máis universais da sociedade", dixo Baltar durante o percorrido polos expositores no que estivo acompañado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez; e o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García.

Coincidindo con esta celebración, a Deputación de Ourense achegou a 52 centros educativos da provincia un lote de libros composto por outros tantos volumes editados pola Fundación Otero Pedrayo, entre eles obras do propio patriarca das letras galegas e de persoeiros da nosa cultura distinguidos co Premio Trasalba, que desde 1983 entrega esta fundación, como Xoaquín Lorenzo, Fernández del Riego, Filgueira Valverde, Pura Vázquez, Alonso Montero, Méndez Ferrín ou Neira Vilas.

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense non só contribúe á difusión do legado de Otero Pedrayo como principal mecenado da fundación desde a súa constitución en 1977, senón que tamén "achegamos á xuventude o inmenso labor promovido polos membros da Xeración Nós, aos que recordamos cunha recente exposición sobre este movemento no centro cultural Marcos Valcárcel, e que desde Ourense impulsaron a modernización intelectual de Galicia", destacou Baltar.