A Deputación achega máis de 450.000 € en axudas para servizos sociais e infraestruturas

Ourense, 1 de marzo de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por videoconferencia e presidida polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, aprobou un total de 459.918 euros en axudas a concellos e entidades, destinadas a temas de servizos sociais, obras e melloras de infraestruturas. En concreto, aprobouse unha axuda de 100.000 euros para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) para a obra da sede social: proxecto básico e de execución de Centro de Día, Centro de Formación e outros servizos. Asemade, ratificouse o convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, a Diocese de Ourense, a Deputación de Ourense e o Concello de Xinzo de Limia para o proxecto de rehabilitación da casa reitoral de Santa Mariña de Xinzo, concedendo unha subvención nominativa de 150.000,00 euros a favor do Diocese de Ourense para a realización de dita obra.

No que atinxe á cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Bande, por importe de 100.000 euros, para o programa de servizos sociais 2021, e para o Concello de Castrelo do Val, 30.146 euros para o cofinanciamento do IDAE 2020: proxecto de reforma parcial da iluminación pública do municipio, núcleos de Campobecerros, Fontefría, Gondulfes e Pepín. Neste mesmo sentido, aprobouse a modificación do importe da axuda concedida ao Concello de Cortegada para o proxecto de rehabilitación enerxética do centro social municipal de Cortegada, cunha unha axuda de 4.840 euros.

Para o Concello de Cortegada, aprobouse unha axuda de 15.000 euros destinada aos vestiarios do campo de fútbol, e para o Concello de Larouco, 45.000 euros para a mellora das relacións administrativas e atención ao cidadán, no ano 2021; mentres que, para o Concello de Punxín aprobouse unha axuda de 14.932 euros para labores de asesoramento urbanístico.

Deporte

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos para o ano 2021, indicando que os clubs deberán posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta; e para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. Dadas as circunstancias excepcionais, este requisito non se valorará como excluínte, analizándose con detalle se a federación da que dependen, convocou ou non, as correspondentes competicións. O mesmo criterio utilizarase para competicións oficiais. Para os efectos de acreditación deste extremo, os clubs deberán achegar un certificado expedido pola respectiva federación, indicativo da inexistencia de competicións oficiais.

Comité COVID-19

Posteriormente, tivo lugar a reunión do Comité de seguimento do COVID-19, xuntanza telemática na que se analizou o desenvolvemento da pandemia en Ourense; o seguimento da ordenanza de teletraballo no entes dependentes da Deputación e, en neste sentido, os servizos que se prestan a concellos e veciñanza.