A Deputación apoia á DO Monterrei achegando 60.000 € para labores de xestión e promoción

Ourense, 28 de febreiro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, Lara da Silva, celebraron unha reunión telemática, na liña de colaboración que ámbalas dúas entidades veñen mantendo desde hai anos, e que neste exercicio de 2021 ascenderá economicamente a 60.000 euros (25.000 € para gastos de funcionamento do consello regulador e 35.000 € para levar a cabo estratexias de promoción da Denominación de Orixe Valdeorras).

Manuel Baltar afirma que o sector vitivinícola, coa denominación de orixe Monterrei -unha das catro que ten a provincia de Ourense-, "supón un ámbito estratéxico da nosa economía e un sector que nos últimos tempos vén de facer importantes apostas pola modernización tecnolóxica para seguir presentando nacional e internacionalmente excelentes caldos que son altamente competitivos e á altura dos padais máis esixentes", salientando tamén "a importancia da Denominación de Orixe Monterrei e as súas adegas polo que significan de pulo económico para a comarca, desde que en 1994 comezara a súa andaina esta distinción de calidade vitivinícola", afirma o presidente do goberno provincial.