Manuel Baltar afirma que Blanco Amor "foi o garante da nosa intelectualidade"

  • No acto de entrega da XXXIX edición do premio que honra ao autor da Esmorga, celebrado na praza de Bispo Cesáreo, o presidente da Deputación de Ourense entregou o galardón a Marilar Aleixandre, gañadora do certame coa obra As malas mulleres.

  • "Blanco Amor é un autor que perdurará sempre, pola excepcional calidade da súa obra literaria e polo compromiso que sempre tivo con Ourense e con Galicia, nación cultural", destacou Baltar.

  • A autora fixo do seu discurso unha carta aberta a Blanco Amor, na que sinalou: "Estamos aquí ofrecéndoche esta novela que fala da exclusión", en referencia á condición sexual e ás ideas políticas do escritor.

Ourense, 1 de decembro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou hoxe o XXXIX Premio "Blanco Amor" de novela -simbolizado nunha escultura de Acisclo Manzano- á escritora Marilar Aleixandre, gañadora do certame coa obra As malas mulleres. O acto tivo lugar esta mañá na praza do Bispo Cesáreo, ao carón da estatua que lembra a figura do escritor ourensán, nunha versión inédita da entrega deste galardón debido ás restricións impostas pola pandemia.

A novela gañadora retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, na que segundo reflicte a acta do fallo "recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras". Un traballo elixido pola maioría dos membros do xurado no que a autora "incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato".

No acto, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación "Eduardo Blanco Amor", o presidente Baltar dirixiu as súas primeiras palabras a Marilar Aleixandre para felicitala polo premio, e lembrou que na data de hoxe se cumpre o 41º aniversario do pasamento de Blanco Amor, subliñando a relevancia do escritor, a quen cualificou como "o garante da nosa intelectualidade, da nosa cultura e da nosa literatura".

Manuel Baltar relatou que na súa etapa de estudante de bacharelato descubriu A Esmorga, "un texto abraiante e ambientado na nosa cidade, que nos abriu paso a unha gran literatura, provocando naqueles estudantes unha revelación: que Ourense era, por si só, un mundo", e destacou a colaboración de Blanco Amor coa revista Nós, de cuxo primeiro número se compren cen anos.

O presidente do goberno provincia afirmou que Blanco Amor "é un autor que perdurará sempre, pola súa alta condición intelectual, pola excepcional calidade da súa obra literaria e polo compromiso que sempre tivo con Ourense e con Galicia, nación cultural", e engadiu: "Seguiremos reivindicando o seu legado e a súa figura, porque a peculiaridade ourensá esta nel, que como ninguén quixo transcender a esta cidade e á arte da escrita".

"Querido Eduardo"

"Querido Eduardo, estamos aquí ofrecéndote esta novela que fala da exclusión", comezou dicindo Marilar Aleixandre no seu discurso de agradecemento, que converteu nunha carta aberta ao escritor ourensán, "dobremente excluído pola súa condición de homosexual e por ser fiel ao goberno constitucional e non aos "golpistas". Espero que che guste a novela", dixo a autora.

Aleixandre lembrou que Blanco Amor foi unha das persoas que en 1969 se opuxo coa pluma ao traslado da estatua de Concepción Arenal -"unha das protagonistas da miña novela"- desde esta praza (Bispo Cesáreo) ata o seu emprazamento actual fronte ao vello Pao de Xustiza. "Tanto Otero Pedrayo coma ti opuxéstesvos a iso", lembrou, pedindo que Concepción Arenal regrese ao seu lugar orixinal, onde hoxe tamén está a escultura de Blanco Amor, "porque creo que ti, Eduardo, dialogarías ben con ela".

A gañadora definiu As malas mulleres como "un exercicio de memoria e un exercicio contra a desmemoria, que é como ocultar ás persoas. Así contou que a protagonista da novela é unha rapaza de quince anos que está no cárcere de mulleres da Coruña, A Galera. Das 300 mulleres que alí había "só coñecemos o nome dunha delas, Pepa Loba, que comparte a traxedia coa protagonista imaxinaria da novela, baseada nunha historia real, presa por unha acción na que aínda hoxe en moitos países as mulleres son perseguidas e encarceradas".

Marilar Aleixandre tamén lamentou "a desaparición en grande medida da historia de catro grandes mulleres do século XIX, personaxes históricas en Galicia como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega, esta última da que afirmou que "tivo unha vida novelesca en defensa da liberdade, merecente de ser recreada no teatro, no cine ou na televisión".

Monografía fotográfica de Blanco Amor

Pola súa banda, o presidente de xurado e director da Fundación "Blanco Amor", Luis González Tosar, lembrou na súa intervención a figura de Blanco Amor e dun premio "que afianzou un xénero literario que daquela aínda eramos deficitarios, e que o escritor honrou sobradamente tanto en galego como en castelán".

Tosar anunciou que nos primeiros días de 2021 publicarase o primeiro volume da serie "Eduardo Blanco Amor, fotógrafo", no que se recolle unha monografía realizada por Enrique Acuña que abrangue a viaxe que en 1935 EBA realizou ao norte de Marrocos, xunto a unha compilación dos artigos publicados en El Correo Galego, nos que reflectía a realidade dos lugares que visitou.

O acto, no que estiveron presentes persoeiros do ámbito social, cultural e institucional, incluíu no apartado musical a actuación da violonchelista ourensá Susana Blanco, quen interpretou os temas Axéitame a polainiña e Unha noite na eira do trigo, rematando a celebración cunha ofrenda floral diante da estatua de Blanco Amor.