Marilar Aleixandre, gañadora do XXXIX Premio “Blanco Amor” coa obra As malas mulleres

xurado.XXXIX.premio.novela.longa

Ourense, 28 de novembro de 2020.- A escritora Marilar Aleixandre é a gañadora do XXXIX Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor" pola súa obra As malas mulleres, presentada baixo o lema "Láudano", e na que se relata a historia das coñecidas como "visitadoras de cárceres", nun consistente retrato do último terzo do século XIX. O xurado, reunido esta mañá no centro cultural Marcos Valcárcel, escolleu a obra gañadora de entre un total de 32 orixinais presentados a este certame, organizado pola Deputación de Ourense, en colaboración coa Fundación "Eduardo Blanco Amor", e dotado cun premio de 15.000 euros.

A novela gañadora retrata o tramo final do século XIX, a través dunha historia conducida polas personaxes centrais do relato, Juana de Vega e Concepción Arenal, e na que segundo reflicte a acta do fallo "recoñece e destaca, literariamente, o traballo das chamadas visitadoras de cárceres e as súas ideas progresistas e pioneiras". Un traballo no que a autora "incorpora con habelencia elementos poéticos que reforzan unha trama ben estruturada e compensada que enriquece o relato", destacaron os membros do xurado.

Marilar Aleixandre, bióloga e catedrática "ad honorem" de la Universidad de Santiago de Compostela, ten unha recoñecida traxectoria na escrita galega. Autora do primeiro libro de ciencias en galego, Aleixandre ten unha ampla carreira como narradora, poeta e ensaísta, sendo ademais académica de número e membro da directiva da Real Academia Galega.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova á escritora, felicitándoa polo premio, así como tamén aos membros do xurado polo seu traballo e a elección da obra gañadora. Baltar destacou o compromiso da institución que preside con este galardón, cuxo acto de entrega celebrarase o próximo 1 de decembro ás 11.00 horas no Pazo provincial, data na que se cumpren 41 anos do pasamento de Blanco Amor.

O xurado da presente edición do Premio Blanco Amor estivo integrado por Luis González Tosar, como presidente; María Canosa, secretaria; e Avelina Rodríguez, Luciano Rodríguez e Xan Carballa, como vogais.

Coincidindo coa próxima convocatoria deste galardón, que en 2021 alcanzará a súa 40 edición, a Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco Amor proxectan ampliar a repercusión do certame, con máis iniciativas para impulsar a participación e promover unha maior difusión e valorización da figura do escritor ourensán.

Deste xeito, a Deputación de Ourense segue a consolidar un premio cuxa organización asumiu hai seis anos, dada a vinculación persoal e literaria de Blanco Amor coa cidade na que naceu e á que engrandeceu co mellor da súa obra literaria. Xa en decembro de 2017, a institución provincial tivo un activo papel na creación da Fundación pública que leva o seu nome.