A Deputación destina 300.000 € para obras en concellos da provincia

Ourense, 23 de novembro de 2020.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, presidida por Manuel Baltar, aprobou hoxe, na reunión celebrada por videoconferencia, a concesión de achegas por importe de 300.258 euros para obras en concellos da provincia. Para o Concello de Celanova, aprobou a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2020, para incluír a obra denominada "Acondicionamento de camiño a Casasoá, Cañón e pista de acceso a Feal", cun orzamento total de 48.000 euros. Para o Concello de Cualedro aprobouse unha subvención de 119.340 euros para a construción de piscinas municipais. Para o Concello de Lobeira, aprobouse unha achega de 30.512 euros para o Plan Hurbe, proxecto de humanización de rúas en Lobeira. Para o Concello de Nogueira de Ramuín aprobouse unha achega de 54.406 euros para o cambio de iluminación en distintos núcleos para aforro e eficiencia enerxética nas zonas de Faramontaos, Pacio, San Miguel, Gundiás, Loña do Monte, Santo Estevo, Luintra, Mundín, Loureiro, San Cibrao, Cerreda, Alberguería pobo, Celeiros, Vilanova e Almorfe. E finalmente, para o Concello de Porqueira foi aprobada unha achega de 48.000 euros para a mellora do firme nos núcleos rurais de Paradela e Reboreda.

Tamén se aprobou hoxe a adhesión da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense á declaración institucional a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.