A Deputación destina máis de 180.000 € á cooperación, servizos, patrimonio e emerxencia social

Ourense, 19 de outubro de 2020.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por videoconferencia baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de 183.140 euros en concepto de subvencións nos ámbitos da cooperación, servizos, patrimonio ou situacións de emerxencia social.

Segundo os acordos, a Mancomunidade Terra de Celanova recibirá unha achega de 20.000 euros para gastos de funcionamento correspondentes a este exercicio. Pola súa banda, o Concello de Boborás disporá de senllas achegas, cada unha delas de 5.000 euros, para o campionato nacional de Mushing Terra (carreiras de trineos tirados por cans) e para rehabilitación do patrimonio cultural, en concreto a restauración dos cruceiros de Vecoña, Xuvencos e Sobredo.

Xunto coa aprobación doutras dúas subvencións para o transporte público municipal nos concellos da Bola (15.000 euros) e Punxín (5.640 euros), tamén recibiu o visto bó a petición formulada polo Concello de Monterrei, que solicitou unha axuda de 33.500 euros para a rehabilitación do edificio destinado a acoller o Centro de Interpretación do Viño.

Tamén foron aprobadas outras tres subvencións por un importe de 3.000 euros cada unha delas en concepto de emerxencia social. Trátase de dúas solicitudes cursadas polo Concello Cualedro e unha do Concello de Monterrei, nas que se pide axuda como entidade colaboradora para cofinanciar os gastos de reconstrución de tres edificacións destruídas por incendio.

Por último, a Xunta de Goberno acordou que a subvención de 90.000 euros aprobada no pasado de mes de setembro, con destino ao Concello de Chandrexa de Queixa para a obra do Poboado de Chandrexa, sexa tramitada pola sección de Subvencións da Deputación, dado que a obra está cofinanciada pola Deputación e o propio concello, e que esta mesma administración local ten a intención de tramitar o expediente de contratación da obra.