Paula Cons presenta a súa película "La isla de las mentiras" en Ourense

 
  • Trátase do único filme galego que compite na Sección Oficial e que ven de ser presentado a semana pasada en San Sebastián.

  • É a primeira longametraxe que dirixe Cons, cunha ampla experiencia no mundo do audiovisual.

Ourense, 26 de setembro de 2020.- A directora coruñesa Paula Cons presentou hoxe en Ourense a súa película "La isla de las mentiras" acompañada da protagonista do filme Victoria Teijeiro. Despois de pasar polo Festival Internacional de Cine de Shanghái, o filme foi presentado a semana pasada en San Sebastian dentro da sección Made in Spain.

O argumento xira en torno a unha historia real acontecida en Galicia, a do naufraxio do vapor El Santa Isabel, con 260 emigrantes con destino a Bos Aires, fronte á illa de Sálvora. Tres mozas insulares deciden saltar ao mar nun pequeno barco tradicional e conseguen salvar a 50 persoas. Pero todo o que ocorre dende esa noite vai sacudir e cambiar este lugar para sempre. Paula Cons e Victoria Teijeiro acudirán esta noite a sesión das 22 horas nos cines do Centro Comercial Ponte Vella para presentala ao público ourensán.

"La isla de las mentiras" é a ópera prima desta directora que se amosa moi feliz de estar en Ourense xa que "é o primeiro festival en España no que competimos e faime especial ilusión que sexa en Galicia e máis aquí, en Ourense". A película estréase o vindeiro venres en salas e poderá verse dende hoxe na Sección Oficial do OUFF. "Está pensada para ver en pantalla grande, ten un son e unha fotografía moi coidadas. O seu fogar natural é a sala de cine", comentaba Paula Cons.

Unha película de mulleres olvidadas

A directora estivo acompañada da actriz Victoria Teijeiro, que interpreta a unha das tres mulleres protagonistas desta coprodución española, arxentina e portuguesa. Para a intérprete "o filme fala de mulleres olvidadas e toca moitos paus que están de actualidade. Esperamos que guste moito a xente de Ourense".

Cons, que tamén é guionista do filme e apostou por un equipo no que predominan as mulleres, asegura que cando coñeceu a historia, quedou enganchada xa que "son xornalista tamén e chámanme moito a atención estas historias agochadas e que moi pouca xente coñece". Tamén quixo agradecer á cantante Guadi Galego a súa implicación por facer a canción de "La isla de las mentiras" xa que "envieille a película ás sete e ás once xa me enviou esta canción que está sendo un exitazo. No Festival de Shangai triunfou moitísimo".

Paula Cons é xornalista, guionista, cineasta documental, directora de cine e produtora española. É produtora executiva e directora de contido para Agallas Films. No 2004 entrou na ficción despois de gañar o Concurso de guións Camiño do Xacobeo con "Ideas peregrinas", un proxecto que se converteu nunha miniserie para a produtora CTV. Desenvolveu unha película de televisión, "Eduardo Barreiros, o Henry Ford español". O seu seguinte proxecto foi a película "Lobos sucios", que inaugurou o OUFF no 2015, e da que Paula Cons foi co-escritora, directora de contidos e produtora executiva. En 2018 dirixiu con Agallas Films o docudrama "El caso de Diana Quer, 500 días" sobre as investigacións policiais que levaron á resolución do caso Diana Quer.