Un libro sobre Chano Piñeiro analiza a traxectoria dun dos pioneiros do cine galego

  • Manuel Baltar dixo na presentación de Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), editada por Fervenza e coa colaboración da Deputación de Ourense, que é "unha honra esta homenaxe permanente a Piñeiro, unha das grandes figuras da nosa cultura e do noso cinema".

Ourense, 15 de setembro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o autor, Francisco Rozados "Rochi", presentaron o libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), que recolle a traxectoria vital e profesional "dun dos pioneiros do cinema galego", como o cualificou Baltar, destacando que é "unha honra continuar coa homenaxe permanente a Chano Piñeiro, unha das grandes figuras da nosa cultura e do noso cinema".

O Festival Internacional de Cine de Ourense colabora nesta publicación, continuando así o camiño que iniciou na edición de 2018 de achegarse ao mundo editorial con publicacións vencelladas co sector audiovisual. Neste sentido, o OUFF quere ser plataforma para dar a coñecer traballos editoriais relacionados co sector e, neste caso, faino cunha publicación dedicada ao pioneiro do cinema galego Chano Piñeiro. Este ano cúmprese un cuarto de século do seu pasamento e esta biografía pretende contribuír a ese aniversario coa lembranza "de quen merece gran respecto por ter sido o maior defensor do cine galego, por crear cine na nosa terra e na nosa lingua", expresou Baltar, lembrando "a contribución a esa homenaxe permanente por parte da Deputación de Ourense coa organización o ano pasado dunha exposición sobre Chano Piñeiro, que exhibimos no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Baltar, quen felicitou ao autor da biografía, Francisco Rozados "Rochi", remarcou a importancia de que neste ano 2020 "esteamos a conmemorar o centenario da aparición do primeiro número da revista Nós, á creadora dese pensamento político galeguista aínda hoxe plenamente vixente en figuras como a de Chano Piñeiro".

No acto de presentación, que contou tamén coa presenza da viúva de Piñeiro, Mariluz Montes, o autor do libro, "Rochi", amigo do cineasta, dixo que esta publicación "recolle reflexións e experiencias persoais co cineasta galego ao longo dos anos", e cualificou a Chano Piñeiro como "un xigante do noso cinema ao que Galicia lle debe moito e llo está devolvendo a prazos".

O libro, prologado por Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do OUFF, recolle en 200 páxinas a traxectoria vital e profesional de Piñeiro a través de texto e máis de 150 fotografías, moitas delas inéditas, e tenta reflectir "a lección de amor pola nosa terra que Piñeiro nos deu, un amor sen parroquias, un amor total por Galicia", comentou Rochi.

Na mesma liña, Valentín García lembrou as palabras de Piñeiro nas que dicía: "Facer cine en Galicia é posible; facer cine en galego é necesario", subliñando que Chano Piñeiro "foi un enlace cos persoeiros de Nós, que soñaron con outra Galicia posible".

Nos próximos días presentarase unha monografía sobre Eloy Lozano -primeiro director do festival e ao que este ano se lle fará unha homenaxe-, un volume que forma parte das publicacións propias do OUFF.