Rosendo Fernández visita a renovada exposición filatélica "Ourense no Camiño Sanabrés"

 

  • A colección amosa, no edificio de Correos da capital ourensá, selos, cuños e sobre conmemorativo que destacan a importancia de Ourense no Camiño de Santiago.

Ourense, 13 de agosto de 2020.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, visitou hoxe a renovada e ampliada exposición, "Ourense no Camiño Sanabrés", que a Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño de Ourense amosa no edificio de Correos da capital ourensá, na rúa Progreso. A colección componse de selos, cuños e sobre conmemorativo que destacan a importancia de Ourense no Camiño de Santiago e tamén se realizou unha tarxeta prefranqueada para levar a cidade polo mundo.

Na visita á exposición o vicepresidente da Deputación de Ourense estivo acompañado polo asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o presidente da Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, José Barros; e o director da Oficina Principal de Correos, Orlando Cid, xunto con membros da Sociedade Miño. A mostra poderase visitar durante o mes de agosto, pero o obxectivo é "completar a exposición ampliándoa cos camiños primitivo, da costa e portugués, que nos gustaría instalar no mes de setembro", dixo José Barros.

Coa ampliación da exposición incorporáronse coleccións dedicadas ao Camiño de Santiago como avance do Xacobeo 2021; concretamente unha dedicada ao Camiño Francés coa variante que pasa pola provincia, o Camiño de Inverno.