O comité asesor de "Termatalia" prepara o congreso internacional de termalismo

  • Na reunión, por videoconferencia, presidida por Manuel Baltar, analizáronse propostas para incluír na temática as últimas tendencias en políticas públicas termais e proxectos empresariais, que ofrezan unha actualización do que representa o termalismo hoxe en día", afirma Baltar.

Ourense, 24 de xullo de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu hoxe por videoconferencia a reunión do comité asesor de Termatalia, na que participaron representantes de entidades públicas e privadas, así como do ámbito académico e científico, membros que fan posible que cada ano Termatalia sexa unha cita imprescindible no calendario de eventos internacionais do termalismo.

Na reunión perfilouse o programa do congreso que se celebrará nas datas nas que estaba prevista que se desenvolvera a feira en Entre Ríos (Arxentina), e que debido á pandemia non pode ter lugar. Neste sentido, desde Ourense celebrarase este congreso internacional de termalismo, que terá en formato mixto, presencial e por videoconferencia, e a reunión de hoxe tivo como obxectivo analizar propostas para que o contido do congreso "inclúa as últimas tendencias en materia de políticas públicas termais e proxectos empresariais en todo o mundo, que permitan ofrecer unha actualización do que representa o termalismo hoxe en día, no que, máis ca nunca, está presente a frase de: a auga é vida e a auga termal é saúde, porque a xente o que busca é precisamente iso: saúde, seguridade e benestar", afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial considera que dentro da estratexia turística "a cuestión termal ten un liderado, dando respostas ás inquedanzas dos visitantes que o que buscan é saúde; e nunha provincia como a de Ourense temos un verdadeiro motor como é o termalismo que, grazas a eventos como Termatalia vai dando pasos importantes cada ano".

Na reunión, Baltar tamén comentou aspectos tratados na pasada asemblea da European Historic Thermal Town Association, "na que estamos a preparar un pack turístico termal europeo os 51 sitios termais das 19 nacións que integramos esta rede, porque tamén vemos nesta etapa poscovid unha oportunidade para o termalismo. Territorios como Ourense, que conta co maior potencial termal de Europa, teñen ante si un gran reto, no cal a colaboración público-privada ten que dar un paso adiante importante, como vén facendo coa organización de Termatalia; e este ano, este congreso, vai substituír á edición ordinaria da feira pero fará posible que sigamos xuntos falando de termalismo e de turismo, elementos fundamentais para o noso territorio, que a Deputación de Ourense non dubida en seguir apoiando", destaca Baltar.