Juan Perro e os ritmos africanos do Festival Nómada Harmatán, primeiras novidades da Ourense ICC Week 2020

  • Manuel Baltar e o coordinador da ICC Week, Juan Rivas, presentaron hoxe a imaxe desta edición, que terá como protagonista á Ribeira Sacra.

  • A sexta edición da Ourense ICC Week celebrarase do 31 de marzo ao 5 de abril, datas que suporán un novo punto de encontro para emprendedores e profesionais da creatividade quen, en diferentes puntos da provincia, debaterán sobre propostas culturais e de lecer.

Ourense, 7 de febreiro de 2020.- A Semana das Industrias Culturais e Creativas "Ourense ICC Week" 2020 volve centrar un ano máis a súa imaxe no patrimonio cultural da provincia de Ourense, convertendo nesta sexta edición á Ribeira Sacra na protagonista. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o coordinador da ICC Week Juan Rivas, presentaron este venres a imaxe desta edición, xunto cun avance da programación, que traerá a Ourense, entre outros, ao músico Juan Perro e os ritmos africanos do Festival Nómada Harmatán.

A Ribeira Sacra convértese na imaxe referencia desta Ourense ICC Week. Resáltase a súa importancia como valor cultural e patrimonial, remarcando a aposta que se fai desde a Deputación de Ourense na súa candidatura para converterse en Patrimonio da Humanidade, como destacou o presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar.

"A Ourense ICC Week é un evento absolutamente consolidado, un dos proxectos máis importantes pensados no territorio e que converte a Ourense nos días de celebración deste evento en capital da vangarda e das tendencias en calquera disciplina creativa, e iso vai de seu co noso territorio ourensán, que neste ano 2020 cumpre os 100 anos da aparición da revista Nós, unha xeración indispensable na historia de Galicia e con Ourense como referente", expresou Baltar.

O presidente do goberno provincial afirmou que a imaxe deste ano da Ourense ICC Week está vencellada á Ribeira Sacra. "Lembro cando convoquei en 2013 aos alcaldes dos concellos da provincia de Ourense que se atopan neste territorio único para contar coa súa opinión para reactivar desde a Deputación a candidatura da Ribeira Sacra como patrimonio mundial da Unesco. A resposta foi positiva e hoxe estamos en que este territorio obterá esta distinción no ano 2021. Por iso, esta edición da ICC Week conta con esta imaxe", a cal se unen este ano nomes destacados do panorama artístico e creativo "que seguen a estela dos grandes nomes que estiveron en Ourense en anteriores edicións como Gracia Querejeta, Iker Jiménez, Ágatha Ruiz de la Prada, Javier Mariscal..., e hoxe presentamos a un dos grandes da música española dos últimos 40 anos, Santiago Auserón, que estará no Teatro Principal o 4 de abril", comentou Baltar.

O presidente salientou tamén o Festival de música africana, Harmatán, que lle dará un plus de internacionalidade e riqueza cultural "a un evento como é a ICC Week, perfectamente deseñado, que ano tras ano vai incrementando o público asistente e os diferentes relatorios e actividades".

A sexta edición da Ourense ICC Week celebrarase entre os días 31 de marzo e o 5 de abril, "datas que suporán un novo punto de encontro para persoas expertas, emprendedoras e profesionais da creatividade, en diferentes puntos da provincia para debater, analizar e gozar coas diferentes propostas culturais e de lecer que ofrece a programación desta cita", expresou Juan Rivas.

Un dos pratos fortes desta edición, que contará con relatores de primeiro nivel nas industrias culturais, será Santiago Auserón, quen, con seu grupo Radio Futura, do que foi fundador, desenvolveu durante mais dunha década a súa faceta de cantante e compositor, con media ducia de discos, e o recoñecemento como mellor grupo de rock español en España e Latinoamerica. En 1994 arrancou o proxecto Juan Perro, onde combina tradicións musicais afroamericana, afrocaribeña e hispana, e leva gravados outros 6 discos de cancións orixinais. Considérase a si mesmo como un "trovador errante", ou "o primeiro alumno do son cubano". Co seu actual proxecto, Juan Perro, dará un concerto o sábado 4 de abril no Teatro Principal dentro da súa xira 2020 "Cantos de Ultramar", onde segue mesturando a súa herdanza rockeira coa tradición musical cubana.

Dentro da aposta pola diversidade creativa, o Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán incorpórase á programación da ICC Week. África conectará con Ourense a través das diversas manifestacións creativas de danza, charlas, música e teatro, procedentes dun continente tan heteroxéneo na súa diversidade cultural, como descoñecido artisticamente para o público. Catro xornadas para descubrir a cultura africana que incluirán un espectáculo de danza de Burkina Faso, unha charla de Felwine Sarr, académico, filósofo, economista e músico do Senegal, especializado en economía africana, teatro ou música dende Mali. Este festival nómada celebrase de xeito simultáneo en Ourense, A Coruña e Móstoles.

Por último, os organizadores destacan un dos eventos que xa teñen entidade propia dentro da axenda ICC Week, como son os E-Sports, que reúnen durante esta semana a un considerable público de afeccionados e profesionais dos videoxogos e nesta edición volverán ter unha presenza destacada.

Este avance da programación é simplemente unha pequena parte do extenso calendario de citas musicais, culturais, de debate ou de E-sports que de novo situarán a Ourense como punto de encontro da vangarda creativa audiovisual e cultural coa organización da Ourense ICC Week 2020, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense.

O goberno provincial quere continuar coa posta en valor do sector creativo e cultural, co obxectivo de que a Ourense ICC Week siga a ser un punto de encontro da comunidade creativa, e converter así á provincia de Ourense no marco perfecto para o co-working, a potenciación de negocios e a apertura de novos mercados.

Esta nova cita vén ademais avalada polo éxito das edicións anteriores, reflectido tanto no interese que espertou entre o público, con presencia moi numerosa nas actividades programadas, como logrando un alto valor comunicativo e un impacto mediático substancial. O debate, a reflexión, a música e a creatividade volverán vertebrar un programa repleto de actividades, que xa se converteu nunha cita en firme no calendario ourensán.

SANTIAGO AUSERÓN/ JUAN PERRO

Santiago Auserón (Zaragoza, 1954) Licenciado en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e estudou tamén en París. Participou na fundación do grupo musical Radio Futura, onde durante máis dunha década desenvolveu a súa faceta de cantante e compositor, con media ducia de discos e o recoñecemento en España e Latinoamérica como mellor grupo de rock español. Entre 1984 e 1995 investigou as raíces do son tradicional cubano e produciu varias antoloxías históricas, entre elas a de Francisco Repilado "Compay Segundo". En 1994 puxo en marcha o proxecto Juan Perro, onde combina as tradicións musicais afroamericana, afrocaribeña e hispana, xirando dente entón ata hoxe por España, Europa, Latinoamérica e EEUU Con Juan Perro, gravou outros seis álbums de cancións orixinais. Tamén ten publicados numerosos artigos sobre música, filosofía e literatura e varios libros. Entre outros recoñecementos, recibiu en 2011 o Premio Nacional de Músicas Actuais do Ministerio de Cultura.

Juan Perro trae a Ourense o seu Tour 2020, 'Cantos de Ultramar', avance do disco do mesmo nome que será publicado esta primavera, onde segue mesturando a súa herdanza rockeira coa tradición musical cubana.

CONCERTO SANTIAGO AUSERÓN

CANDO: Sábado 4 abril

ONDE: Teatro Principal de Ourense

ENTRADAS: Á venda en ATaquilla

FESTIVAL NÓMADA HARMATÁN

Unha oportunidade única para coñecer máis sobre a cultura africana, a través das diversas manifestacións creativas de danza, charlas, música e teatro, procedentes dun continente tan heteroxéneo nas súa diversidade cultural, como descoñecido artisticamente para o público. Esta iniciativa pretende amosar novas formas de acercamento a un continente multicultural e moderno, a través das súas expresións artísticas. Celébrase de maneira simultánea en Ourense, A Coruña e Móstoles.

A programación deste Festival Nómada foi deseñada por Antonio Lozano, escritor, autor teatral e gran coñecedor da realidade africana que faleceu o ano pasado en Las Palmas de Gran Canaria. A primeira edición de Harmatán consolida o seu legado que sempre reivindicou; a arte e a palabra como elementos esenciais da comunicación humana, e como xeradoras de continuas experiencias cruzadas entre artistas de África, América y Europa.

Máis INFO: https://festivalharmatan.com/

DANZA

KOTEBA DE SEYDOU BORO (Burkina Faso)

ESTREA EN ESPAÑA

O Koteba é a forma tradicional do teatro da cultura bambara. Para esta creación, Seydou Boro inspírase na sociedade secreta dos yonyonsés e do seu rito, o boûgô, que permite a quen o practica rir dos comportamentos conflitivos, e denunciar ou confesar os actos negativos. Baixo as trazas dunha personaxe enmascarada, os paisanos liberan, escoitan, aceptan e respectan a palabra.

KOTEBA DE SEYDOU BORO

CANDO: Martes 31 de marzo, 20.00 horas

ONDE: Teatro Principal

Entradas: Ataquilla / Teatro Principal

DEBATE

FELWINE SARR (Senegal)

Felwine Sarr é académico, filósofo, economista e músico do Senegal. Profesor da Universidade Gaston Berger en Saint-Louis (Senegal) desde 2007, o seu traballo académico céntrase, entre outros, en políticas económicas, economía de desenvolvemento, econometría e historia de ideas relixiosas. En 2010 gañou o premio de investigación económica Abdoulaye Fadiga e en 2016 foi galardoado co Grand Prix des Associations Littéraires (modalidade de investigación) pola súa obra Afrotopia. Foi o autor dun informe encargado por Emmanuel Macron, presidente de Francia, para propoñer o regreso de obras de arte africanas pilladas durante a colonización.

FELWINE SARR (Senegal)

CANDO: Mércores 1 de Abril, 19.00 horas

ONDE: Centro Cultural Marcos Varcárcel

Entrada libre

TEATRO

TRACES Discurso ás nacións africanas (Senegal/Burkina Faso)

ESTRENO EN ESPAÑA

Monólogo teatral de Felwine Sarr

Actor: Étienne Minoungou

Un africano que vén de atravesar unha longa odisea decide dirixirse aos seus. Convídaos, a través do seu discurso poético, a construír o futuro. Por isto é necesaria unha transformación luminosa da experiencia cultural e histórica dun continente que coñeceu todos os altibaixos da condición humana.

Interpretada en escea polo actor Étienne Minoungou.

TRACES Discurso ás nacións africanas

CANDO: 2 de Abril 20.00 h

ONDE: Teatro Principal

ENTRADAS: Teatro Principal

MÚSICA

DJELI TAPA (Mali)

Descendente dunha familia de ilustres griots, a compositora e intérprete de orixe maliense Djely Tapa defende un estilo musical que navega entre o blues, a electrónica e os ritmos tradicionais do Sahel. Comenzou como cantante do grupo Afrikana Soul Sister. En 2019, lanzou o seu primeiro disco en solitario, Barokan, aclamado pola crítica, onde aborda temas como o lugar da muller na sociedade contemporánea e a africanidade.

DJELI TAPA (Mali)

CANDO: 3 de abril, 21.00 horas

ONDE: Teatro Principal

Entradas: Teatro Principal