| A Represión na provincia de Ourense |
| Proxecto |
|
Represaliados ourensáns (1936-1945) Durante os anos noventa do pasado século XX gran parte dos denominados «netos da guerra» alcanzaron a súa «maioría de idade social». Moitos pertencían a unha xeración moito menos marcada polas consecuencias traumáticas da guerra civil e menos comprensiva co mantemento das políticas de fomento dunha «memoria adecuada» coas que creceran e maduraran. Ambos os dous elementos foron determinantes para que, de xeito individual ou a través das diferentes asociacións para a recuperación da chamada «memoria histórica», se implicasen máis activamente na procura dunha serie de respostas, particularmente na indagación da traxectoria vital dos seus devanceiros. Paralelamente, a apertura de diferentes arquivos, ata entón vedados aos profesionais da Historia, facilitou que investigadores mozos se implicasen na reconstrución dunha parte do noso pasado, tantas veces silenciado e agochado, como parte da súa propia traxectoria profesional. A Área de Historia Contemporánea da Facultade de Historia de Ourense e o Obradoiro de Historia de Galicia, baixo a dirección do profesor Jesús de Juana, foi pioneira dentro de Galicia na apertura desas novas liñas de investigación baseadas na sistemática exploración e utilización das fontes militares, policiais e carcerarias, imprescindibles para o estudo científico do que foi a represión franquista na provincia de Ourense, posiblemente a mellor coñecida de todo o Estado español. As teses de doutoramento de Xulio Prada Rodríguez e Domingo Rodríguez Teijeiro, así como as numerosas publicacións do grupo investigador sobre a materia, constitúen o mellor expoñente dos logros acadados nos últimos anos. Mais todo este coñecemento non sempre consegue transcender o ámbito académico nin se transmite axeitadamente á sociedade. As continuas demandas de información por parte de familiares de represaliados que reciben as institucións e os membros do grupo investigador son boa proba disto. A constatación da existencia desta demanda social é o que levou á Deputación Provincial de Ourense a interesarse polas posibilidades de poñer á disposición da sociedade un servizo de identificación, localización e análise dos fondos documentais existentes sobre a represión na nosa provincia en forma dunha base de datos de fácil consulta a través da rede. O proxecto prevé incluír, en primeiro lugar, o nome e apelidos, a procedencia e o delito ou delitos de todos os encausados e procesados polos tribunais de guerra na provincia de Ourense entre 1936 e 1945, así como o seguimento do proceso ata a súa resolución. En segundo lugar, o nome e apelidos de todos os detidos na provincia de Ourense postos a disposición das autoridades gobernativas e militares non sometidos a proceso polos tribunais de guerra, procedencia e domicilio e delito ou delitos imputados. Finalmente, os executados en cumprimento dunha sentenza de consello de guerra e os asasinados paralegalmente ata onde o estado actual das fontes permita chegar. A información existente irase actualizando a medida que novas fontes ou testemuñas permitan ir enchendo as lagoas que, inevitablemente, unha investigación deste calado ten que conter. O obxectivo final, é que todas aquelas persoas interesadas podan ter acceso á información dispoñible sobre os represaliados na provincia de Ourense e estean en condicións, se o desexan, de poder acceder persoalmente á documentación existente nos arquivos públicos. |
| Proxecto realizado por MYO Digital para o Obradoiro de Historia de Galicia | © 2006 MYO Digital |