A Represión na provincia de Ourense

Metodoloxía e Fontes

As fontes empregadas para a elaboración das listaxes que conforman as diferentes bases de datos son tres: os procesos incoados pola xurisdición de guerra, os libros-rexistro de reclusos da prisión ourensá, os libros do cemiterio municipal de Ourense e os Rexistros Civís dos diferentes xulgados municipais de Ourense.

Os procesos incoados pola xurisdición de guerra correspondentes á provincia de Ourense atópanse depositados na actualidade no Arquivo Intermedio da Rexión Militar Noroeste, con sede en Ferrol. O acceso a estes fondos é público, polo que calquera persoa pode dirixirse aos seus responsables para ampliar a información recompilada na base de datos homónima facilitando o número de causa, dilixencia ou expediente polo que estea interesado.

Nas listaxes figuran todos os encausados e procesados pola xurisdición de guerra na provincia de Ourense entre 1936 e 1945, o que non significa que todos os ourensáns que compareceron diante desta xurisdición estean incluídos na base de datos. Loxicamente non aparecen os que foron encartados noutras provincias e mesmo rexións militares e, pola contra, si están recollidos os naturais e/ou veciños doutras zonas que foron xulgados en Ourense. Tampouco se inclúen no estudio aquelas causas, dilixencias, informacións ou procedementos previos relacionados con cuestións de índole puramente administrativo (substitución de material de guerra, perda de armamento...) e tampouco as que se abren como resultado da explosión fortuíta de bombas ou explosivos.
Esta fonte, o mesmo que calquera outra desta ou parecida natureza, pode conter erros e/ou omisións e lagoas de diversa natureza en aspectos como a identificación, o domicilio, a profesión, o estado civil, etc. das vítimas. A este respecto cómpre advertir que para o criterio de veciñanza e de profesión optouse por facer constar a que resultaba determinante para a incoación de dilixencias: por exemplo, un traballador do ferrocarril no tramo de Vilar de Barrio, que participou na resistencia ao golpe e foi encartado por isto, aparecerá domiciliado nesta localidade e non na súa de veciñanza. Cando foi posible corrixíronse e completáronse mediante o cruce con outras fontes, especialmente no período comprendido entre 1936 e 1939 pola meirande riqueza documental dispoñible. Aínda así, o labor de depuración das listaxes é un proceso inacabado que se irá actualizando na medida en que a sociedade ourensá contribúa a encher os baleiros que continúan existindo no capítulo da represión franquista.

Un proceso de carácter castrense podía incoarse por múltiples vías: atestado de calquera forza de seguridade, parte dun soldado ou oficial, denuncia de particulares, inhibición dunha instancia xudicial ordinaria, orde directa do gobernador militar, etc. Calquera que fose a causa do seu inicio, inmediatamente se puña en marcha un proceso inquisitorial no que as máis variadas instancias (gardas civís, policías, párrocos, alcaldes, delegados gobernativos, responsables dos rexistros, veciños, inculpados, etc.) van a deixar constancia da súa particular interpretación da actuación anterior, coetánea e/ou posterior á sublevación do encartado mediante os máis diversos instrumentos probatorios (declaracións, testemuños, informes de conduta e antecedentes penais, certificados, documentos administrativos, artigos de xornais, etc.) que se incorporan á peza sumarial ata que o período de instrución se considera concluso.

Corresponde ao xuíz instrutor decretar ou non o procesamento do encartado logo do oportuno resumo do actuado e, en consecuencia, acordar ou non a prisión incondicional –en caso negativo pasaba a disposición do gobernador civil como detido gobernativo– para, seguidamente, dar conta da situación do detido ao director da prisión na que se atope, elevar os autos ao auditor militar; este é quen decide, se o estima necesario, a práctica de novas dilixencias, o sobresemento e arquivo ou a elevación dos autos a consello de guerra, previo detallado resumo no que constan todas as dilixencias realizadas. Mediante unha providencia do consello de guerra procédese seguidamente ao nomeamento dun fiscal ao que se envía o sumario; seguidamente, este remite un escrito co seu parecer sobre o caso, podendo solicitar, se o considera oportuno, a práctica de novas probas. A continuación repítese este procedemento co defensor, correspondendo a aquel decidir ou non a práctica de novas probas; en caso afirmativo redáctase un novo auto para que o xuíz instrutor proceda a reunilas. Redactadas polo fiscal as súas conclusións provisorias –que poden ser contestadas ou no pola defensa antes do acto do consello– e culminadas as dilixencias descritas, procede a fixación de data e lugar para a celebración do consello de guerra así como a facer pública a composición do tribunal encargado de ditar sentenza.

O C onsello de guerra comeza coa lectura do auto-resumo, despois da cal o presidente invita a defensor, fiscal e vogais a preguntar ao procesado ou procesados o que estimen oportuno; seguidamente fiscal e defensor expoñen a súa visión dos feitos e solicitan a imposición dunha pena ou a absolución, dando paso á declaración final do acusado. Por último, o tribunal reúnese en sesión secreta para deliberar e ditar sentenza. O texto desta última principia cun encabezamento (lugar, data, tribunal, filiación do acusado...) que dá paso ao primeiro (antecedentes do acusado e feitos dos que se lle acusa) e seguintes resultandos e considerandos nos que se fixa o delito e, finalmente, se detalla a condena. Notificada a sentenza a fiscal, defensor e procesado, elévanse os autos ao auditor.O auditor de guerra debía emitir informe razoado confirmando ou disentindo da decisión do tribunal, documento que era elevado ao xeneral xefe da División Orgánica –posteriormente convertida en Rexión Militar– quen, pola súa banda, podía coincidir ou non co ditame do seu auditor. En caso de discrepancia de fondo sobre algúns dos elementos esenciais do proceso que non puidese ser resolta de oficio –por exemplo, un erro material de cálculo da pena– por parte do auditor e/ou do responsable da División Orgánica, os autos eran elevados ao Alto Tribunal de Xustiza Militar de Valladolid, que era quen casaba definitivamente a sentenza.

No caso de que o reo fose condenado a morte, primeiro a Xunta de Defensa Nacional e, a partir de outubro de 1936, a Asesoría Xurídica do Xeneralísimo debía remitir o preceptivo «enterado» como paso previo á execución, ou comunicar a conmutación da pena capital pola inferior en grao, invariablemente a de trinta anos de prisión maior. Se a pena capital non era conmutada, o gobernador militar practicaba unha nova dilixencia na que constaban lugar, data e hora do fusilamento e como se debía formar o pelotón; unha providencia comunicaba a aquel que se cumpriran as súas ordes. Finalmente, inscribíase a defunción no Rexistro Civil.

Os procesos militares permiten elaborar listaxes absolutamente fieis do que foron as vítimas da represión sometidas a consello de guerra e moi aproximada do que foron os fusilamentos sen formación de causa na provincia (o cento por cento na capital). Porén, quedan fora varios milleiros de persoas encadeadas e non sometidas a proceso, algunha das cales permaneceron máis tempo en prisión que os condenados por sentenza firme. Para cubrir esta lagoa contamos cunha fonte seriada de gran importancia: os libros-rexistro de reclusos da cadea ourensá, nos que quedaba constancia de todos os ingresos que se producían na prisión provincial. Na actualidade atópanse depositados no Arquivo Histórico Provincial de Ourense e son tamén de libre acceso aos cidadáns para o período que abrangue o proxecto.

Esta fonte presenta unha problemática específica relacionada coa natureza do delito que determina a detención. Durante a etapa republicana, ademais dos datos persoais e da autoridade que ordena a detención, consta nunha porcentaxe significativa dos casos a natureza do delito que a motiva o que, axeitadamente tratado, permite distinguir entre presos por cuestións de carácter político e delincuentes comúns. Pola contra, para o período que segue á declaración do estado de guerra, non queda máis remedio que acudir ao criterio da autoridade que ordena a detención cando non dispoñemos do expediente persoal ou de anotacións concretas na ficha de filiación do recluso, o que multiplica o risco de cometer erros á hora de establecer a natureza do delito, o mesmo cando se trata de incluír como «políticos» a delincuentes común que á inversa. De calquera xeito, o feito de que gran parte das condutas delituosas quedasen reservadas á competencia das autoridades militares polas normas represivas dos sublevados obriga a considerar, en coherencia con esa lexislación, como de natureza política ou político-social condutas que en situación de normalidade constitucional serían constitutivas dun delito común. Así, por exemplo, o uso de armas como medio intimidatorio nun roubo caía dentro do ámbito xurisdicional castrense, e aínda que os seus móbiles fosen exclusivamente económicos o seu tratamento procesual e penolóxico dábanlle unha transcendencia diferente como ben reflicten as fontes cando explicitan a autoridade á disposición da cal queda o preso.

Porén, non dispoñemos da mesma fonte para o resto dos depósitos municipais, para os cárceres de partido nin para os edificios habilitados como prisión durante a etapa franquista. Por tanto, cómpre asumir que os municipios que non forman parte do partido xudicial de Ourense se verán lixeiramente subrepresentados, xa que cando o encadeamento se producía por condutas delituosas leves que non requirían o traslado do reo á capital provincial para a substanciación do proceso non sempre imos ter noticia dos presos en cuestión. A cuestión é especialmente problemática a partir de xullo de 1936, cando estes edificios están a rebordar e cómpre acudir a edificios como o convento de Celanova, Oseira, etc. para albergar aos detidos.

Moi relacionado con isto último está a fiabilidade desta fonte para determinar a data de detención dunha persoa. Con relativa frecuencia observarase unha discrepancia entre a data de detención que figura nos procesos militares e a que aparece nos libros-rexistro da Prisión Provincial, especialmente no caso de suxeitos residentes en concellos afastados da capital. Isto é debido a que estes últimos adoitaban ser ingresados en depósitos municipais e cárceres de partido xudicial antes do seu traslado á provincial; cando a causa militar permite determinar a data real de detención, esta será a que figure na base de datos correspondente, respectando, como é lóxico, a data de entrada no centro penitenciario provincial.

Os libros de defuncións dos cemiterios tamén proporcionan información sobre asasinados extraxudicialmente e, no caso do de Ourense, sobre fusilados sen formación de causa executados no Campo de Aragón e no Cumial. A decisión de construír unha base de datos específica responde ás inquedanzas manifestadas por numerosos familiares, que descoñecen exactamente o lugar no que foron soterrados as vítimas; por iso incluímos nela o número de nicho en que foi inhumada, aínda que os interesados deben ter en conta que este número se corresponde coa ordenación antiga do cemiterio de San Francisco. Deberán dirixirse ás autoridades municipais, para saber a correspondencia exacta da mesma coa existente no momento da execución. Para a consulta do libro de cemiterios de Ourense que obra no respectivo negociado, precísase unha autorización do pleno do concello.

Os Rexistros Civís presentan, así mesmo, unha problemática específica derivada da normativa vixente no período que nos ocupa. A este respecto é preciso ter en conta o disposto polo Decreto nº 67 de 11 de novembro de 1936, ditado coa teórica finalidade de facilitar a inscrición de mortes, desaparicións e ausencias, que prescribía que “La inscripción de fallecimiento o la desaparición de personas (...) se verificará en el Registro Civil del último domicilio, y si éste no constase en el de naturaleza del individuo de que se trate”. Esta disposición foi sistematicamente incumprida polos xuíces competentes, pois a inmensa maioría dos homes e mulleres asasinados nun termo municipal diferente do da súa veciñanza só figuran inscritos no lugar de defunción.

Outra das meirandes taras desta fonte procede dun precepto legal contido na “Ley Provisional del Registro Civil” (LPRC) de 17 de xuño de 1870 orixinariamente pensado para a protección do dereito ao honor e á intimidade das persoas e dos seus familiares: concretamente o seu artigo 86 prescribía que “cuando la muerte hubiere sido violenta, o hubiere ocurrido en la cárcel, establecimiento penal, o por efecto de ejecución capital, no se hará mención en la partida correspondiente del Registro Civil de ninguna de estas circunstancias”.

Os meirandes problemas atopámolos cando do que se trata é de cuantificar a represión paralegal, é dicir, os tristemente famosos paseos, sacas e asasinatos disfrazados de lei de fugas. En primeiro lugar, pola súa propia extensión espacial: mentres os fusilamentos que se producían como resultado dunha condena en consello de guerra se executaban materialmente en lugares correspondentes ao termo municipal de Ourense, os paseados presentan unha dispersión máis que notable que mesmo supera o marco provincial. Ademais, en moitos supostos a verdadeira causa da morte aparece disfrazada baixo os máis insospeitados epígrafes, como «shock traumático», «parada cardiorespiratoria», «derrame cerebral», «hemorragia cerebral», «aplastamiento craneal», «arterioesclerosis» e, por suposto, as consabidas «hemorragia interna» e «hemorragia externa». Naturalmente isto introduce un evidente factor de distorsión, pois cómpre admitir que un certo número de paseados poden non ter sido contabilizados por non existiren elementos de xuízo na partida de defunción que, combinados coa causa de morte, poidan facer sospeitar que estamos diante dunha execución e non dunha morte natural. A sensu contrario, nos libros de defunción podemos atopar toda unha serie de anotacións indiciarias que nos poñan sobre a pista dun posible represaliado cando, en realidade, non se trate de tal.

Finalmente, resulta evidente que nos libros de defunción dos Rexistros non constan, sexan ou non disfrazados, todos os asasinados durante aqueles anos, pois nalgúns casos non se cumpriu a normativa vixente polas máis diversas razóns (o cadáver non foi achado, as autoridades non amosaron interese por ordenar a inscrición, o medo dos familiares...).


Proxecto realizado por MYO Digital para o Obradoiro de Historia de Galicia © 2006 MYO Digital