Novo éxito da carpa Ourense Composta hoxe en Xinzo de Limia

Ao longo de toda a xornada, medio centenar de veciños de Xinzo de Limia, e tamén de concellos coma Sandiás interesáronse e inscribíronse na campaña de compostaxe doméstica promovida pola Deputación de Ourense e SOGAMA.

Xinzo de Limia, 27 de xaneiro de 2016

Hoxe mercores 27 de xaneiro, a xornada informativa da campaña Ourense Composta visitou a localidade de Xinzo de Limia, coincidindo coa celebración do mercado da vila, co obxectivo de acadar a implicación dos veciños para a xornada formativa que terá lugar nos vindeiros días arredor da compostaxe doméstica.

A carpa informativa da campaña, que estivo ubicada de 10:00 a 18:00 horas na Praza Maior de Xinzo de Limia, contou coa presencia de numerosos veciños ao longo de toda a xornada. Finalmente anotáronse arredor de 50 persoas interesadas en participar nunha campaña que ten por obxectivo achegar as claves da compostaxe doméstica a partir de residuos orgánicos. Deste xeito, todos os inscritos quedaron citados para a xornada formativa que terá lugar o luns 15 de febreiro a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

Para poder inscribirse na xornada, os veciños tiñan que cumprir unha serie de requisitos: non ter participado en campañas anteriores, ser residente nalgún dos 50 concellos participantes, dispor dun espazo mínimo de horto ou xardín, e comprometerse a participar tanto na xornada de formación coma no posterior acto de recepción do composteiro, que terá lugar no fogar de cada participante.

A vindeira cita coa carpa de Ourense Composta terá lugar o mañá mércores 28 de xaneiro no concello de Bande (na zona da Feira, na rúa Mestre Taibo).