A carpa de Ourense Composta visita San Cibrao das Viñas

Os veciños de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar inscribíronse na campaña promovida pola Deputación de Ourense e SOGAMA.

San Cibrao das Viñas, 22 de xaneiro de 2016

Hoxe venres 22 de xaneiro, a xornada informativa da campaña Ourense Composta visitou a localidade de San Cibrao das Viñas co obxectivo de acadar a implicación dos veciños para a xornada formativa que terá lugar nos vindeiros días arredor da compostaxe doméstica.

A carpa informativa da campaña, que estivo ubicada de 10:00 a 18:00 horas na explanada do concello, contou coa presencia de diversos veciños que se anotaron interesadas en participar nunha campaña que ten por obxectivo achegar as claves da compostaxe doméstica a partir de residuos orgánicos. Deste xeito, todos os inscritos quedaron citados para a xornada formativa que terá lugar o xoves 11 de febreiro a partir das 16:30 horas na Biblioteca Pública de San Cibrao das Viñas.

Para poder inscribirse na xornada, os veciños tiñan que cumprir unha serie de requisitos: non ter participado en campañas anteriores, ser residente nalgún dos 50 concellos participantes, dispor dun espazo mínimo de horto ou xardín, e comprometerse a participar tanto na xornada de formación coma no posterior acto de recepción do composteiro, que terá lugar no fogar de cada participante. Tras as citas de O Carballiño e San Cibrao das Viñas, a vindeira cita coa carpa informativa de Ourense Composta terá lugar o próximo luns 25 de xaneiro no concello de Ribadavia (na entrada da Praza Maior).