Éxito de participación da primeira xornada de Ourense Composta celebrada hoxe en o Carballiño

Máis de 150 veciños inscribíronse na campaña promovida pola Deputación de Ourense e SOGAMA.

O Carballiño, 16 de xaneiro de 2016

Hoxe sábado 16 de xaneiro, a xornada informativa da campaña Ourense Composta foi todo un éxito de participación por parte dos veciños tanto de O Carballiño coma de outros de concellos coma O Irixo, Cea, Boborás ou San Amaro.

A carpa informativa da campaña, que estivo ubicada de 10:00 a 18:00 horas na Praza Maior do concello, contou coa presencia de máis de 150 persoas que se anotaron interesadas en participar nunha campaña que ten por obxectivo achegar as claves da compostaxe doméstica a partir de residuos orgánicos. Deste xeito, todos os inscritos quedaron citados para a xornada formativa que terá lugar o venres 29 de xaneiro a partir das 19:30 horas, no propio concello de O Carballiño. A esta xornada tamén se poderán apuntar todos aqueles que non o puideron facer nesta carpa informativa. Para poder inscribirse na xornada, os veciños tiñan que cumprir unha serie de requisitos: non ter participado en campañas anteriores, ser residente nalgún dos 50 concellos participantes, dispor dun espazo mínimo de horto ou xardín, e comprometerse a participar tanto na xornada de formación coma no posterior acto de recepción do composteiro, que terá lugar no fogar de cada participante.

Tras a cita de O Carballiño, a vindeira cita coa carpa informativa de Ourense Composta terá lugar o vindeiro venres 22 de xaneiro no concello de San Cibrao das Viñas.