Territorio

A Provincia

A provincia de Ourense fórmana noventa e dous municipios, sendo a súa poboación total de 340.000 habitantes distribuídos de forma irregular e moi dispersa nos seus 7.092 km2. Presenta un graduado e moi acusado relevo ocupado por tres grandes macizos montañosos, que lle proporcionan unha rica diversidade climática, con invernos típicos de alta montaña e benignos nos vales, e veráns xeralmente secos.

Ourense é unha provincia que se pode visitar en calquera época do ano, xa que se a primavera e o verán son as mellores estacións pola súa climatoloxía, o outono presenta unha vistosa e colorida vexetación ademais dun clima agradable.

Tamén é un nó importante para as comunicacións ao ser a porta de entrada a Galicia e territorio fronteirizo con Portugal. As súas comarcas, ben diferenciadas, posibilitaron ricas culturas e tradicións típicas tan particulares que fan única a cada unha delas.

Historia

A cultura dos castros é a que máis atractivo exerce sobre a xente. Existe un gran número e sobre eles perdura unha gran tradición folclórica. Existe unha forte presenza da dominación romana sobre a provincia, quedando dela numerosos vestixios e testemuños como os miliarios ou fitos viarios, dándose aquí a maior acumulación de toda a Península. Outros restos da romanización son os asociados á rede viaria.

Pero se algo deixou extraordinarias pegadas foi a arquitectura relixiosa, que xerou un gran patrimonio artístico e singulares tradicións. A máis notable destas constitúea a peregrinación xacobea, orixe da chamada Ruta da Prata que canaliza a través da provincia o fluxo xacobeo procedente do Levante, Centro e Sur de España. Consérvanse castelos e fortalezas, torres defensivas e murallas, etc. De referencia obrigada son os pazos, construcións típicas de porte señorial e bela arquitectura típicos do país galego.

O patrimonio da pedra podería ser a acepción adecuada para designar o rico patrimonio formado pola arquitectura monástico-relixiosa. Pedra sobre pedra, erguéronse eremitorios, cenobios, mosteiros e santuarios. O monacato, onde abunda o románico, presenta monumentais exemplares. Os templos parroquiais amosan con frecuencia características tales que os levaron a ostentar a condición de Monumento Nacional Histórico-Artístico. Os cruceiros e petos de ánimas, singular tradición galega, antollaránsenos compañeiros de viaxe.

Historia Representada, as tradicións

Ourense evoca á antigüidade representando o pasado de forma lúdica. A xente vestida á antiga, os personaxes de intenso atractivo, o medio urbano, arcaico, onde teñen lugar os feitos, trasladan ao visitante a outra época, e este non fará máis que deixarse levar polo encanto da historia escenificada.

Ao longo de todo o ano, e coincidindo ás veces coas fases do ciclo agrícola ou datas memorables, celébranse festas tradicionais e históricas como o Entroido, o Boi, a Batalla de Mouros e Cristiáns, a Festa da Istoria... Mercados artesáns, danzas tradicionais, eventos musicais con instrumentos populares de uso ancestral, son outras mostras da lembranza do noso pasado, da súa subsistencia na conciencia ourensá e do apego á tradición e riqueza cultural.

A provincia de Ourense conserva viva na conciencia colectiva das súas xentes a tradición e o amor pola perturbación do legado de ancestrais costumes folclóricos transmitidas de xeración en xeración.

Aventura: Ríos, fontes, caldas...

Ourense é rica en augas termais e mineiro-medicinais. Certas tradicións chegadas ata nós transmítennos que xa antigos poboadores aproveitaban os seus efectos curativos. Na actualidade, préstase gran atención a este recurso, existindo establecementos balnearios distribuídos por toda a provincia. A intensa rede fluvial propicia a existencia de numerosos encoros, favorecendo así a rica oferta de espazos para a práctica de deportes náuticos ou de navegación recreativa.

O relevo da provincia xera espazos moi diferentes entre si, pero que constitúen unha oferta moi completa para a práctica do deporte en contacto coa natureza. Alta montaña, profundas canles fluviais, outeiros, chairas e ríos remansados, permiten case todas as modalidades de deporte de acción ou lecer. En calquera caso, gozarase de escenarios dunha gran beleza paisaxística.

Os viños prodúcense en ecoclimas moi diferentes entre si, a produción da castaña é cuantiosa existindo decenas de variedades, o cultivo da pataca, con altas cifras de exportación, é moi apreciada pola súa calidade. Nos últimos anos, os cogomelos cobraron grande importancia, sobre todo polo seu estado silvestre, e a apicultura é unha actividade crecente.