Recepción ao alcalde de Quintela de Leirado

Ourense, 13 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez.

Recepción ao alcalde de Castrelo do Val

Ourense, 13 de xaneiro de 2020.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez.

A mocidade do Irixo coñece as liñas básicas do proxecto EmprendOU

Ourense, 11 de xaneiro de 2020.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, mantivo hoxe un encontro na Casa Cosistorial do Irixo coa mocidade do municipio, convocada polo alcalde do mesmo, Manuel Cerdeira, para explicarlle as liñas básicas do proxecto EmprendOU co obxectivo de "facer chegar a iniciativa á poboación destino das axudas deste programa que puxemos en marcha desde a Deputación de Ourense para afrontar o reto demográfico", explicou Luz Doporto.

Este tipo de encontros resultan fundamentais para "poder chegar á mocidade á que vai dirixida este proxecto, iniciativa á que se están a unir numerosas propostas empresariais na provincia, porque o potencial do rural é infinito e con estas axudas colaboramos no asentamento da mocidade no rural ourensán", engadiu a deputada provincial.

O proxecto EmprendOU concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.

Presentado o proxecto de reforma do novo complexo deportivo de Monterrei

  • As actuacións que se levarán a cabo nesta primeira fase supoñen un investimento de 1.022.866 euros que será financiado ao 50% pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

  • Rosendo Fernández dixo que "neste día histórico para a nosa provincia, o goberno provincial volve a amosar o seu compromiso co deporte investindo na mellora desta infraestrutura deportiva que será todo un referente".

Ourense, 10 de xaneiro de 2020.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, presentaron hoxe, na entrada principal do complexo, o proxecto de reforma do novo complexo deportivo de Monterrei.

As actuacións que se levarán a cabo nesta primeira fase supoñen un investimento de 1.022.866 euros que inclúe as obras, a dirección de obra e a seguridade, e será financiado ao 50% pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Rosendo Fernández dixo que "neste día histórico para a nosa provincia, o goberno provincial volve a amosar o seu compromiso co deporte investindo na mellora desta infraestrutura deportiva que será todo un referente".

Pola súa parte, José Ramón Lete sinalou que o proxecto de reforma presentado hoxe refírese á zona deportiva do complexo, diferenciada da zona acuática, e "licitarémolo a finais deste mes e esperamos empezar as obras neste primeiro trimestre de ano para poder inaugurar para o verán a zona deportiva do complexo".

O arquitecto Óscar Menor explicou que este proxecto ten como obxectivo fundamental executar varias pistas polideportivas onde se poden albergar nun futuro os usos que agora mesmo se desenvolven nas actuais e que coa execución do novo parque acuático serán eliminadas. O novo complexo de Monterrei contará cunha pista de pump track cuberta, dúas pistas de pádel descubertas, dúas pistas de pádel cubertas con céspede artificial, unha pista de tenis descuberta, unha pista de tenis cuberta con céspede artificial, unha pista polivalente e, ao mesmo tempo, aprovéitase para cubrir tamén toda a grada da pista de atletismo.

No relativo á zona acuática, Jose Ramón Lete asegurou que se está a "estudar o plan de necesidades para esta zona que será independente e de uso estacionalizado". O proxecto referido a esta parte do complexo "esperamos licitalo neste primeiro trimestre do ano e constará de tres fases diferentes: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina que será un engadido para convertelo nun referente de ámbito nacional", explicou o secretario xeral para o Deporte. O investimento destinado ás obras da parte acuática do complexo, que se espera que estea completamente rematada antes do verán de 2023, ascende aos 8.809.566 euros.

Luis Menor lembrou a importancia que tivo para o crecemento do municipio do Pereiro de Aguiar a creación do complexo deportivo de Monterrei afirmando que "no seu momento foron unhas instalacións pioneiras que permitiron que O Pereiro de Aguiar comezara a medrar e a modernizarse, converténdose no noso gran centro de referencia".