Manuel Baltar: "O Rallye de Ourense é o gran escaparate para o mundo do motor, o turismo e o termalismo da provincia"

  • O presidente da Deputación destacou na presentación da proba automobilística "o gran impacto mediático e económico que supón para a provincia de Ourense".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe no acto de presentación da 46ª edición do Rallye de Ourense que o "impacto mediático e económico" que esta proba deixa na provincia "supón un pulo importante para a economía provincial, o fomento do deporte do motor e a promoción turística e termal da provincia de Ourense".

No acto de presentación, que tivo lugar na contorna das Burgas, Manuel Baltar lembou que en 1967 foi Estanislao Reverter, piloto de ámbito nacional e internacional, quen trouxo a Ourense unha proba automobilística como nas que el participaba, e así naceu este evento que, 46 anos despois, é considerado polos mellores pilotos da especialidade como "berce e cátedra do automobilismo". Asemade, Baltar engadiu que a Federación Española de Automobilismo cualificou ao Rallye de Ourense como "Mellor proba organizada do campionato nacional de rallyes de asfalto", e felicitou aos organizadores pola recente distinción outorgada pola Xunta de Galicia: a medalla ao mérito deportivo 2013, "polo emblemático desta proba e pola súa contribución ao deporte".

O Rallye de Ourense, que se celebra este fin de semana, percorrerá cinco concellos de Ourense, o que permitirá que a provincia sexa "un gran escaparate para o mundo do motor, do turismo e do termalismo", dixo Manuel Baltar, quen rematou a súa intervención desexando "un éxito que xa está garantido" e que "afeizoados e deportistas gocen con esta senlleira proba".

Nesta edición, a Deputación de Ourense achega 30.000 euros para a organización do Rallye de Ourense, destinados ao financiamento da organización desta proba automobilística, unha das máis importantes do calendario nacional, que ten un percorrido total de 487 quilómetros, dos cales 206 quilómetros serán de tramos cronometrados.

Manuel Baltar participou no acto de presentación xunto co presidente de Escudería Ourense, Adolfo Rodríguez de la Rúa, e o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, acompañados por membros da organización e outros representantes empresariais e institucionais.

O Camiño Miñoto Ribeiro descobre unha nova ruta a Compostela a través do viño, a historia e o termalismo de Ourense

  • No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense presentouse hoxe a xornada de divulgación que se celebrará o vindeiro 18 de xuño.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da "Xornada de divulgación do Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro", que se celebrará o vindeiro martes, 18 de xuño, no salón de actos do Centro Cultural. A presentación contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro, Cástor Pérez, e o asesor de Política Cultural da Deputación de Ourense, César Fernández.

A xornada ten como obxectivo, segundo explicou Rosendo Fernández, "dar a coñecer o traballo de documentación histórica que sobre esta ruta ten feito a asociación do camiño xacobeo miñoto ribeiro. Este colectivo leva traballando dende o ano 2009 a prol da posta en valor e do recoñecemento oficial desta ruta como unha das rutas de peregrinación dos camiños Xacobeos".

Cástor Pérez explicou que o traballo historiográfico e de documentación realizouse "para determinar con exactitude o percorrido que realizaban os peregrinos que facían esta ruta de cara a Santiago". "Pero o Camiño Miñoto-Ribeiro –engadiu- non foi unicamente unha ruta de peregrinación cara a Santiago, senón que ao longo do tempo esta vía tamén foi a que se empregou para facer chegar o viño do Ribeiro a Santiago de Compostela. Atopámonos pois ante un roteiro que aglutina os principais recursos endóxenos da provincia de Ourense, a paisaxe, a historia, o termalismo e o viño".

O camiño miñoto, ao seu paso pola provincia de Ourense, transcorre polos concellos de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, Arnoia, Ribadavia, Beade, Cenlle, Leiro, Boborás e Beariz. Coa xornada de divulgación preténdese por en valor o traballo levado a cabo pola Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro para documentar a existencia desta ruta, e tamén, amosar o compromiso da Deputación de Ourense a prol do recoñecemento oficial desta ruta, un recoñecemento que pode exercer "de axente dinamizador socioeconómico dos concellos polos que atravesa. Concellos que na meirande parte dos casos, gozan dun atractivo histórico, monumental e paisaxístico innegable", dixo Rosendo Fernández.

Na xornada impartiranse diferentes relatorios dos membros da asociación sobre a pegada histórica desta ruta, a súa potencialidade como axente dinamizador da economía dos concellos polos que transcorre e a relación deste camiño coa saúde pública a través do termalismo.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a presentación da exposición "Vivimos nun gran trompo"

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da exposición "Vivimos nun gran trompo" (We live in a great spinnin top), que permanecerá aberta até o vindeiro 24 de xuño no mesmo Centro Cultural. Esta exposición, organizada pola Fundación Laya - Patrimonio lúdico, conta coa colaboración do propio Centro Cultural que a alberga e do Museo Arqueolóxico de Ourense. Enmárcase dentro das accións que se están desenvolvendo ao redor da Asamblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, que terá lugar na vindeira semana, entre o 21 e o 23 de xuño.

O coordenador da exposición, Lois Pardo, explicou que se escolleu o xogo do trompo (peón, pión, buxaina, nocella, trompa, sevillana, bailarete, danzarico...) "por ser un dos xogos máis universais e máis ricos en oralidade en cada unha das distintas comunidades culturais nas que ten presenza. Considerados como elementos máxicos, empregados por chamáns, bruxos e curandeiros, os seus xiros poden atraer a choiva, predecir as boas colleitas ou simplemente ser a excusa para que un avó transmita os seus saberes ao neto mentres lle ensina a lanzar o peón". Trátase dun elemento patrimonial dos máis ricos dentro dos usos sociais, rituais e festivos, pois facilita a comunicación através do xogo entre distintas culturas e distintas xeracións.

O director do Centro Cultural, Francisco González, aludíu "ao carácter educativo desta exposición", que conta con follas explicativas "e documenta historicamente os usos e costumes deste tipo de xogo", explicou. Pola súa banda, César Fernández, asesor cultural da Deputación, destacou "o carácter universal do xogo como elemento común de todas as civilizacións".

A exposición recolle máis de setenta pezas de diferentes continentes, un vídeo e material explicativo.

O Castelo de Monterrei será a "capital mundial da gaita" na celebración da XXVIII Xuntanza Internacional de Gaiteiros

  • O evento, organizado pola Deputación de Ourense e o Concello de Monterrei, reunirá o 15 de xuño a músicos e especialistas europeos neste instrumento ao redor de concertos, exposicións e obradoiros didácticos.

O Castelo de Monterrei (Ourense) será o vindeiro 15 de xuño a "capital mundial da gaita" coa celebración da "XXVIII Xuntanza Internacional de Gaiteiros", que organiza a Deputación de Ourense en colaboración co Concello de Monterrei. A fermosa contorna da fortificación medieval de Monterrei servirá de escenario un ano máis para que centos de músicos, intérpretes e cantareiras exhiban o arte secular do instrumento máis arraigado na cultura popular, ourensá, galega e europea: a gaita.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e polo director da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, Xosé Lois Foxo, presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" as actividades da XXVIII edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros, destacando "a fortaleza da nosa cultura, nuns tempos onde se dubida de todo, polo cal temos que seguir a reivindicar o peso do noso e, sinaladamente, da nosa alma musical como é a gaita, un instrumento convertido en universal porque así o quixo a cultural popular".

O alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, agradeceu á Deputación de Ourense a achega económica que fai posible a celebración deste evento, no que destaca este ano a presenza de Lisa Howard, unha moza irlandesa de 18 anos considerada a mellor gaiteira de Irlanda, quen interpretará conxuntamente coa Real Banda a melodía galega "A Carolina" e un tema do folclore celta.

Pola súa banda, Xosé Lois Foxo dixo que a Xuntanza "foi dende 1986 un berce de grandes gaiteiros, algo do que nos sentimos moi ledos", e destacou a riqueza etnográfica que sobre a gaita ten a provincia de Ourense, "pois é a primeira en representacións iconográficas deste instrumento", e engadiu que este valor "xunguido co Museo de Cornamusas, a Escola Provincial de Gaitas e a Real Banda fai que, dende as época medievais até os nosos días, a vida da gaita sexa unha existencia continua e exitosa".

Sobre o escenario do Castelo de Monterrei desfilarán gaiteiros de Galicia, Cataluña, Asturias, Irlanda, República Checa e Hungría, destacando especialmente o feito de que este ano a Xuntanza vai dedicada á memoria do gaiteiro e musicólogo checo de Strakonize Josef Rezny.

Programa

O evento comezará o sábado 15 de xuño, ás 18.00 horas, coa actuación das bandas de gaitas do Concello de Verín e Terras do Cigarrón e cun desfile dos Cigarróns de Verín. De seguido actuarán os Gaiteiros de Flariz, de Monterrei; o grupo de Zanfonas da Escola Provincial de Gaitas; a irlandesa Lisa Howard, a gaiteira húngara Anna Németh e os gaiteiros Ondrej Tryhuk, da República Checa, e Simón Busquets, de Cataluña.

Completan o cadro de artistas Comisa Bal, un dúo de violín e acordeón, as Cantareiras da Real Banda, o gaiteiro asturiano Pablo Carrera, e pecha o acto a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Paralelamente á Xuntanza haberá o día 13 de xuño, na Escola de Gaitas, unha conferencia a cargo do musicólogo Ondrej Tryhuk sobre as "Gaitas de Europa Central", e o mesmo día 15, unha mostra didáctica das gaitas de Hungría e Irlanda, a cargo de Anna Németh e Lisa Howard, na mesma Escola Provincial de Gaitas.