Manuel Baltar defende "os nosos grandes valores: idioma e cultura" nos actos do Día da Auga, da Árbore e da Poesía, na Insua dos poetas

  • O presidente provincial destacou no seu discurso que si somos galegos "é porque o noso pobo salvagardou a cultura propia e soubo conservar o idioma, o que vai unido á nosa cultura, á nosa etnografía e ao noso medio ambiente".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar dixo hoxe na celebración do "Día da Auga, da Árbore e da Poesía", nun acto celebrado na Insua dos Poetas, en Madarnás (O Carballiño), que esta é unha actividade "chamada a medrar e a ter continuidade, porque teño a convicción de que si somos galegos é porque soubemos salvagardar os nosos grandes valores: o idioma e a cultura, e conservalos no tempo, igual que a nosa etnografía e o medio ambiente".

O presidente provincial subliñou que estamos na Insua, convocados pola fundación que a representa, para desenvolver un programa orientado, fundamentalmente a escolares e estudantes aos que felicitou xunto cos seus profesores por responderen á convocatoria da Auga, da Árbore e da Poesía. "A vosa resposta é unha proba evidente do compromiso da xuventude co desenvolvemento sostible, coa protección da natureza, coa defensa do noso medio ambiente".

Á celebración do Día da Auga, da Árbore e da Poesía asistiron tamén o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Luís González Tosar. A introdución do acto estivo ao cargo de Xabier Castro Martínez (Secretario da Fundación), quen deu lectura á declaración de Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, no Día Mundial da Poesía.

No acto participaron alumnos do IES nº1 e dos Colexios Sagrado Corazón, Vila do Arenteiro e Calvo Sotelo, e realizouse unha plantación de árbores a cargo dos escolares, escritores e artistas.

A Fundación "Insua dos Poetas" conmemora estas tres efemérides, coincidindo co equinoccio de primavera, coa colaboración do Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: por unha banda, o Día da Auga, proposto pola Conferencia da ONU para o Medio Ambiente e o Desenvolvemento en Rio de Janeiro, en 1992, e adoptado pola Asemblea Xeral, o 22 de decembro do mesmo ano, no que se recoñece a auga potable e o saneamento básico como un dereito esencial para o desfrute da vida e de todos os dereitos humanos.

Tamén se recoñece o Día da Árbore -tamén chamado Día Forestal Mundial-, recomendado polo Congreso Forestal celebrado en Roma en 1969 e aceptado pola FAO (Organización da ONU para a Agricultura e a Alimentación), en 1971, como recoñecemento aos múltiples servizos que prestan as árbores á vida e á actividade humana, ademais do simbolismo que representan nas diferentes culturas.

E finalmente, o Día da Poesía, adoptado durante a 30ª Reunión da UNESCO, celebrada en París en 1999 e que se ven celebrando desde o 2000 en todo o mundo co obxectivo de contribuír á defensa de todas as linguas do mundo a través da expresión poética, denunciando, asimesmo, as privacións da liberdade de expresión.

A Fundación "Insua dos Poetas", declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura. Polo tanto, a celebración da Auga, da Árbore e da Poesía, cada 21 de marzo, terá como destinatarios ás xeracións máis novas, representadas polos alumnos dos centros de Ensino do Carballiño.

 

A Deputación de Ourense presenta o Plan BenOurense 2013

  • A xornada congregou a representantes de todos os concellos e mancomunidades da provincia para dar a coñecer as liñas de actuación que se levarán a cabo este ano en materia de Servizos Sociais.

  • Manuel Baltar destacou que a cooperación do goberno provincial cos concellos en ámbitos como o técnico, xurídico e económico "é fulcral para fornecer o desenvolvemento dos nosos municipios".

A Deputación de Ourense presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o Plan BenOurense 2013 que regulará as liñas básicas de actuación en materia de servizos sociais. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de inaugurar esta primeira "Xornada Técnica Provincial de Servizos Sociais", que congregou a representantes de todos os concellos e mancomunidades da provincia de Ourense que asistiron para coñecer as novas existentes nesta materia.

Manuel Baltar recalcou que en 2012 "a Deputación puxo en marcha o primeiro plan provincial de Servizos Sociais na historia da institución sendo, así mesmo, a institución provincial pioneira en adherirse a este pacto a nivel estatal. Hoxe damos un paso máis: volvemos ser a primeira deputación de Galicia en presentar BenOurense 2013, un novo plan de servizos sociais, tendo na "cooperación" entre deputación e concellos a palabra clave para fornecer o favorecer o crecemento económico e social dos municipios da nosa provincia ".

Un plan que, segundo Manuel Baltar, "é mellorable desde o punto de vista económico" pero, tendo en conta que os servizos sociais son un dos obxectivos primordiais para a Deputación por ser un dos piares fundamentais da sociedade. Aproveitou Baltar para agradecer ao departamento que dirixe Jose Juan Cerdeira, "o seu gran labor nun momento de tanta necesidade social".

O presidente da Deputación comentou que o pasado 1 de febreiro publicou o Boletín Oficial da Provincia as contías económicas que foron asignadas a cada concello en materia de servizos sociais, insistindo en que se determinaron atendendo a un estudio obxectivo da realidade que presenta cada municipio.

Pola súa banda, Jose Juan Cerdeira, xefe do departamento de Fomento de Emprego, Igualdade e Asuntos Sociais da Deputación, xunto con outros membros directivos, presentou as liñas básicas de actuación que porán en marcha este ano encamiñadas á optimizar o funcionamento dos Servizos Sociais da provincia de Ourense.

Por unha banda, explicaron as instrucións de asistencia técnica, económica e xurídica que se lle vai ofrecer aos concellos e mancomunidades; a aplicación dun novo sistema informático, que ten como obxetivo crear unha plataforma que consiga unificar toda a información relevante dos usuarios en Servizos Sociais, e presentouse un novo servizo de Teleasistencia adaptado á nova realidade económica trala retirada financeira por parte do Inserso. Finalmente, presentouse o Fondo Social de Vivenda que permitirá á xente desafiuzada a partir do 1 de xaneiro do 2008 acceder a unha bolsa de alugueiro durante dous anos, de entre 150 e 400 euros, cumprindo unha serie de requisitos.

Xosé Luís Méndez Ferrín, premio Otero Pedrayo

  • O xurado, reunido hoxe en Ourense, deu a coñecer o fallo deste galardón, que conceden as catro deputacións galegas co apoio da Xunta de Galicia, co que se recoñece neste caso "a traxectoria dun dos grandes intelectuais galegos contemporáneos".

O xurado do Premio Otero Pedrayo 2012 acordou hoxe en Ourense conceder o galardón desta edición ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. A proposta, realizada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi referendada por maioría e destaca a obra deste intelectual galego, culta e con vocación universalista, que incorpora diferentes tradicións e bebe en fontes varias: dende a canteira popular aos modelos clásicos e as vangardas. O xurado subliña que Méndez Ferrín, ao longo da súa rica biografía literaria, destacou como poeta, narrador, novelista e ensaísta, e ten demostrado rigor e compromiso abondo para iluminar unha paisaxe propia e fermosa, múltiple e posta ao día.

A proposta de Manuel Baltar para a candidatura ao premio argumenta que a de Ferrín é unha vida "ateigada de renuncias persoais e de decisións tomadas mesmo contra a propia estabilidade do seu entorno emocional máis inmediato por mor dun compromiso persoal, intelectual, político e social co seu pobo nuns tempos nos que a loita pola democracia e pola liberdade levaban emparellados tantos custes persoais".

Entre os datos que avalan o merecemento ao premio destaca o xurado as achegas de Méndez Ferrín nos eidos da docencia, da literatura, do xornalismo, na difusión exterior da literatura galega (foi candidato ao Nobel pola literatura galega), e no eido da política e do seu compromiso coa clase traballadora.

O Premio Otero Pedrayo é un premio honorífico que conceden dende 1977 as deputacións provinciais de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia. O premio e de carácter rotatorio e na súa edición de 2012 correspondeulle a súa organización á Deputación de Ourense. O xurado deste ano estivo integrado por representantes da Xunta e Galicia, das catro deputacións galegas, das tres universidades galegas, un representante da RAG, outro do Instituto Padre Sarmiento, ademais de cinco persoas independentes designadas pola Xunta, de solvencia científica e literaria.

O Observatorio Económico Ourensán reflicte que a comarca da Limia destaca pola súa resistencia á crise

  • Os datos desta comarca, presentados hoxe pola Deputación de Ourense, sinalan que é unha das cabeceiras comarcais que conserva máis afiliados á Seguridade Social desde o inicio da crise.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), José Manuel Rodríguez, acompañados polo alcalde de Xinzo de Limia, Antonio Pérez, presentaron hoxe no salón de plenos do Concello de Xinzo o Observatorio Económico Ourensán da Comarca da Limia, que abrangue os concellos de Xinzo de Limia, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Trasmiras, Sarreaus, Sandiás, Rairiz de Veiga, Porqueira, Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar.

As conclusións máis destacadas do informe reflicten que, a diferenza do que está a acontecer no conxunto da provincia, na comarca da Limia non se recrudeceu a crise económica no último ano. Os efectos téñense suavizado desde finais de 2011, despois de ser unha das comarcas ourensás máis golpeadas pola crise durante os tres primeiros anos.

A Limia comparte con outra comarca transfronteiriza, Verín, esta inversión e esta melloría con respecto da situación xeral da provincia. A perda neta de centros de traballo limítase a 38 desde o comezo da crise, e só sufriu unha perda neta (diferenza entre aperturas e peches) de 38 centros de traballo desde o ano 2007. Pasou de contabilizar 1.485 a 1.447, polo que a súa contribución sobre o total de centros de traballo existentes na provincia de Ourense mantense intacta por enriba do 6%.

Esa redución de centros de traballo equivale a unha perda do 2,6% do total, moi inferior ás variacións negativas do Ribeiro (-4,5%), da Baixa Limia (-5,1%), de Valdeorras (-5,1%), de Viana (-5,3%), de Terra de Celanova (-7,7%) e de Terra de Caldelas (-10%).

Entre as cabeceiras de comarca, Xinzo de Limia ofrece a terceira mellor evolución. En tempos de crise logrou aumentar en 48 o seu censo de unidades locais, ao pasar de 902 a 950. Neste ranking só estivo por debaixo de Verín (cun aumento de 68) e de Allariz (55). E no total dos 92 concellos da provincia, Xinzo de Limia marcou o 18º maior aumento porcentual, cifrado no 5,3%.

Sen embargo, en canto á evolución dos centros de traballo nas zonas rurais a comarca da Limia é a que ten máis concellos con maior perda de unidades locais en porcentaxe. Sete municipios limiaos figuran nesa relación -Porqueira, Sandiás, Rairiz de Veiga, Os Blancos, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Trasmiras-, con diminucións que varía entre o 13% e o 24%.

Seguridade Social

No último ano, A Limia foi a cuarta comarca ourensá con mellor comportamento das afiliacións á Seguridade Social. En taxa interanual diminuiron o 2,5%, medio punto porcentual por debaixo da media da provincia e tres décimas por debaixo da media galega. No caso concreto da cabeceira de comarca, Xinzo de Limia comparte con Allariz a mellor serie entre as doce capitais comarcais. No último ano a perda de afiliados en Xinzo limitouse ao 1,2% e no período 2008-2012 ao 2,8%, cando as reducións medias da provincia acadaron o 3% e o 7%, respectivamente, e as de Galicia o 2,8% e o 8,2%.

Entre os 92 concellos ourensáns, só nove presentan desde o comezo da crise mellor evolución das afiliacións que Xinzo de Limia. E dous municipios da comarca, Calvos de Randín e Sandiás, son dous dos oito únicos concellos da provincia onde aumentou o número de afiliados no último ano. En Calvos de Randín subiron un 2,5%, só por detrás do 4,9% logrado por A Mezquita, e en Sandiás aumentaron un 0,3%. No lado oposto, tres municipios da Limia -Porqueira, Os Blancos e Sarreaus- figuran entre os dez da provincia con peor comportamento das afiliacións entre 2008 e 2012.

Paro

Nos tres primeiros anos da crise, A Limia sempre repetiu como unha das tres comarcas ourensás con maior aumento porcentual de parados. Sen embargo, no último ano logrou suavizar os efectos que a crise provoca sobre o mercado laboral, ata situarse como unha das cinco comarcas con mellor evolución desta temida estatística.

Só A Baixa Limia, Verín, O Ribeiro e Allariz-Maceda presentan mellor serie interanual do paro que A Limia. Aínda así, esta comarca sufriu un repunte do 9,5%, case dous puntos menos que a media provincial e un punto menos que a media galega. Xinzo de Limia é a quinta cabeceira comarcal con menor crecemento do paro no último ano. O seu rexistro do 9,1% de aumento só se viu rebaixado en Bande, Verín, Allariz e Ribadavia.

Calvos de Randín e Vilar de Barrio destacan entre os concellos ourensáns con baixada do paro interanual. No último ano, a taxa de variación do paro só baixou en once municipios da provincia, e dous deles pertenecen á comarca da Limia. Calvos de Randín marcou a quinta maior baixada (-4,4%) e Vilar de Barrio a sexta (-3,8%).

O caso de Vilar de Barrio resulta aínda máis salientable, xa que é un dos tres únicos concellos ourensáns que asinan diminución do paro desde o inicio da crise. Así, no período 2008-2012 logrou unha redución do 23,2%, só por detrás do 37,5% marcado pola Teixeira.

Sectores manufactureiros de tecnoloxía

O Observatorio Económico Ourensán detalla que a comarca da Limia presenta o quinto maior índice de especialización da provincia nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta (inclúen a fabricación de produtos farmacéuticos e a fabricación de produtos informáticos, electrónicos e ópticos). En proporción sobre ás afiliacións totais, o seu nivel de especialización é comparable ao da comarca de Ourense e está por debaixo dos de Allariz-Maceda, A Baixa Limia e Terra de Celanova.

Con todo, o peso relativo é feble, o paro medra e as afiliacións diminúen neste sector. A Limia é a cuarta comarca con maior incremento do paro nos sectores de alta tecnoloxía, ao crecer un 45% no período 2009-2012 e un 20,8% na comparativa 2011-2012. Pola súa banda, as afiliacións caeron un 8,6% no último ano, estatística que só empeora en Valdeorras (-16,1%) e na Baixa Limia (-16%).

Ademais, A Limia ten un reducido peso relativo sobre o conxunto provincial dos sectores tecnolóxicos. Só achega o 3,1% deste emprego especializado (pouco máis dun centenar de postos de traballo), cando a súa ponderación tería que ser xustamente o dobre, si se ten en conta a súa achega (6%) sobre o total de afiliados da provincia.