Baltar reúnese con traballadores do Parador de Santo Estevo e defende que se manteña operativo durante todo o ano

  • O presidente da Deputación de Ourense explicoulle as xestións realizadas diante de Paradores "pois o de Santo Estevo é o terceiro máis rendible dos Paradores que hai en Galicia".

  • Manuel Baltar amosou o "firme apoio" da Deputación e informou de que o Grupo de goberno do PP na institución provincial presentou unha moción pola defensa dos Paradores de Verín e Santo Estevo e do mantemento da súa actividade.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión con traballadores do Parador de Santo Estevo e máis co alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, para amosarlle "todo o seu apoio e o do goberno provincial que permitan atopar vías de solución á problemática plantexada".

Neste sentido, Baltar informoulles das xestións realizadas diante de Paradores e a súa confianza en atopar unha solución a esta problemática. Tamén lles trasladou información sobre a moción que presentou días pasados o Grupo de Goberno do PP na institución provincial pola defensa dos Paradores de Verín e Santo estevo e polo mantemento da súa actividade ao longo de todo o ano.

Por parte dos traballadores, na reunión estiveron presentes Jorge Álvarez Alonso e José Luis Debasa, quen, acompañados polo alcalde de Nogueira de Ramuín, explicaron a Manuel Baltar a situación de incerteza na que se atopan os empregados do Parador, ante o cal, Baltar comprometeuse a seguir realizando todas as xestións posibles "para que a crise e este problema social e laboral afecte o menos posible ao terceiro dos paradores máis rendibles dos que hai en Galicia, que é o de Santo Estevo".

Baltar explicou que na moción que o PP levará ao próximo pleno ínstase á sociedade "Paradores de Turismo" e ás administracións competentes a que fagan todos os esforzos posibles para acadar acordos que permitan o mantemento da actividade dos paradores de Verín e Santo Estevo, "para que a provincia de Ourense poida seguir contando con estas infraestruturas turísticas que supoñen un polo de atracción de visitantes ao longo de todo o ano".

Asemade, na moción tamén se insta a "Paradores de Turismo" a que poña en marcha os cambios necesarios para mellorar a rendibilidade dos paradores de Verín e Santo Estevo, "con fin de garantir a continuidade da súa actividade económica e turística ao longo de todo o ano".

Poesía e música, man a man, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", co recital de Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación do recital poético e concerto "Despois de ti, a chuvia" do escritor Xosé Carlos Caneiro e do músico Emilio Rúa, que terá lugar o vindeiro venres, 21 de decembro, ás 20.15 horas, no salón de actos deste Centro Cultural. O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do escritor Xosé Carlos Caneiro e do músico Emilio Rúa.

Manuel Baltar definiu a Caneiro e a Rúa como "uns artesáns da palabra e da música", afirmando que no seu traballo creador, tanto literario como artístico "levan con maiúsculas o nome de Ourense e de Galicia, onde queira que van". O presidente provincial cualificou de "achega de emoción" o concerto-recital que o vindeiro venres van ofrecer Caneiro e Rúa, e recomendou ao público ourensán que se achegue ao Centro Cultural "a esta cita coa exaltación dos sentimentos".

Pola súa banda, Xosé Carlos Caneiro agradeceu o apoio da Deputación de Ourense acollendo este proxecto "no que levamos traballando nove meses, para chegar a estas datas de Nadal e poder ofrecérllelo ao público a xeito de bos desexos".

Caneiro -quen definiu este espectáculo como emotivo, poético, lírico e literario- explicou que a estrea deste concerto-recital será aquí, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, e, de seguido, ao longo do ano 2013 percorrerá outras cidades galegas.

Finalmente, o músico e compositor Emilio Rúa dixo que neste proxecto "uníronse dous mundos: o literario e o musical, acadando un resultado perfectamente ensamblado que é todo sentimento".

O disco-libro "Despois de ti, a chuvia", que presentan neste espectáculo, está editada por Francisco Castro (Editorial Galaxia), e co apoio da CRTVG. Nel, o lector poderase atopar coa poesía sinxela e elegante de Xosé Carlos Caneiro, e coa súa particular visión do mundo e das cousas cotiás; así como cun disco onde Emilio Rúa musicou de xeito doce e coidado varios dos poemas que inclúe o libro.

No recital-concerto, Xosé Carlos Caneiro e Emilio Rúa achegarán aos asistentes unha escolma de todo o que se pode atopar no libro disco. Para elo, so contarán coa colaboración do músico José Gayoso. Durante algo máis de hora e media, polo escenario sucederase unha mestura de sensacións e emocións: amor, risa, humor, nostalxia, melancolía, esperanza, tristeza, soidade, felicidade..., que, segundo a segundo, e nota a nota, van calando no espectador e vano convertendo en partícipe dun espectáculo único onde a palabra e a música se funden a parte iguais para chegar a un preciso obxectivo: a emoción do ser humano.

"PAZOLANDIA" converte un ano máis o Pazo dos Deportes de Ourense no maior parque de atraccións de Galicia

A Deputación de Ourense programa dez días de actividades de lecer para miles de nenos de toda a provincia, entre o 25 de decembro e o 4 de xaneiro

Un ano máis, a Deputación de Ourense organiza e patrocina PAZOLANDIA, o evento infantil que cada ano converte o Pazo dos Deportes "Paco Paz" no maior parque estacional de atraccións de Galicia, coa presenza de miles de nenos e xoves durante as datas de Nadal.

Hoxe tivo lugar no "Paco Paz" a presentación da edición 2012 deste evento -que se celebra ininterrompidamente desde o ano 1993-, coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director do Pazo dos Deportes, Ángel Cid, e o coordinador de Pazolandia, José Domarco.

PAZOLANDIA abrirá as súas portas desde o día 25 de decembro ata o 4 de xaneiro, dez días nos que se agarda que uns 20.000 nenos visiten o Pazo dos Deportes para gozar de actividades de lecer, obradoiros e atraccións, repartidos nos preto de 8.000 metros cadrados de espazos, de interior e exterior, que dedica o pavillón a esta actividade.

Manuel Baltar destacou o "importante esforzo económico" que fai a Deputación de Ourense este ano "para que os nenos de Ourense poidan ter, como ben merecen, estas sinaladas actividades de ocio no nadal", e engadiu que a atención á infancia "é unha prioridade para a Deputación de Ourense e, a pesares da difícil situación que estamos a vivir, este esforzo polos nosos nenos e xoves sempre paga a pena".

Baltar destacou que este ano o orzamento de Pazolandia redúcese nun 20% -pasa de 100.000 euros a 80.000 euros-, un axuste que afecta principalmente a aspectos como as tarifas das atraccións, á publicidade e á decoración, pero que non afecta á calidade do programa. Tampouco se incrementa o prezo das entradas, que se "conxela" mantendo o mesmo prezo do ano pasado: 4 euros, sendo gratuíta para os nenos pertencentes a centros de acollida e a entidades de carácter benéfico.

Ata este momento, xa son máis de 50 os concellos da provincia de Ourense que confirmaron a asistencia de nenos deses municipios a Pazolandia. Estímase que uns 5.000 nenos do rural ourensán asistirán este ano a Pazolandia. Asemade, cabe destacar o acordo acadado entre o presidente da Deputación e o alcalde de Ourense para contar este ano co apoio da Policía Local para o dispositivo de control de accesos ás inmediacións do Pazo dos Deportes, unha colaboración que Manuel Baltar saúda favorablemente e agradece.

A pesares dos difíciles tempos que a sociedade está a padecer, a Deputación de Ourense considera que as actividades vencelladas aos máis pequenos son, xunto cos servizos sociais, as que menos se deben ver afectadas pola crise. Por este motivo, e fiel a súa tradición dende fai dúas décadas, PAZOLANDIA volverá este Nadal a abrir ás portas á ilusión dos máis novos.

O parque contará con atraccións clásicas de feira, obradoiros, animación, simulador en 3D, ludotecas, multiespazo de videoxogos, ciberespazo de Internet, hinchables e pista de esquí, entre outras actividades. En todas elas, xunto coa organización e coordinación do evento, traballarán ao redor dunas cen persoas entre persoal das atraccións, limpeza, monitores de animación, técnicos electricistas e de mantemento, montadores, coidadores, persoal da Cruz Vermella, médicos, vixiantes e persoal administrativo.

Deputación de Ourense e Concello de O Bolo estudan proxectos turísticos e de infraestruturas para aquela comarca

  • Potenciar as actividades do castelo, rehabilitar os muíños das Ermitas e mellorar as infraestruturas viarias foron os principais temas que tratou Baltar co alcalde, Manuel Corzo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o municipio de O Bolo para coñecer os proxectos que en materia turística e de infraestruturas está a planificar o Concello bolés para potenciar o turismo e mellorar as infraestruturas da rede viaria daquela comarca. Baltar reuniuse co alcalde de O Bolo, Manuel Corzo, e co equipo de goberno do Concello para analizar a situación do castelo do Bolo e as actividades encamiñadas a potenciar un dos máis emblemáticos monumentos da comarca, cuxa construción iniciouse no século XII.

Tamén no ámbito turístico e de recuperación do patrimonio arquitectónico, Manuel Baltar e Manuel Corzo visitaron a área dos muíños, unha zona sita na contorna do Santuario das Ermitas, de alto valor patrimonial, e na que o Concello de O Bolo traballa nun proxecto de recuperación destes muíños, para recuperar o seu funcionamento con fins didácticos. O obxectivo, segundo explicou Manuel Corzo, é rehabilitar as antigas edificións dos muíños dotándoos de equipamento que reproduzan as labores tradicionais que desenvolvían estas construcións: muíños de auga fariñeiros, de aceite e minicentral hidráulica.

No que atinxe ás infraestruturas, Manuel Baltar e o alcalde bolés estudaron a realización de melloras no firme das estradas do municipio e tamén a modernización, actualización e colocación de novas sinalizacións en interseccións de vías e estradas, que permitan mellorar a información viaria tanto para os veciños como para os visitantes que se achegan á comarca bolesa.