A Deputación de Ourense, a primeira en poñer en marcha un plan provincial de servizos sociais en 2013

  • O pleno da corporación someterá a aprobación mañá a primeira parte do Plan "BenOurense 2013", referido á cooperación cos concellos a través do cofinanciamento para axuda no fogar, persoal técnico e asistencia técnica e xurídica.

A Deputación de Ourense é a primeira institución provincial de Galicia que porá en marcha un plan provincial de servizos sociais en 2013, "BenOurense", sendo tamén a única que ten desenvolvido durante dous anos seguidos esta iniciativa, cuxo obxectivo é levar a cabo accións de axuda no fogar, teleasistencia, emprego, formación, acción social e envellecemento activo, dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes, é dicir, 91 dos 92 municipios da provincia de Ourense, todos agás a capital ourensá.

As bases reguladoras da primeira parte do Plan BenOurense 2013 someteranse mañá a aprobación na sesión plenaria da corporación provincial, unhas bases que inclúen asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos e mancomunidades en materia de servizos sociais comunitarios para o exercicio 2013. A finalidade do plan é a cooperación cos concellos da provincia de Ourense en materia de Servizos Socias, algo que o goberno provincial quere seguir potenciando con esta iniciativa.

Entre as novidades deste ano do Plan BenOurense 2013 cabe salientar o maior peso relativo na cofinanciación os servicios municipais de axuda no fogar, partida orzamentaria que sube un 12,5% con respecto o ano anterior, co obxectivo de focalizar máis os orzamentos na atención directa as persoas.

A distribución dos fondos do Plan BenOurense farase con criterios matemáticos e de obxectividade, e en función do tamaño de cada concello e da área xeográfica na que se encontra, tal e como determina a lexislación.O Plan de Servizos Sociais "BenOurense" responde ao compromiso e á responsabilidade institucional da Deputación de Ourense que considera que os servizos sociais son o sistema axeitado por excelencia para dar resposta ás necesidades sociais básicas dos cidadáns, para acadar altos índices de benestar social garantindo a igualdade de oportunidades no acceso a calidade de vida e a participación social da poboación.

Trala aprobación mañá por parte do pleno da Deputación desta primeira parte do Plan BenOurense, correspondente á cooperación cos concellos, virá a segunda e terceira fase, referidas ao plan de emprego, ás axudas para entidades sociais e á teleasistencia, co que se completarán as accións que ao longo de 2013 levará a cabo a Deputación de Ourense en materia de Servizos Sociais na provincia de Ourense.

As áreas de BenOurense 2013

O plan BenOurense 2013 estruturarase en catro áreas: a primeira refírese a "Equipos profesionais de servizos sociais", no que se recolle a estrutura técnica básica dos servizos sociais, tanto para os que prestan servizos nos concellos/mancomunidades como o equipo técnico provincial. A segunda área é a de "Servizos Sociais no Fogar", un servizo básico para a mellora da autonomía das persoas e o favorecemento da calidade de vida da poboación.

A terceira área refírese ao "Plan de emprego de servizos sociais", que da resposta en gran medida á necesidade de reforzar os recursos humanos que en cada concello prestan atención domiciliaria. Con elo quérese incrementar o número de unidades de convivencia atendidas para mellorar a prestación deste servizo. Nesta busca da calidade asistencial, o plan de formación diríxese cara á profesionalización das persoas que desexan dedicarse ao coidado das persoas.

Finalmente, a cuarta área engloba aos "Programas de iniciativa social", que atinxe ao espírito aberto e solidario do plan, dando entrada a sociedade civil para promover sinerxias de colaboración e cooperación que se traduzan en máis e mellores programas socias e permitan dar cobertura a grupos ou necesidades que non poden ser atendidos polos recursos básicos.

María do Ceo presenta no Teatro Principal de Ourense o seu novo traballo musical "Fado com outro acento"

O vindeiro sábado, 26 de xaneiro, ás 20.30 horas, o Teatro Principal de Ourense acolle a presentación do novo traballo musical da cntante María do Ceo, quen presenta "Fado com outro acento". María do Ceo converte en vangarda o máis tradicional e o vangardista en fado sensible, coa sinxeleza reflectida na soidade dun máximo de dous instrumentos por peza, coa súa inconfundible voz que traspasa ventrículos e miocardios ata a profundidade da alma (xusto ao lado de onde se esconden as bágoas), cada canción parece estar rechea por unha orquestra sinfónica.

Ata o de agora María do Ceo ten editado os seguintes traballos discográficos: "Cartas de amor", "Vellas Lembranzas", "Ao rescate da alma", "Fado e outras músicas", "Panxoliñas,Villancicos", "Dúas almas do miño", "Tan lonxe", "No bico un cantar", "Celme encantado" e "Fado com outro acento". Ten actuado en escenarios de todo o mundo: España, Portugal, Arxentina, Uruguai, México, Francia, Arxelia, Alemaña, Italia e Exipto. Actualmente, ven de finalizar a banda sonora da película "Años Después", da que María do Ceo é compositora musical de toda a banda sonora.

VENDA DE ENTRADAS:

A venda anticipada de entradas para o concerto de "FADO COM OUTRO ACENTO" está dispoñible a través de www.novagaliciabanco.es e do teléfono 902434443. Na taquilla do teatro os días 25 e 26 de xaneiro de 11:00h a 13:30h. e unha hora antes do inicio da función. O prezo das localidades é de 12€ (butaca, platea), 9€ (1º andar), 8€ (2º andar), 6€ (paraíso e VR).

ORGANIZA: Teatro Principal de Ourense, Deputación Provincial de Ourense

Manuel Baltar analiza con parlamentarios e alcaldes a situación da A-76

  • Na xuntanza acordaron solicitar do Ministerio de Medio Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio informativo da autovía.

  • Solicitan asemade que, logo dese trámite, o Ministerio de Fomento acorde a licitación da redacción dalgúns dos proxectos dos tramos da autovía, priorizando aqueles que resulten máis necesarios.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo unha reunión no Pazo Provincial con parlamentarios e alcaldes para analizar a situación do proxecto da autovía A-76 e solicitar do Ministerio de Medio Ambiente que acelere os traballos de redacción da declaración de Impacto Ambiental do proxecto para posibilitar a aprobación definitiva do estudio informativo da autovía. Tamén acordaron solicitar do Ministerio de Fomento, unha vez cumplimentado ese trámite, que acorde a licitación da redacción dalgúns dos proxectos dos tramos da autovía, priorizando aqueles que resulten máis necesarios.

Na reunión participaron xunto a Manuel Baltar o deputado no Congreso Celso Delgado; a senadora Carmen Leyte; os parlamentarios autonómicos Julia Álvarez e Moisés Blanco; o alcalde de A Rúa e deputado provincial, Avelino García Ferradal, e o tamén deputado provincial Plácido Álvarez Dobaño. O alcalde de Ponferrada, Carlos López, aínda que non estivo presente na reunión comunicou a súa adhesión aos acordos da xuntanza a prol da A-76.

Todos concordaron en que a autovía Ourense-Ponferrada A-76 é unha actuación de gran transcendencia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia cara Castela-León (ademais da A-6 e da A-52) e que a N-120 (Logroño-Vigo) está superada, especialmente en determinados tramos.

Comparten as demandas das organizacións empresariais e dos concellos que reclaman esta autovía e recoñecen e valoran o compromiso da ministra de Fomento, Ana Pastor, coa A-76, como o acredita o feito de que esta autovía teña sido incluída no Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda.

Dadas as actuais dificultades económicas, que conlevan fortes reducións orzamentarias e obrigan a reprogramar actuacións en materia de infraestruturas, os representantes políticos e institucionais acordaron solicitar que a redacción dos proxectos dos tramos que se realicen –unha vez acadada a declaración de impacto ambiental- se faga tendo en conta a eficiencia necesaria da infraestrutura e os antecedentes e incidencias na explotación da actual vía de comunicación entre O Bierzo, Valdeorras-Terras de lemos e Ourense, que é a N-120.

Asemade, recoñecen o esforzo e a celeridade cos que o Ministerio de Fomento resolveu os problemas plantexados na N-120 no túnel da Barosa, que permaneceu pechado para realizar unhas obras de emerxencia; e que se constata a incapacidade da N-536 como vía alternativa ante o peche da N-120. Finalmente demandan a Fomento a rápida continuación dos traballos de rehabilitación estrutural e de reparación do firme na N-120 e na N-536, cuxo proxecto figura en poder da Demarcación de Estradas do Estado en Ourense.

A lonxitude da autovía A-76 -en torno a 125 quilómetros- e o volume de investimentos que se estima nesta vía -que superan os 1.100 millóns de euros- dan unha idea da importancia que esta infraestrutura de comunicación ten para Galicia.

O presidente da Deputación analiza coa nova alcaldesa de Vilamartín os temas de máis interese para o municipio

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á nova alcaldesa de Vilamartín de Valdeorras, María Jesusa Candal, para analizar os asuntos de máis interese deste municipio valdeorrés. Entre os temas abordados na reunión figuraron a axilización do informe sectorial da Deputación de Ourense para o PXOM de Vilamartín de Valdeorras; a prestación de apoio en materia de novas tecnoloxías para a posta en marcha dunha páxina web do concello, e a solicitude de medios da Deputación de Ourense para levar a cabo o derrubamento dun edificio de propiedade municipal co obxectivo de mellorar o acceso ao núcleo de Arnado. Asemade, na xuntanza entre Baltar e Candal abordouse a situación da problemática viaria da estrada de San Vicente de Leira e analizouse a redacción do proxecto de restauración da ponte entre Córgomo e Portela para mellorar o acceso entre estas dúas poboacións.