Festival de fin de curso 2015 da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense

  • Máis de 200 artistas participarán mañá no Teatro Principal nun evento que mestura música e danzas tradicionais.

  • O Obradoiro de Teares inaugura o luns unha exposición dos alumnos que deseñaron tapices, alfombras e roupa do fogar.

Ourense, 12 de xuño de 2015.- A Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense pecha as actividades do curso 2014-2015 mañá sábado cun festival que pon o punto final das actividades desenvolvidas polos alumnos ao longo deste período lectivo. Será no Teatro Principal de Ourense, en dúas sesións (18.00 horas e 20.00 horas), onde se darán cita máis de douscentos artistas que ofrecerán un espectáculo composto por un amplo repertorio de cancións, músicas e bailes tradicionais.

A actividade da Escola de Danza continuará durante a tempada estival, coa participación en diferentes festivais de folclore de España e Portugal, así como en distintas festas tradicionais da nosa provincia. O curso 2015-2016 dará inicio en outubro, e toda persoa maior de 5 anos que desexe matriculase poderá formalizar a súa inscrición durante o mes de setembro.

Máis información no teléfono 988317880 ou no correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.

Obradoiro de Teares

Por outra banda, o Obradoiro de Teares do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo" da Deputación de Ourense inaugura o vindeiro luns, 15 de xuño, ás 19.00 horas, a súa exposición nas instalacións situadas no centro comercial "As Lagoas", unha mostra que poderá ser visitada de luns a venres, dende o día 15 até o 30 de xuño, en horario de mañá e tarde.

A exposición está composta por diferentes pezas elaboradas polos máis de 50 alumnos que tivo o obradoiro neste curso, no que se impartiu formación para a utilización dun tear tradicional, aspectos referidos aos tecidos tradicionais (o liño e a la) e tecidos modernos, e formación sobre as diferentes variedades de puntos e a súa elaboración no tear: teas finas, deseño de tapices e alfombras e elaboración de roupa do fogar. Para máis información: teléfono 988317880.

Manuel Baltar recibe aos ximnastas ourensáns Daniel Pérez e Alejandro Cid, campións de España

Ourense, 10 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos ximnastas ourensáns Daniel Pérez Morales e Alejandro Cid Masid, do Club As Burgas, que veñen de proclamarse campións de España na modalidade de doble minitramp, competición que tivo lugar a pasada fin de semana en Valladolid. Os deportistas estiveron acompañados na recepción pola súa adestradora, Isaura Hermida, e polo asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González. O presidente do goberno provincial felicitou a Daniel Pérez (campión de España absoluto) e Alejandro Cid (campión de España junior e campión por equipos) "polo excelente nivel exhibido na competición" e agradeceulles seu esforzo e sacrificio, "un orgullo para Ourense por acadar este éxito tanto a nivel individual como por equipos, parabéns que Manuel Baltar fixo tamén extensivo ao Club As Burgas pola motivación e profesionalidade coas que desenvolve a súa labor deportiva.

Radu trae ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" unha obra impactante e innovadora

Ourense, 10 de xuño de 2015.- "Doce balas" é o título da exposición coa que o escultor santiagués Radu se presenta no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación e que ven marcada por unha beleza plástica impactante e por ser un traballo innovador. O escultor emprega básicamente papel que recicla e co que vai tecendo unha serie de tramas para converter este material tan común en obras con referencias figurativas que reproducen o seu animalario particular. "Esta é unha obra innovadora. Eu non teño visto nada así, é algo novo e, plasticamente, resulta moi próximo á xente porque dáselle unha nova vida a algo que é un material de desfeita creando esa vida con algo que xa foi rexeitado", dixo o artista na presentación do seu traballo.

O título da exposición está recollido dunha das pezas que conforman a mostra e que incorpora "doce balas, pero son balas de papel, como se fosen balas de palla, ao redor dun cruceiro. Nesas doce balas vai todo un mundo que antes estaba impreso nese papel e que asume agora outro contido", explicou Radu. Tanto o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, coma o director do centro cultural, Francisco González, e o asesor cultural, César Fernández, salientaron a beleza e o impacto desta obra que os ourensáns poderán visionar ate o día 16 de agosto.

Manuel Baltar: "O polígono de San Cibrao leva 50 anos sendo o motor económico de Ourense"

  • O presidente da Deputación participou hoxe na presentación dos actos conmemorativos das cinco décadas deste parque empresarial, que acolle a máis de 350 empresas e 8.000 traballadores.

Ourense, 9 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, na presentación dos actos conmemorativos do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas que este parque empresarial, cos seus cinco millóns de metros cadrados, "é un dos maiores e máis antigos de Galicia, e leva cincuenta anos sendo o motor económico da provincia de Ourense". O presidente do goberno provincial destacou a "alianza estratéxica" existente entre a Deputación de Ourense e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao "por medio da cal a institución provincial colabora sufragando o Servizo de Emerxencias e Extinción de Incendios do Polígono; desenvolve proxectos no ámbito da internacionalización de empresas e no que atinxe ao desenvolvemento urbano sostible, co proxecto "Ourense Competitividade", iniciativa que foi presentada polo presidente Baltar no Comité das Rexións, en Bruxelas, e para a que se prevén achegas comunitarias para o seu desenvolvemento.

Manuel Baltar, quen tivo palabras de lembranza para David Ferrer, Eduardo Barreiros e Manuel Rodríguez de la Fuente, afirmou: "Paga a pena todo o esforzo que fai o goberno provincial por estar ao carón dos empresarios neste polígono en noutros ámbitos empresariais porque son xeradores de emprego e competitividade", unha colaboración que referendou afirmando que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2016 -única institución que os aprobará no vindeiro mes de setembro- "reflectirán tamén o apoio da institución ao ámbito empresarial, un apoio que xa ven prestando, asemade, dende o Inorde na liña na que estamos a traballar de administración participativa, transparente e achegada aos cidadáns e ás institucións".

No acto tamén interviron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono, Elías Mera, quen fixo un repaso dos 50 anos deste parque empresarial e lembrou os actos conmemorativos que se desenvolverán a partires do mes de setembro, entre os que citou un acto de plantación de árbores, en lembranza dos cincuenta anos de existencia do polígono, e a colocación dun monolito cos nomes de todas as empresas, antigas e actuais, que se instalaron nesta contorna empresarial. Tamén avanzou que en novembro inaugurarase unha exposición denominada "O polígono nunca visto", que amosará unha visión inédita da historia do parque empresarial.

Previamente ao acto, as autoridades descubriron unha placa conmemorativa do 50 aniversario, instalada no edificio da Asociación de Empresarios.