O "Ourense Termal Athletics Meeting" reúne aos mellores atletas galegos, do noroeste e do Norte de Portugal en pista

  • O evento, co-organizado pola Deputación de Ourense, celébrase o vindeiro sábado nas instalacións deportivas do Campus.

Ourense, 15 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación do "Ourense Termal Athletics Meeting", a proba deportiva que por terceiro ano consecutivo reúne aos mellores atletas galegos, do noroeste de España e do Norte de Portugal en pista. O evento, que está co-organizado pola Deputación de Ourense, celebrarase o vindeiro sábado, 20 de xuño, nas instalacións deportivas do Campus de Ourense, no que se prevé se dean cita máis de 300 deportistas.

Manuel Baltar dixo que esta "é a proba estrela do noroeste español no que a atletismo en pista se refire, un evento que conta co apoio da Deputación de Ourense porque o goberno provincial defende precisamente os valores do deporte, centrados no dinamismo, a cooperación e a superación". Baltar destacou que este evento "é un perfecto escaparate para a capital e para a provincia de Ourense, tendo como referente unha proba de alto nivel deportivo como esta.

Xunto a Manuel Baltar, no acto de presentación estiveron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o director da Área de Planificación do Campus de Ourense, José María Faílde, e o presidente do Club Deportivo Aurum, Lalo Gómez.

O "Ourense Termal Athletics Meeting" -incluído no calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo- está organizado pola Deputación de Ourense; a Concellería de Deportes e o Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense; a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e o Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, coa colaboración do Club Deportivo Aurum e a Delegación de Ourense da Federación Galega de Atletismo.

Manuel Baltar amosa no Parlamento o apoio da Deputación de Ourense á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial

  • Asistiu hoxe en Santiago ao encontro organizado polo Valedor do Pobo e a UIMP para referendar a candidatura e poñer en valor a defensa deste singular espazo natural.

Ourense, 15 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asistiu hoxe no Parlamento de Galicia ao encontro "A Ribeira Sacra: protección dunha paisaxe cultural candidata a Patrimonio Mundial", para referendar o apoio do goberno provincial ourensán a esta iniciativa que ten como obxectivo poñer en valor a singular paraxe da Ribeira Sacra.

O acto, organizado polo Valedor do Pobo e a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contou tamén coa presenza da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta, Román Rodríguez; o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, e o director en Galicia da UIMP, Domingo Bello Janeiro, amosando así o respaldo de todas as institucións presentes á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco.

Manuel Baltar afirma que toda Galicia "será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque se rende homenaxe aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental e se protexe un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións". O presidente ourensán destaca que o labor que se está a levar a cabo a prol deste recoñecemento "está presidido pola unanimidade, a profesionalidade e o rigor", e aínda que o camiño é longo "farémolo co acordo e o consenso de todos".

Manuel Baltar visita a factoría CIE-Galfor, que da emprego a 400 persoas no Polígono de San Cibrao

  • O presidente da Deputación afirma: "Eduardo Barreiros, ourensán universal, estaría orgulloso do liderado internacional desta gran compañía".

Ourense, 12 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe no Polígono de San Cibrao das Viñas, en compañía do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, e de persoeiros dos ámbitos institucional e empresarial a factoría de CIE Galfor, a empresa dedicada á fabricación de compoñentes para o sector da automoción, que ampliará súa actividade cunha quinta liña de produción de cegoñais, inaugurada hoxe. A factoría, na que traballan 400 persoas, xera mil empregos indirectos e prevé pechar este ano cunha facturación de 120 millóns de euros. A este respecto, o presidente da Deputación afirma: "Eduardo Barreiros, ourensán universal, estaría orgulloso do liderado internacional desta gran compañía"

O acto contou ademais de Baltar e Núñez Feijoo coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde; o alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez. Por parte de Galfor participaron o presidente de CIE Automotive, Antón Pradera; o conselleiro delegado de CIE Galfor, Jesús Mari Herrera; o conselleiro executivo de CIE Automotive, Fermín del Río Sanz de Acedo; o secretario do consello de administración de CIE Galfor, Roberto Alonso; o director de división Justino Unamuno, e o director xerente da factoría ourensá, Javier Currás.

CIE Galfor está integrada nun grupo líder no sector da automoción mundial, CIE Automotive, que facturou 2.160 millóns de euros en 2014, e que conta con máis de 80 plantas no mundo, cunha plantilla de máos de 25.000 traballadores.

Reunión do Consorcio contra Incendios de Valdeorras, no Pazo Provincial

Ourense, 12 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na reunión que celebrou no Pazo Provincial do pleno do Consorcio contra Incendios e Salvamento de Valdeorras. A orde do día da xuntanza incluíu temas de ámbito económico e de xestión, entre os que figuraron a presentación da memoria de intervencións e actividades do exercicio 2014, os informes da xerencia e os decretos e resolucións da Presidencia. Xunto ao presidente do goberno provincial participaron na reunión o presidente do consorcio e alcalde de Larouco, Joaquín Bautista Prieto; os alcaldes de Chadrexa de Queixa a A Rúa e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez.