Os xóvenes deportistas, protagonistas do torneo de fútbol 8 "Ourense provincia termal"

  • Celebrarase os días 27 e 28 de xuño no campo do Couto coa participación dos equipos de fútbol base do Pavillón, Escola Deportiva Ourense, Deportivo da Coruña e Real Valladolid.

Ourense, 19 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao futbolista Borja Fernández, e os directivos da Escola Deportiva Ourense (EDO) Javier Caldas e Manuel Meiriño, presentou hoxe o torneo de fútbol 8 "Ourense provincia termal", que se disputará os días 27 e 28 de xuño no campo do Couto coa participación dos equipos de categoría Benjamín do Pavillón Ourense, Escola Deportiva Ourense, Deportivo da Coruña e Real Valladolid. "Trátese dun acontecemento que une aspectos tan importantes como o deporte a saúde e os valores de traballo e sacrificio que acreditan a deportistas como Borja Fernández", afirmou Manuel Baltar, engadindo que Borja "é un defensor de Ourense porque leva o nome da nosa provincia aos máis altos ámbitos deportivos".

O presidente do goberno provincial destacou que este torneo promociona "a nosa singularidade turística como é o termalismo, e con ela todas as potencialidades da provincia, ao que hai que engadir o aspecto fundamental que é a quen vai dirixido este torneo: ao deporte de base, algo que sempre apoiará a Deputación de Ourense. Entre todos imos consolidar este torneo, unha iniciativa pola que felicito aos seus creadores, dado impulso que lle están a dar ao ámbito deportivo dirixido especialmente aos máis novos".

Borja Fernández agradeceu a posta en marcha deste campus, "que permitirá aos deportistas máis pequenos aprender e convivir cos valores máis salientables da práctica deportiva, algo que sempre deben ter presente, dentro e fóra do deporte". E Javier Caldas dixo que este torneo nace coa idea de que os nenos "teñan como referente a Borja Fernández, aproveitando a excelente pegada que deixou en todos os clubs nos que militou: Real Madrid, Deportivo, Xetafe, Mallorca, Valladolid, Eibar e mesmo na India, onde xogou unha tempada". Caldas agradeceu á Deputación de Ourense o apoio para a realización deste torneo e tamén ao Grupo Caldaria, en cuxos establecementos de Laias e Arnoia se hospedarán os xogadores.

O torneo dispútase na modalidade de liga, todos contra todos, no Campo do Couto e dará comezo o sábado, 27 de xuño, ás 17.00 horas, co partido entre a EDO e o Real Valladolid. Seguidamente xogarán Pavillón-Deportivo, EDO-Pavillón e Deportivo-Valladolid. O domingo, 28 de xuño, entre as 11.00 e as 13.00 xogarán EDO-Deportivo e Pavillón-Vallladolid, para rematar coa entrega de trofeos.

Manuel Baltar defende a "alianza de cooperación" cos xóvenes empresarios "porque eles son o emprendemento da provincia"

  • O presidente do goberno provincial foi o persoeiro convidado hoxe no almorzos de negocios que organiza o Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense.

Ourense, 19 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar participou hoxe nun almorzo-coloquio organizado polo Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense que se celebrou lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". O encontro, que nesta ocasión tivo como convidado ao presidente do goberno provincial, enmárcase no programa de almorzos de negocios que promove o Círculo de Xóvenes Empresarios para manter contacto e establecer canles de colaboración cos diferentes institucións e, neste caso, coa Deputación de Ourense. O obxectivo é coñecer as experiencias e proxectos dos interlocutores convidados e transmitirlles propostas e logros por parte dos xóvenes emprendedores da provincia de Ourense.

Manuel Baltar explicou na súa intervención as liñas mestras dos últimos anos de xestión ao fronte do goberno provincial e os plans de futuro a medio e longo prazo, e agradeceu o talante proactivo amosado polos xóvenes empresarios, implicados sempre na mellora económica da nosa provincia, e subliñou a "alianza de cooperación con eles porque, en definitiva, son os autores do emprendemento e do futuro na provincia de Ourense".

O presidente do ente provincial e os xóvenes empresarios concordaron en que o Inorde pode prestar un servizo tanto de asesoramento como de impulso ás iniciativas conxuntas que propoñan, "pois todos eles teñen interiorizada a importancia da provincia, do noso territorio e da cooperación empresarial, e a Deputación de Ourense acollerá esas iniciativas de apoio á promoción empresarial, porque se melloran as empresas, melloran as condicións da provincia e poderemos atender ese gran problema que é a falta de emprego e inverter esa tendencia".

Madrid dedica unha rúa ao municipio de Muíños, no distrito de Vallecas

Ourense, 18 de xuño de 2015.- O Concello de Madrid ven de comunicar á Deputación de Ourense e ao Concello de Muíños a asignación dunha rúa no distrito de Vallecas dedicada ao municipio ourensán de Muíños. Segundo o escrito fechado o pasado 5 de xuño, a proposta foi aprobada por unanimidade no pleno do mes de maio, no que tamén se asignaron nomes a outras quince rúas da capital de España.

En concreto, a xa denominada "Calle de Muíños" atópase na zona industrial de La Atalayuela, entre as rúas Guadalcanal e Sierra de la Demanda. O expediente para a asignación do nome tivo a súa orixe en 2013, se ben os responsables municipais de Vallecas agardaron ao maior desenvolvemento da zona de La Atalayuela para facer efectiva a denominacións das novas rúas.

Manuel Baltar agradece ao Concello de Madrid que tivese a ben incluír no seu rueiro o nome dun municipio da provincia de Ourense, "algo que contribuirá a seguir promocionando este importante concello da Baixa Limia, caracterizado pola súa riqueza natural, monumental e paisaxística". Tamén o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, amosou a súa satisfacción pola dedicación da rúa "o que supón unha axuda para que o noso municipio se coñeza e cada vez sexan máis os visitantes que se achegan á nosa contorna".

Manuel Baltar afirma que o Ribeiro "ten un peso importante na Marca Ourense"

  • O presidente do goberno provincial participou hoxe no acto dos premios da Denominación de Orixe Ribeiro entregando o galardón ao Mellor Viño Branco á adega "Ramón do Casar".

  • Baltar destacou que o Ribeiro "é a segunda denominación de orixe máis antiga de España e exporta os mellores caldos brancos do mundo", nun sector que cualificou como "estratéxico para a economía provincial".

Ourense, 17 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe no acto dos premios da Denominación de Orixe Ribeiro, que se entregaron no Mosteiro de San Clodio (Leiro), onde afirmou que o Ribeiro "ten un peso importante na Marca Ourense, pois é a segunda denominación de orixe máis antiga de España e exporta os mellores caldos brancos do mundo". Nun sector que cualificou de "estratéxico" para a economía provincial, Baltar remarcou que Ourense "é a única de España que conta con catro denominacións de orixe, o que define a importancia histórica, económica e social que o ámbito vitivinícola ten no territorio ourensán".

O presidente do goberno provincial entregou o premio ao Mellor Viño Branco á adega "Ramón do Casar", nun acto no que anualmente se recoñece aos mellores viños brancos e tintos desta denominación de orixe así como outras iniciativas profesionais. Tamén se presentou a colleita de 2014 e se deu conta do balance de xestión do último ano, nun evento no que se deron cita representantes institucionais, profesionais do sector do viño de toda España, adegueiros, distribuidores, maioristas e xornalistas.

Manuel Baltar destacou que a Deputación de Ourense "continuará con ese diálogo permanente que instauramos cos presidentes das catro denominacións de orixe ourensás, e achegaremos axudas e colaboracións para promocionar este importante produto endóxeno, e seguiremos apoiando a comercialización a través de canles innovadoras como o portal web Enourense".

O presidente da Deputación subliñou que o goberno provincial "está aberto a todas as propostas que este importante sector nos achegue", un sector que Manuel Baltar coñece perfectamente, dado que foi delegado en Ourense da Consellería de Política Agroalimentaria, e ao que eloxia "por ser un ámbito dinámico e en constante innovación por parte das adegas, o que fai que teñamos na provincia de Ourense un viño que se converteu por méritos propios nun referente nacional e internacional".