Presentación da VII Marcha BTT do Concello de Monterrei

  • Terá lugar o vindeiro 28 de xuño ao longo de tres rutas que suman un total de 100 quilómetros pola contorna.

Ourense, 24 de xuño de 2015.- O vindeiro domingo, 28 de xuño, celebrarase no Concello de Monterrei a VII Marcha de bicicleta de montaña (BTT), que percorrerá en tres rutas un total de 100 quilómetros pola contorna do municipio. Hoxe tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a presentación deste evento, a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, e o representante do club BTT Verín, Eulogio Feijoo.

Rosendo Fernández destacou que esta proba "dinamiza a comarca de Monterrei por medio do deporte e dunha actividade saudable como son as marchas polo medio rural, actividades que a Deputación promove e potencia porque a institución provincial estará sempre ao carón das actividades deportivas polos valores e as virtudes que amosan".

Pola súa banda, José Luis Suárez dixo que a Marcha BTT "é un evento xa consolidado que da comezo as numerosas actividades deportivas, culturais e de ocio que desenvolvemos no municipio ao longo do verán", entre as que citou a 10ª Liga de Fútbol entre os pobos do concello, a 2ª Andaina do Viño de Monterrei ou a 2ª Carreira Popular.

A VII Marcha BTT desenvolverase entre as 09.30 e as 14.00 horas. Haberá tres percorridos a elixir, e combinables uns con outros: un de 43 quilómetros de dificultade media-alta; outro de 32 quilómetros, de dificultade media, e un terceiro, de dificultade baixa, de 18 quilómetros e orientado aos rapaces máis cativos para que poidan ir acompañados de persoas maiores.

Todos as rutas serán vixiadas por dispositivos de seguridade e atención médica, nun evento que non ten carácter competitivo, senón que está deseñado como marcha de velocidade libre. Os obxectivos son fomentar o deporte da bicicleta e concienciar sobre a práctica deportiva, potenciar o coñecemento da natureza e dinamizar a comarca de Monterrei.

Un campamento de verán recrea os relatos de Agatha Christie na estación de Baños de Molgas

  • O evento, dirixido a nenos de entre 11 e 16 anos, conta coa colaboración do Inorde e realizarase integramente en inglés durante todos días de convivencia.

  • O obxectivo do "Orient Express in Ourense" é desenvolver actividades de lecer e convivencia e afondar nos coñecementos do inglés por medio da creatividade audiovisual.

Ourense, 23 de xuño de 2015.- A estación de Baños de Molgas (Ourense) converterase entre o vindeiro 28 de xuño e o 11 de xullo no escenario perfecto para recrear os relatos da escritora Agatha Chritie co desenvolvemento do "Orient Express in Ourense", un campamento de verán no que participarán nenos e nenas de entre 11 e 16 anos, que ten como obxectivo a inmersión no idioma inglés por medio de actividades de lecer e formativas baseadas na creatividade audiovisual.

A Deputación de Ourense promove e colabora nesta iniciativa a través do Inorde para fomentar a convivencia e a formación dos xóvenes xunto coa promoción dos espazos naturais da provincia de Ourense. Na presentación do campamento, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o presidente do goberno provincial destacou que este verán "Baños de Molgas convértese nun lugar de ocio e nun entorno para "aprehender" o idioma inglés, imprescindible hoxe no ámbito internacional", e subliñou que esta actividade "fomenta a comunicación e promove a creatividade no ámbito audiovisual, ademais de difundir valores de amizade e colaboración, como tamén estamos a facer no Campamento da Ourensanía, que tamén realizamos pensando na nosa mocidade".

Pola súa banda, Víctor Manuel Rodríguez, responsable do Centro Educativo Internacional El Jarama e coordinador do campamento, dixo que as actividades de inmersión no inglés "fanse de maneira divertida, sen clases, e pensando sempre que o mellor modo de aprender un idioma e xogando e experimentando con actividades creativas". "De aí -explicou- que optásemos por realizar talleres de cine, edición, maquillaxe, vestiario, guion e todo o relacionado co audiovisual orientado á realización dunha película interactiva baseada nos relatos de Agatha Christie vencellados ao mundo dos trens".

Os trinta nenos e nenas que participarán no campamento aloxaranse no albergue que o Inorde ten na estación de Baños de Molgas, e completarán as dúas semanas de estancia con excursións, rutas de sendeirismo e actividades deportivas, turísticas e culturais.

Manuel Baltar visita o Concello de Avión para coñecer proxectos sociais, turísticos, deportivos e de infraestruturas

Ourense, 22 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o Concello de Avión, onde foi recibido polo alcalde do municipio, Antonio Montero, con quen percorreu diferentes instalacións para coñecer os proxectos que se están a desenvolver no concello nos ámbitos sociais, de infraestruturas, turísticos e deportivos. Á súa chegada, o presidente do goberno provincial visitou a Casa Consistorial e posteriormente foi informado por parte do alcalde dos diferentes servizos e dotacións de equipamento e persoal que ten o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), para percorrer de seguido as instalacións deportivas, a piscina e a escola infantil, de titularidade municipal.

Manuel Baltar destacou a importancia do que significa a cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, "o que posibilita a modernización dos municipios do rural e o desenvolvendo de servizos que achegan máis calidade de vida aos cidadáns". Neste senso, Baltar subliñou que nos orzamentos para 2016, que se aprobarán no vindeiro mes de setembro, "seguirá a visualizarse a cooperación cos concellos nas liñas de colaboración que permitan seguir mellorando servizos e infraestruturas a prol dunha maior eficacia e eficiencia".

Antonio Montero agradeceu ao presidente do ente provincial a visita e remarcou "a imprescindible colaboración que a Deputación mantén con concellos como o noso, grazas ao cal é posible que poidamos facer realidade moitos proxectos que en caso contrario sería imposible levar a cabo".

Celanova será este verán o referente galego da música de vento-metal, co II Festival "Hércules Brass"

  • O evento reunirá do 4 ao 8 de agosto a expertos e alumnos de España, Portugal, Bélxica e Francia neste ámbito musical.

Ourense, 22 de xuño de 2015.- O II Festival "Hércules Brass" converterá este verán a Celanova no punto de encontro da música de vento de todos os estilos, con concertos, clases maxistrais, conferencias e diversas actividades formativas, que converterán á vila de San Rosendo entre do 4 ao 8 de agosto "no mellor escaparate da música de vento-metal dentro do panorama artístico galego", segundo explicou hoxe na presentación do evento, que tivo lugar no Pazo Provincial, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, entidade que colabora co festival.

O acto contou tamén coa participación do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e do alcalde de Celanova, José Luis Ferro, que afirmaron que tralo éxito acadado na primeira edición, o segundo festival ten como obxectivo a consolidación do mesmo. "Consideramos que é unha aposta fascinante e esperamos que teña moi boa acollida e que en vindeiras edicións poidamos seguir nesta liña de innovación musical", afirmou José Luis Ferro, quen lembrou o novo lema da vila de San Rosendo, "Celanova, un lugar para crear, un fogar para vivir".

Anxo Lorenzo, pola súa banda, agradeceu a implicación da Deputación de Ourense co festival e sinaladamente coa cultura, e subliñou a importancia do Concello de Celanova, "referente en Galicia pola diversidade do traballo cultural e creativo que realiza".

O programa inclúe ademais actividades de lecer relacionadas coa música e como novidade un taller de respiración, "O método das tres chaves", e as clases de música de cámara, onde o alumnado realizará un concerto. Haberá un total de 11 concertos, repartidos entre o claustro barroco do mosteiro e as prazas e rúas de Celanova, coa presenza de profesores e alumnos de España, Portugal, Bélxica e Francia, "onde teremos música para escoitar e tamén para ver", explicou Rodrigo Rodríguez, coordinador do festival.

Como complemento das actividades programadas están previstas clases maxistrais de trompeta, trompa, trombón e tuba, coas que se ofrecen aos participantes pautas de carácter teórico e práctico que lles permitirán perfeccionar a súa técnica, ampliar o seu repertorio e responder aos interrogantes que se lles presenten no día a día, todas elas impartidas por profesionais de gran recoñecemento e cunha longa traxectoria musical acreditada a nivel nacional e internacional.

As clases maxistrais están abertas a todo tipo de público interesado en profundar nos coñecementos de calquera das especialidades ofertadas. Haberá un número máximo de 12 persoas activas por especialidade e sen límite de persoas oíntes. A selección do alumnado será por rigoroso ordene de inscrición co seu correspondente pago da matrícula.

A inscrición para alumnado activo permitirá participar nas sesións de técnica con todo o grupo, nas clases individuais cos profesores e nas clases de música de cámara como membro activo, coa posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado. No caso de alumnado oínte poderán participar nas sesións de técnica con todo o grupo e nas clases de música de cámara como membro activo e asistir as clases individuais e como oíntes coa posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado. E para o caso dos grupos de música de cámara poderán participar nas clases de música de cámara grupos xa constituídos, cun mínimo de dúas clases dunha hora e a posibilidade de tocar no concerto programado para o alumnado.

As persoas interesadas en participar nas clases maxistrais en calquera das especialidades deberán cubrir un formulario e pagar unhas taxas de matrícula. O alumnado menor de idade deberá entregar la autorización correspondente, cumprimentada e firmada pola nai, pai, ou titor e deberá presentala o primeiro día de curso. O prazo da inscrición remata o vindeiro 17 de xullo.