"Os Bolechas" comezan a súa xira pola provincia de Ourense

  • A caravana percorrerá nove localidades con xogos, talleres e actividades, para dar a coñecer a provincia de Ourense entre os máis novos.

Ourense, 10 de abril de 2015.- Os Bolechas inician este sábado, 11 de abril, a súa xira pola provincia de Ourense. A popular familia percorrerá nove vilas ourensás coa súa Caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.

Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia. Por iso, todas as nenas e nenos que se acheguen á Caravana Bolechas levarán de forma totalmente gratuíta o libro Os Bolechas van a Ourense.

Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, que visitarán todas as vilas de 17:00 a 20:00 horas, malia que a Caravana Bolechas chegará ás vilas ás 12:30 h e estará aberta ata as 20:30 h –cunha parada entre as 14:30 e 16:30 h–.

Calendario da xira

A xira empeza este sábado, 11 de abril, no Barco de Valdeorras; a Caravana estará instalada na praza do Concello. O domingo 12 abrirá as súas portas na praza de Abastos da Pobra de Trives, o luns 13 na praza García Barbón de Verín, o martes 14 na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia e o mércores 15 na praza da Constitución de Bande. O xoves 16 a Caravana Bolechas recalará en Celanova, o venres 17 na praza Maior de Ourense, o sábado 18 no Carballiño –tamén na praza Maior–, e o domingo 19 de abril remata a xira nos Jardinillos de Ribadavia.

En todas as comarcas, as nenas e nenos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto Os Bolechas van a Ourense e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.

Todas as datas, actividades e sorteos poden consultarse nunha páxina web específica desta xira: www.osbolechas.com/vanaourense, así como na web dos Bolechas e nos perfís que teñen nas redes sociais (Facebook e Twitter).

O conto "Os Bolechas van a Ourense" narra as aventuras dos irmáns no aniversario da súa curmá, Ying, que celebran en Manzaneda. Cando están todos na mesa para soprar as candeas, Ying recorda que ten moitas amigas e amigos ourensáns e quere que estean na súa festa, así que marcha a buscalos nun microbús co que percorre toda a provincia recollendo os amigos, que a agasallan con produtos típicos das súas zonas. A festa de aniversario de Ying vai ser suculenta.

Os seis irmáns, xunto con Chispa no seu novo camión de bombeiros, percorrerán toda a provincia ourensá contándolles aos máis cativos o moito que gozan das marabillas que esta ofrece esta fermosísima terra.

Rut Martínez trae ao "Marcos Valcárcel" unha obra sutil e melancólica

"A memoria e o seu silencio" é o título da exposición que recolle o traballo de Rut Martínez e que está marcado por "unha obra que nos invita a somerxernos na nosa propia melancolía con sutileza e beleza artística". Son pezas, en moitos casos, con formatos mínimos, de moi reducidas dimensións e nos que esa beleza ten que estar condensada, reflectida ás veces nun pequeno detalle.

Dixo Auguste Rodin que "nada é tan fermoso como as ruínas dunha cousa bela". E Rut Martínez López de Castro, artista de dilatada traxectoria a pesar da súa xuventude, vén referendar tal afirmación "cunha obra que nace, en parte, onde outras morren: nos últimos estertores de obxectos, paisaxes e contornos que xa non son o que algún día foron".

Esta mostra, que se abre ao público dende hoxe, poderá visitarse ate o día 3 de maio no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

 

 

Estudantes das Neves visitan o Obradoiro de instrumentos populares

Ourense, 10 de abril de 2015.- Estudantes do IES Pazo da Mercé, das Neves (Pontevedra), realizaron hoxe unha visita didáctica ao Obradoiro de Instrumentos da Deputación de Ourense, que dirixe Manuel Brañas, para coñecer a técnica de fabricación de instrumentos e ver os construídos a partir dos instrumentos esculpidos no Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. Posteriormente, no Centro Cultural "Marcos Valcarcel" asistiron a unha charla-debate, coa proxección de documentos didácticos, impartida por Luís Cepeda, quen falou sobre a construción de guitarras, e Manuel Iglesias, quen realizou unha proxección que incluía unha relación dos instrumentos que se constrúen no Obradoiro, dentro dos cursos que se están impartindo.

A Deputación de Ourense participa no "Congreso Nacional de Innovación" presentando os seus avances en e-Administración e "vídeo-acta"

Ourense, 9 de abril de 2015.- A Deputación de Ourense ven de ser convidada para presentar en Madrid as súas innovacións en materia de e-Administración e xestión electrónica, no "V Congreso Nacional de Innovación", que se celebrará os días 21 e 22 de abril. En concreto, o vicesecretario xeral da institución provincial, Juan Marquina, participara neste importante foro de innovación presentando os avances e experiencias da Deputación de Ourense nos campos da licitación electrónica e da xestión de actas de plenos en forma electrónica e audiovisual a través da denominada "Vídeo-acta".

O Congreso Nacional de Innovación celebra a súa quinta edición na Fábrica Nacional de Moeda e Timbre. Constitúe o principal encontro de ámbito nacional sobre administración electrónica e reúne aos representantes das distintas administracións públicas, as principais empresas do sector e a expertos relacionados co mundo da innovación e a xestión tecnolóxicas.

A Deputación de Ourense foi convidada a participar neste evento dadas as innovadoras e pioneiras achegas que ten realizado no ámbito da xestión tecnolóxica e da comunicación e participación cidadá, entre as que figuran a retransmisión en directo a través de Internet dos plenos ou as mesas de contratación ou mesmo a "Vídeo-acta", unha ferramenta tecnolóxica que novamente colocará á Deputación de Ourense na vangarda á hora de poder localizar en cuestión de segundos calquera termo nun documento.