Deputación e CEO analizarán iniciativas para potenciar a "Marca Ourense"

  • Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial a visita de Pérez Canal e do consultor experto en Turismo Doménec Biosca

Ourense, 7 de setembro de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense, José Manuel Pérez Canal, e ao consultor e experto en Turismo, Doménec Biosca, que hoxe pronunciou a conferencia inaugural do curso académico 2015-2016 na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense. O presidente do goberno provincial analizou con eles "a posibilidade de poñer en marcha unha estratexia turística provincial, onde o peso do sector económico sexa protagonista para explotar todas as posibilidades que ofrece a "Marca Ourense", afirmou Manuel Baltar.

Baltar e Pérez Canal acordaron que nos plans para 2016 da Deputación e da CEO –ámbalas dúas entidades estritamente provinciais- o turismo cunha visión integral de provincia ocupe un lugar estratéxico. Doménec Biosca, pola súa banda, ofreceuse a colaborar precisamente para poñer en marcha unha estratexia para potenciar a "Marca Ourense", e as próximas semanas serán especialmente acaídas para afondar nesta posibilidade, "ao que se sumará a chegada do AVE en 2018, circunstancia que Inorde e CEO consideran que marcará un antes e un despois na provincia de Ourense tanto social, cultural como económicamente", explica Manuel Baltar.

Turismo, deporte e natureza, unidos na proba "BTT do Peixe", en Bande

 

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que prevé máis de cen participantes na proba, que se celebrará o vindeiro 13 de setembro.

Ourense, 7 de setembro de 2015.- A segunda edición da "BTT do Peixe" no municipio de Bande celebrarase o día 13 de setembro, tras o éxito acadado na súa primeira edición. O Pazo Pronvicial acolleu esta mañá a presentación desta competición ciclista que contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado de deportes, Juan Anta; a teniente de alcalde de Bande, Sandra Quintas; e o coordinador e director da proba, David Sánchez.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo "para afianzar e impulsar a parte rural, a economía rural e os concellos de Ourense en xeral" afirmou Rosendo Fernández.

A teniente de alcalde de Bande destacou que este tipo de evento é "beneficioso para o noso concello porque incrementa o consumo na hostalería do municipio e, á vez promociona a nosa riqueza paisaxística e o patrimonio cultural e artístico de Bande". De feito, a ruta da BTT do peixe discorre por puntos estratéxicos do municipio como o campamento Aquis Querquennis e parte da ruta é compartida co camiño de San Rosendo.

A ruta ten tres variantes dende 33 a 44 quilómetros "para intentar que sexa accesible a ciclistas de tódolos niveis, tanto técnicos como físicos, para a maior participación e disfrute posible", asegurou David Sánchez. A saída terá lugar o domingo ás 9.15 horas na praza do concello. Segundo os organizadores, prevese nesta edición a participación de máis de cen ciclistas, e os interesados en participar poderán facelo ata o mércores na páxina "www.bandebtt.es".

Pola súa banda, Juan Anta, destacou a importancia deste tipo de eventos porque "deporte e turismo deben ir da man, sobre todo, en zonas rurais onde temos tanto que ensinar e que moitas veces é descoñecida" e engadiu, "a Deputación de Ourense cree niso e por iso apoiamos firmemente eventos que serán un absoluto éxito".

O prezo da inscrición é de 10 euros e inclúe chip de cronometraxe, avituallamento, obsequios ás 180 primeiras inscricións, entre outros servizos.

O Festival de Teatro Galego chega a súa 26ª edición

 

  • A Deputación de Ourense apoia dende hai anos este referente das artes escénicas en Galicia.

Ourense, 7 de setembro de 2015.- O Festival de Teatro Galego celebra este ano a súa vixésimo sexta edición que terá lugar no Carballiño, os días 8, 9, 10 e 11 de setembro. O acto de presentación tivo lugar no Pazo Provincial esta mañá no que estivo presente o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a directora do FETEGA, Josi Lage; e actores das diferentes compañías que actuarán no festival.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa dende hai anos porque "entendemos que festivais como o FETEGA contribúen a dinamizar a actividade cultural da provincia e a aportar valor engadido a un territorio que, de seu, conta xa cun atractivo innegable", asegurou Rosendo Fernández, e engadiu, "este festival é xa un referente das artes escénicas en Galicia, e reunirá no Carballiño a grandes compañías do panorama artístico galego, convertendo esta vila, durante uns días, na capital do teatro de Galicia".

O festival desenvolverase do 8 ao 11 de setembro e ademais das actuacións diarias das diferentes compañías haberá actividades de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas que consistirán en talleres de malabares e circo, taller de instrumentos musicais do mundo así como distinto obradoiros de máscaras e papiroflexia, entre outros.

Francisco Fumega agradeceu que Carballiño poida contar cun "evento cultural desta magnitude e desta altura como é FETEGA".

As entradas para as actuacións terán un custo de 8 euros, aínda que "o primeiro día os asistentes terán a oportunidade de adquirir un bono con desconto de 25 euros que inclúe as funcións das catro noites, os demais días o bono será de 30 euros", asegurou Josi Lage.

Manuel Doval destacou a relevancia de teatro na educación, afirmando que é importante "que os nenos acudan ó teatro, que nos colexios se faga teatro e o teatro vai a facer que os nenos se desenvolvan no sentido amplo. É conveniente que nenos e nenas crezan non só fisicamente senón tamén intelectualmente".

Un dos actores presentes no acto, Carlos Blanco, presentou a súa comedia "Arenteiro", que xunto a Celso Fernández Sanmartín abrirá o festival, e asegurou que se trata dunha obra pret á porter, "feita ex profeso para esta ocasión e non vai a ter continuidade", trátase dun show escénico único e exclusivo que non se volverá a repetir.

Este Festival de Teatro Galego congrega ademais a grandes compañías das artes escénicas de Galicia como son "Ibuprofeno Teatro", "Mota e Befa", "Compañía Floristería e Artesa Cía".

O último día terá lugar a entrega de premios ao mellor espectáculo teatral que será elixido polo público, premio á mellor actriz ou actor que o deciden críticos de arte, así como o premio de honra.

Emprego, temas sociais e cooperación, centran o I Cumio provincial de alcaldes co presidente da Deputación de Ourense

  • Manuel Baltar destaca a importancia da autonomía local e da colaboración entre concellos e goberno provincial "para ter entre todos unha visión global de provincial".

  • O presidente avanzou que os orzamentos do ente provincial para 2016 se incrementarán e incluirán un Plan de Axuda á Empregabilidade nos concellos e un Plan de Mocidade Activa.

  • Por parte dos alcaldes interviron no cumio os rexedores de Allariz, Ribadavia, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Os Blancos e Cenlle que reclaman das administracións un maior equilibro territorial, solidariedade financeira e intensificar o traballo en rede para potenciar as singularidades comarcais.

Ourense, 4 de setembro de 2015.- Expourense acolleu hoxe o I Cumio provincial de alcaldes e alcaldesas co presidente da Deputación de Ourense, un encontro que foi cualificado como moi positivo polos rexedores locais polo que supón dunha excelente oportunidade para poñer en común estratexias, proxectos e iniciativas a prol da provincia dun xeito participativo e aberto, "para desenvolver unha política máis conectada coa realidade local de Ourense", afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar.

Na súa intervención de apertura do cumio, Manuel Baltar destacou a importancia da autonomía local e da colaboración entre concellos e goberno provincial "para que entre todos teñamos unha visión global de provincia". O presidente avanzou que os orzamentos do ente provincial para 2016 se incrementarán e incluirán un Plan de Axuda á Empregabilidade nos concellos e un Plan de Mocidade Activa, destinándose para o primeiro deles 900.000 euros e para o segundo un total de 600.000 euros. Ademais diso, explicou que se porá en marcha un Plan de apoio á natalidade, dotado con un millón de euros, e que o Plan Provincial de Obras incrementará a contía correspondéndolle a cada concello 52.500 euros máis 3.000 euros do proxecto.

Manuel Baltar agradeceu aos alcaldes e alcaldesas as súas achegas e participación no cumio "porque estamos na liña de transformación da provincia, unha labor continua que temos que facer entre todos, na procura de proxectos comúns que xeren emprego, benestar e competitividade, o que supón crer en Ourense, que é o que nos move".

Por parte dos alcaldes interviron no cumio os rexedores de Allariz, Ribadavia, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Os Blancos e Cenlle, quen reclamaron das administracións un maior equilibro territorial, solidariedade financeira e intensificar o traballo en rede para potenciar as singularidades comarcais como son os ámbitos forestal, da viticultura, e da lousa, entre outros.

Manuel Baltar apuntou as liñas estratéxicas do Plan Ourense 15-19 e dixo que este cumio ten como obxectivo "informar á deputación, escoitar e ser unha nova canle de comunicación permanente", destacando o dobre papel da Deputación de Ourense: asistir e cooperar cos concellos e defender unha visión integral de provincia. Logo de comentar os antecedentes do Plan Ourense 15-19, que foi o Plan Ourense 92, Manuel Baltar dixo que neste décimo mandato local (2015-2019) "temos unha aposta clara pola política e polos políticos, os protagonistas da administración local". Neste senso destacou a importancia que ten a formación e avanzou que o vindeiro mes de outubro a deputación impartirá dos seminarios dirixidos aos alcaldes, un sobre "Como gobernar un concello", impartido por Jiménez Asensio, e outro sobre "Liderado político", a cargo da Fundación Democracia e Goberno local.

Sobre o Plan Ourense 15-19, Baltar subliñou que os obxectivos específicos son o Plan termal, a Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente, o plan de Competitividade e a "Provincia intelxente", sendo as liñas estratéxicas o deporte, o turismo, o Ourense tecnolóxico, a participación cidadá, o Ourense Verde e o Ourense habitable. Das 77 accións contempladas no Plan Ourense 15-19, 26 delas están orientadas directamente aos concellos e a súa xestión.

Neste ámbito da xestión, Manuel Baltar anunciou a creación por parte da Deputación de Ourense do Premio "Colaboremos 93", que premiará a mellor boa práctica na xestión municipal, iniciativa na que o goberno provincial asumirá o 80 % do custe da súa implantación.

O presidente da deputación expresou "a máxima dispoñibilidade" para abrir unha canle de comunicación permanente cos concellos, "procurando a prestación de servizos públicos coa máxima calidade, pois todos os veciños e veciñas da provincia teñen os mesmos dereitos residan onde residan", e engadiu que os campos para esa cooperación "son ilimitados e poden abranguer cuestións no ámbito das infraestruturas, no eido medioambiental, e mesmo actuacións culturais, enerxéticas ou deportivas, sen descoidar a innovación como asistir e cooperar en materia de transparencia institucional".

Esta nova canle de comunicación entre deputación e concellos permitirá formular suxestións á política provincial, informar dos plans da Deputación e facer unha valoración dos mesmos. "Todo elo para desenvolver unha política máis interactiva e achegada ao cidadán. É un novo xeito de relacionarnos entre administracións cun obxectivo común irrenunciable: Ourense", afirmou Manuel Baltar.