O presidente da Deputación e o conselleiro de Cultura analizan as necesidades da provincia e os proxectos en marcha

  • Manuel Baltar e Román Rodríguez repasaron tamén o estado de tramitación do expediente para declarar a Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade.

Ourense, 7 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, con que analizou as necesidades da provincia de Ourense referidas ás competencias desta consellería e repasou os proxectos actualmente en execución, así como o estado de tramitación no que se atopa o expediente para a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Román Rodríguez, aparte de destacar a capacidade que tivo a Deputación de Ourense de poñer en marcha o procedemento da Ribeira Sacra, "comprometeuse –segundo afirma Manuel Baltar- a axilizar o máximo posible os trámites que lle correspondan ao departamento autonómico de Cultura, e na actualidade, unha comisión de seguimento, da que tamén forma parte a consellería, está a facer avaliacións e traballos técnicos e administrativos para completar toda a documentación necesaria deste proceso".

Manuel Baltar confirmou que o titular de Cultura "virá a Ourense nas próximas semanas para dar cumprida información sobre a previsión para presentar o expediente final para a solicitude da declaración da Ribeira Sacra, que está a contar tamén coa colaboración do Valedor de Pobo como coordinador do equipo de investigadores da Universidade de Santiago".

En termos de Educación Baltar e Rodríguez analizaron ás necesidades de infraestruturas dos colexios da provincia, estudando a posibilidade de plantexar un protocolo de colaboración entre a Deputación de Ourense e a administración autonómica para a realización de obras consideradas como urxentes, e no ámbito universitario avaliaron o estado actual do Campus de Ourense e as posibilidades dunha nova titulación.

O presidente da Deputación felicita a Alejandro Abad "por unir coa música infancia e solidariedade"

  • O produtor e compositor e o director do Colexio Padre Feijoo-Zorelle presentáronlle a Manuel Baltar o proxecto internacional en favor das vítimas do ébola.

  • O coro infantil deste centro educativo gravou un vídeo-clip intepretando a canción "Ahora más que nunca", composta por Alejandro Abad, xunto a outros 33 colexios de todo o mundo.

Ourense, 6 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no seu despacho do Pazo Provincial ao produtor, compositor e cantautor, Alejandro Abad, e aos directivos do Colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, os cales lle presentaron ao presidente do goberno provincial o proxecto solidario internacional en favor das vítimas do ébola, no que participa o coro infantil deste colexio ourensán.

Manuel Baltar felicitou a Alejandro Abad e ao director do Colexio Padre Feijoo-Zorelle, Honorato Losada, "por facer que a música sexa un nexo de unión entre infancia e solidariedade, dúas fermosas palabras cheas de responsabilidade e compromiso", expresou o presidente.

Na reunión, o presidente destacou o "carácter solidario da provincia de Ourense" e propúxolle ao cantautor unir esforzos para realizar un proxecto solidario con fin benéfico, citando como exemplo o emblema da tradición musical que representa á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e as Xornadas de Folclore, a manifestación cultural e artística máis importante das que se organizan en Ourense.

O compositor e o coro infantil do Padre Feijoo-Zorelle interpretarán hoxe (esta noite no programa "Luar" da TVG) por primeira vez en televisión a canción que está a crear "unha marea de solidariedade coas vítimas do ébola nos cinco continentes", segundo explicou Alejandro Abad, actuación coa que os escolares ourensáns queren agradecer a Galicia seu apoio ao proxecto "¡C@ntamos contigo! Los niños del mundo dan gracias a la vida", que ten como finalidade sensibilizar á sociedade e apoiar ás persoas que padecen ébola e outras enfermidades con alta incidencia infantil nos países máis desfavorecidos.

Declaración da Xunta de Goberno da Deputación de Ourense con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora

Ourense, 6 de marzo de 2015.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense quere expresar con motivo da conmemoración o vindeiro 8 de marzo de 2015 do Día Internacional da Muller Traballadora a reivindicación compartida por toda a sociedade de seguir impulsando iniciativas e proxectos que permitan afondar na igualdade, para que a presenza da muller continúe a ser unha prioridade en todos os ámbitos e un potencial fundamental para o desenvolvemento social, económico e político.

No ano 2015 a conmemoración deste aniversario ten una relevancia significativa ao cumprirse 130 anos do pasamento de Rosalía de Castro, unha muller que loitou coa arma máis poderosa, a palabra, a prol da defensa da muller e de Galicia. O seu pensamento feminista, a defensa da nosa lingua e a súa obra están hoxe máis vixentes que nunca nun momento no que os valores sociais e éticos, o sacrificio e as dificultades económicas son prioridades presentes en todos os cidadáns.

As reivindicacións do 8 de marzo deben estenderse a todos os días do ano pois é necesario seguir afondando en políticas que melloren o nivel laboral das mulleres e que reduzan as elevadas taxas de paro que padecen, condicións que se acentúan coa crise e que repercuten negativamente na conciliación da súa vida familiar e profesional.

Por elo, en momentos así, é moi importante valorar o impulso que nos últimos anos ten dado a nosa sociedade en defensa dos dereitos das mulleres, que abren camiño cara á verdadeira igualdade grazas ao esforzo colectivo de todos. A capacidade de sacrificio, o emprendemento, a defensa da dignidade e da liberdade individual e a loita contra a violencia de xénero son algúns dos sinais de identidade das mulleres, que día a día constrúen o edificio da igualdade, un proxecto no que todos na nosa provincia de Ourense temos a obriga e o deber de involucrarnos, porque unha cidadanía comprometida coa igualdade é sinónimo dunha sociedade responsable, madura, cívica e solidaria.

Para que ese percorrido cara á igualdade poda resultar eficaz é necesario impulsar entre todos, administracións e cidadáns, medidas que contribúan a facer cada día unha sociedade mais xusta para que a igualdade de oportunidades sexa unha prioridade na convivencia cívica dos pobos.

Presentación dos actos da Semana Santa 2015 do Carballiño

Ourense, 6 de marzo de 2015.- No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense tivo lugar esta mañá a presentación dos actos conmemorativos da Semana Santa 2015 que se celebrarán na vila do Carballiño entre o 14 de marzo e o 5 de abril. Na presentación participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e o confrade maior da Vera Cruz, Rafael Melero.

Manuel Baltar destacou que este evento "é un referente de ámbito provincial que une o aspecto relixioso, social e cultural nunha das vilas máis puxantes da provincia de Ourense". O presidente provincial subliñou a importancia da Semana Santa do Carballiño "pola implicación dos veciños en potenciar dende 2008 esta actividade relixiosa, que se traduce na participación de nenos e maiores, tanto nas procesións, actos relixiosos e actividades paralelas, e que conta con máis de 200 confrades; todo elo fala ben alto da intensidade coa que se vive este evento".

Baltar agradeceu ao bispo de Ourense, ao alcalde do Carballiño e ao confrade maior da Vera Cruz por xunguir esforzos neste proxecto que este ano conta coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, xunto coa Banda de Música do Carballiño e do Orfeón do Carballiño, afianzando a música como protagonista da Semana Santa da vila carballiñesa, ademais dun programa de actividades para os máis pequenos.

O bispo de Ourense destacou que O Carballiño "é un expoñente da Semana Santa en Galicia, unha iniciativa que temos que exportar a outras vilas e cidades da provincia de Ourense, porque é importante abrir a igrexa e saír á rúa para facer unha nova tarefa evanxelizadora".

Finalmente, Argimiro Marnotes dixo que a Semana Santa do Carballiño "é unha inmellorable ocasión para que a nosa vila amose o seu patrimonio, a súa cultura e o seu grandioso templo e contorna da Vera Cruz, pois esta é unha actividade que lle da un pulo importante ao sector turístico do Carballiño".

O programa de actividades inclúe procesións, celebracións solemnes un ciclo de conferencias e exposicións, que culminarán o día 5 de abril.