Manuel Baltar visita á selección australiana feminina de remo, que prepara o Mundial en Laias

Ourense, 21 de xullo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo hoxe unha reunión cos técnicos e deportistas da selección australiana feminina de remo no Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño (CERLA), situado na contorna do Balneario de Laias (Cenlle), unhas instalacións nas que a institución provincial acometeu un investimento de 35.000 euros a través do Inorde para a construción dun pantalán que permite a equipos de remo nacionais e internacionais dispoñer dunha infraestrutura axeitada para realizar seus adestramentos.

Na súa visita de hoxe, o presidente do goberno provincial mantivo encontros coas deportistas e técnicos da selección australiana, entre os que se atopan medallistas e campioas do mundo, que están a realizar a súa preparación cara ao Mundial de Remo que se celebrará en Aiguebelette (Francia), entre o 30 de agosto e o 6 de setembro. Precisamente, dadas as excelentes condicións que se atoparon en Laias, os membros do equipo australiano confirmaron hoxe que volverán a estas instalacións o vindeiro ano para preparar a súa participación nos Xogos Olímpicos de Río de 2016.

Manuel Baltar dixo que Ourense dispón "dunha das mellores infraestruturas deportivas de España para a práctica do remo e do piragüismo na contorna do embalse de Castrelo, e proba diso é que, ademais do equipo de Australia xa estiveron facendo aquí a súa preparación as seleccións de Holanda, Bielorrusia e Reino Unido. O presidente da Deputación destacou que esta liña de actuación forma parte do Plan "Ourense, a provincia termal", "que combina saúde, deporte e lecer, e que ten como obxectivo poñer en valor unha das principais singularidades da nosa provincia como é o termalismo".

Na súa visita de hoxe a Laias Manuel Baltar interesouse polo programa de adestramento da selección australiana, integrada por 43 membros entre deportistas, técnicos e persoal sanitario e administrativo.

A Deputación de Ourense organizará xunto co Círculo Poético Ourensán o "6º Encontro Internacional de Poesía"

Ourense, 21 de xullo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a José Ramón Morgade, presidente do Círculo Poético Ourensán, única entidade destas características en Galicia onde a poesía ten un peso propio e referente en España pola actividade sólida e dinamizadora que desenvolve. Manuel Baltar destacou tralo encontro que o labor que leva a cabo o Círculo Poético Ourensán "entronca directamente coa tradición literaria e poética da provincia de Ourense", polo cal o presidente do goberno provincial comprometeuse a que a Deputación de Ourense "co-organizará en outubro, xunto co Círculo Poético Ourensán, o 6º Encontro Internacional de Poesía, un evento único en Galicia que é referente no se ámbito".

Ademais deste proxecto, Baltar e Morgade analizaron a posibilidade de poñer en marcha nos vindeiros meses un programa de ámbito provincial para achegar a poesía aos máis novos a través dos centros educativos.

Manuel Baltar: "O que lle vai ben a Ourense ten que ter á Deputación ao seu carón, nunha clara aposta polo emprendemento e o territorio"

O presidente do goberno provincial participou hoxe na CEO na presentación da Oficina de Atracción de Investimentos.

Ourense, 21 de xullo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe xunto ao presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, e o responsable territorial de Abanca, Rubén Saavedra, na presentación da Oficinal de Atracción de Investimentos da CEO, que tivo lugar na sede da entidade empresarial.

Manuel Baltar dixo que a Deputación "ten que estar nesta iniciativa porque conformamos xunto cos outros dous integrantes da mesa as institucións público e privadas que temos un obxectivo común que coincide co noso ámbito territorial: a provincia de Ourense, e iso conleva interiorizar tres palabras, cuxas iniciais son las mesmas que as da CEO, como son "Creo en Ourense"; tres palabras que son unha fortaleza para defender a nosa riqueza e as nosas potencialidades; temos que sumilas e temos que traballar para facelas rendibles, non só cultural e socialmente senón tamén economicamente".

O presidente do goberno provincial falou do importante valor da Ribeira Sacra e tamén da aposta de Abanca e da Deputación co Plan "Transforma Ourense", asinado por estas dúas entidades, "e que puxo a disposición das pemes, administracións locais e cidadáns un total de 30 millóns de euros para proxectos de competitividade, e así é como se fai camiño para dinamizar o noso territorio".

Manuel Baltar destacou os catro eixos estratéxicos de desenvolvemento para a provincia de Ourense nos vindeiros catro anos como son o Plan "Ourense, a provincia termal"; o Plan de Competitividade para empresas, con axudas para a internacionalización, presentado en Bruxelas o ano pasado; a primeira Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente do Estado, e un plan que converta a Ourense en "provincia intelixente" no ámbito do uso da intelixencia tecnolóxica. "Iso é pensar en clave de provincia, e o acto de hoxe significa unha unión co empresariado ourensán, que vai ter permanencia no tempo, e para mellorar nos ámbitos demográfico e de emprego hai que actuar coa base posta nesta cooperación público-privada que se visualiza no convenio que da lugar a esta Oficina de Atracción de Investimentos. Porque todo o que lle vai ben a Ourense ten que ter á Deputación ao carón, é como é este caso, ao lado do emprendemento".

A Oficina ten como obxectivo "dinamizar a actividade económica na provincia mediante a atracción de potenciais investidores, ofrecendo o apoio necesario para que se localice calquera tipo de actividade económica", explicou Pérez Canal. "Con esta ferramenta –dixo- preténdese publicitar as potencialidades da nosa provincia coa finalidade de facer negocio".

A Deputación apoia ao acordeonista internacional ourensán Víctor Prieto

Ourense, 21 de xullo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense recibiu hoxe no Pazo Provincial ao acordeonista ourensán Víctor Prieto quen desenvolve hai anos o seu labor profesional en Nova York, sendo un referente do jazz. Manuel Baltar destacou "a creatividade e o talento profesional de Víctor Prieto" e tamén o compromiso que mantén con Ourense "como se pon de manifesto na máster class de acordeón que o músico organiza na súa localidade natal de Mugares (Toén), con participantes internacionais, e que o vindeiro ano contará co apoio da Deputación de Ourense para realizar ademais da actividade formativa un concerto musical". Na súa visita á institución provincial, Víctor Prieto asinou no Libro de Honra da Deputación, convidado polo presidente Manuel Baltar, quen afirmou que o goberno provincial "apoia e está ao carón de persoas que levan o nome de Ourense polo mundo adiante desenvolvendo actividades destacadas, como é este caso, no ámbito da creatividade cultural e musical".