Xinzo de Limia, na vangarda artística co I Certame de pintura mural "Matrioska"

  • Artistas de belas artes pintarán paredes de edificios co obxectivo de recuperar espazos da vila, incentivar a actividade artística e reivindicar Xinzo como un lugar de creatividade.

  • A actividade, que co-organizan a Deputación de Ourense, o Concello e "Espacio Matrioska", "sitúa a Xinzo como un municipio que aposta pola innovación artística e a mocidade", afirma Manuel Baltar.

Ourense, 24 de xuño de 2015.- Xinzo de Limia organiza entre os días 5 ao 12 de xullo unha actividade que o sitúa á vangarda artística entre as vilas que promoven iniciativas creativas relacionadas ca arte. Trátase do I Certame de pintura mural "Matrioska", que converterá a capital da Limia nun "gran lenzo" onde artistas de ámbito nacional e internacional pintarán nas paredes medianeiras de sete edificios obras de arte creadas por eles "para reivindicar Xinzo como un lugar de creatividade e achegar ao público o noso traballo artístico", explicou Iván Prado, representante do movemento "Espacio Matrioska", na presentación do evento.

A actividade, que co-organizan a Deputación de Ourense, o Concello e "Espacio Matrioska", "sitúa a Xinzo como un municipio que aposta pola innovación artística e a mocidade", afirmou Manuel Baltar, engadindo que unha vez máis a nosa provincia sitúase na vangarda creativa, como xa acontece co Ourense ICCWeek e agora con este certame, que representa unha das modalidades máis antigas de creación artística, con referentes no paleolítico, logo no Renacemento e na actualidade na cultura do graffiti".

O presidente do goberno provincial destacou que talento e creatividade "van da man nunha iniciativa que posiciona a Xinzo como un municipio achegado á arte e que abre novas perspectivas aos creadores", unha opinión que foi referendada polo alcalde da vila quen afirmou que esta é tamén "unha forma de promocionarse para os novos artistas, favorecendo unha convivencia cultural con outros creadores e interactuando en directo, na mesma rúa, co público". Antonio Pérez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense a esta iniciativa e ao colectivo "Espacio Matrioska" "o pulo que lle está a dar ás disciplinas artísticas, acompañado da dinamización do rural, a promoción e o reclamo turístico".

Os murais que pintarán os artistas serán seleccionados pro un xurado e realizaranse como anticipo e reclamo das festas patronais de Xinzo. A temática das obras será libre e os creadores disporán de todo material necesario para a realización das pinturas así como do andamiaxe acaído para realizar seu traballo.

Os promotores desta iniciativa, "Espacio Matrioska", é un colectivo de intercambio, arte, aprendizaxe e convivencia que reúne a novos artistas que tentan abrirse camiño no ámbito laboral das belas artes. Entre os próximos proxectos que van levar a cabo figura a creación dunha residencia de artistas, a organización dun festival de artes e músicas, e un mercado de artesanía.

Presentación da VII Marcha BTT do Concello de Monterrei

  • Terá lugar o vindeiro 28 de xuño ao longo de tres rutas que suman un total de 100 quilómetros pola contorna.

Ourense, 24 de xuño de 2015.- O vindeiro domingo, 28 de xuño, celebrarase no Concello de Monterrei a VII Marcha de bicicleta de montaña (BTT), que percorrerá en tres rutas un total de 100 quilómetros pola contorna do municipio. Hoxe tivo lugar no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a presentación deste evento, a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, e o representante do club BTT Verín, Eulogio Feijoo.

Rosendo Fernández destacou que esta proba "dinamiza a comarca de Monterrei por medio do deporte e dunha actividade saudable como son as marchas polo medio rural, actividades que a Deputación promove e potencia porque a institución provincial estará sempre ao carón das actividades deportivas polos valores e as virtudes que amosan".

Pola súa banda, José Luis Suárez dixo que a Marcha BTT "é un evento xa consolidado que da comezo as numerosas actividades deportivas, culturais e de ocio que desenvolvemos no municipio ao longo do verán", entre as que citou a 10ª Liga de Fútbol entre os pobos do concello, a 2ª Andaina do Viño de Monterrei ou a 2ª Carreira Popular.

A VII Marcha BTT desenvolverase entre as 09.30 e as 14.00 horas. Haberá tres percorridos a elixir, e combinables uns con outros: un de 43 quilómetros de dificultade media-alta; outro de 32 quilómetros, de dificultade media, e un terceiro, de dificultade baixa, de 18 quilómetros e orientado aos rapaces máis cativos para que poidan ir acompañados de persoas maiores.

Todos as rutas serán vixiadas por dispositivos de seguridade e atención médica, nun evento que non ten carácter competitivo, senón que está deseñado como marcha de velocidade libre. Os obxectivos son fomentar o deporte da bicicleta e concienciar sobre a práctica deportiva, potenciar o coñecemento da natureza e dinamizar a comarca de Monterrei.

Un campamento de verán recrea os relatos de Agatha Christie na estación de Baños de Molgas

  • O evento, dirixido a nenos de entre 11 e 16 anos, conta coa colaboración do Inorde e realizarase integramente en inglés durante todos días de convivencia.

  • O obxectivo do "Orient Express in Ourense" é desenvolver actividades de lecer e convivencia e afondar nos coñecementos do inglés por medio da creatividade audiovisual.

Ourense, 23 de xuño de 2015.- A estación de Baños de Molgas (Ourense) converterase entre o vindeiro 28 de xuño e o 11 de xullo no escenario perfecto para recrear os relatos da escritora Agatha Chritie co desenvolvemento do "Orient Express in Ourense", un campamento de verán no que participarán nenos e nenas de entre 11 e 16 anos, que ten como obxectivo a inmersión no idioma inglés por medio de actividades de lecer e formativas baseadas na creatividade audiovisual.

A Deputación de Ourense promove e colabora nesta iniciativa a través do Inorde para fomentar a convivencia e a formación dos xóvenes xunto coa promoción dos espazos naturais da provincia de Ourense. Na presentación do campamento, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", o presidente do goberno provincial destacou que este verán "Baños de Molgas convértese nun lugar de ocio e nun entorno para "aprehender" o idioma inglés, imprescindible hoxe no ámbito internacional", e subliñou que esta actividade "fomenta a comunicación e promove a creatividade no ámbito audiovisual, ademais de difundir valores de amizade e colaboración, como tamén estamos a facer no Campamento da Ourensanía, que tamén realizamos pensando na nosa mocidade".

Pola súa banda, Víctor Manuel Rodríguez, responsable do Centro Educativo Internacional El Jarama e coordinador do campamento, dixo que as actividades de inmersión no inglés "fanse de maneira divertida, sen clases, e pensando sempre que o mellor modo de aprender un idioma e xogando e experimentando con actividades creativas". "De aí -explicou- que optásemos por realizar talleres de cine, edición, maquillaxe, vestiario, guion e todo o relacionado co audiovisual orientado á realización dunha película interactiva baseada nos relatos de Agatha Christie vencellados ao mundo dos trens".

Os trinta nenos e nenas que participarán no campamento aloxaranse no albergue que o Inorde ten na estación de Baños de Molgas, e completarán as dúas semanas de estancia con excursións, rutas de sendeirismo e actividades deportivas, turísticas e culturais.

Manuel Baltar visita o Concello de Avión para coñecer proxectos sociais, turísticos, deportivos e de infraestruturas

Ourense, 22 de xuño de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o Concello de Avión, onde foi recibido polo alcalde do municipio, Antonio Montero, con quen percorreu diferentes instalacións para coñecer os proxectos que se están a desenvolver no concello nos ámbitos sociais, de infraestruturas, turísticos e deportivos. Á súa chegada, o presidente do goberno provincial visitou a Casa Consistorial e posteriormente foi informado por parte do alcalde dos diferentes servizos e dotacións de equipamento e persoal que ten o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), para percorrer de seguido as instalacións deportivas, a piscina e a escola infantil, de titularidade municipal.

Manuel Baltar destacou a importancia do que significa a cooperación da Deputación de Ourense cos concellos, "o que posibilita a modernización dos municipios do rural e o desenvolvendo de servizos que achegan máis calidade de vida aos cidadáns". Neste senso, Baltar subliñou que nos orzamentos para 2016, que se aprobarán no vindeiro mes de setembro, "seguirá a visualizarse a cooperación cos concellos nas liñas de colaboración que permitan seguir mellorando servizos e infraestruturas a prol dunha maior eficacia e eficiencia".

Antonio Montero agradeceu ao presidente do ente provincial a visita e remarcou "a imprescindible colaboración que a Deputación mantén con concellos como o noso, grazas ao cal é posible que poidamos facer realidade moitos proxectos que en caso contrario sería imposible levar a cabo".