Deputación, CHMS e Concello de Petín asinan un convenio para a mellora do saneamento de Portomourisco

  • A obra, cuxo importe ascende a 55.000 euros, permitirá mellorar a depuración das augas residuais do núcleo e a calidade das augas do río Xares.

Ourense, 19 de febreiro de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Petín, Miguel Bautista, asinaron hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o protocolo de colaboración para o proxecto de mellora de tratamento de augas residuais de Portomourisco, no municipio de Petín.

O investimento, asumido ao 50 % pola Deputación de Ourense e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da CHMS, ascende a 55.000 euros, mentres que o Concello de Petín é o encargado de poñer a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.

O obxecto do proxecto é a mellora do tratamento das augas residuais do núcleo de Portomourisco (Petín), que conta actualmente cun sistema de saneamento cuxo funcionamento é deficiente e está a invadir o dominio público hidráulico. Segundo os técnicos, para dar solución á problemática proxectouse a execución dunha zona húmida artificial, conseguindo así o tratamento suficiente dos caudais efluentes antes da súa incorporación ao río, e cuxo mantemento sexa sostible para a economía local.

Manuel Baltar dixo que a cooperación entre as tres administracións: Deputación, Confederación Hidrográfica e Concello de Petín "fixo posible esta necesaria actuación medioambiental no núcleo de Portomourisco" e subliñou o labor que a CHMS ven desenvolvendo cos concellos da provincia de Ourense "incluíndo na súa programación anual actuacións que contribúen á mellora das contornas dos nosos ríos e as poboacións polas que pasan".

Francisco Marín explicou que con esta actuación "preténdese mellorar a depuración das augas residuais deste núcleo e restaurar o dominio público hidráulico, eliminando a foxa existente que invade a canle, todo iso para mellorar a calidade das augas do río Xares e dar cumprimento aos obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a súa transposición ao noso ordenamento xurídico".

Marín subliñou que a técnica empregada para o saneamento de Portomourisco "é innovadora e de baixo consumo enerxético e mantemento, pois faise cos denominados "filtros verdes" que consisten na aplicación dun caudal controlado de auga residual sobre a superficie dun terreo onde previamente se instalou unha masa forestal ou de cultivo. Con elo conséguese a depuración do efluente e o crecemento de especies vexetais así como a recarga artificial do acuífero. A depuración realízase pola acción conxunta do solo, os microorganismos e as plantas.

Finalmente, o alcalde, Miguel Bautista, dixo que esta é "unha obra demandada hai tempo e moi necesaria para o saneamento deste núcleo e tamén para mellorar a calidade das augas do Xares" e agradeceu á Deputación de Ourense e á CHMS que sufragasen este proxecto.

Manuel Baltar afirma no Foro Termal que o termalismo "será a forza motriz de Ourense"

  • O presidente da Deputación de Ourense inaugurou hoxe na Cidade da Cultura en Santiago o Foro do sector termal en Galicia, onde se analizan estratexias de crecemento, turismo, internacionalización e innovación do sector termal galego.

Ourense, 18 de febreiro de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Santiago, na inauguración do Foro do sector termal en Galicia, que o termalismo "non entende de ideoloxías porque o termalismo é a ideoloxía", e subliñou que o termalismo "será a forza motriz de Ourense", lembrando a Leonardo da Vinci na súa frase: "A auga é a forza motriz da natureza".

O presidente do goberno provincial inaugurou na Cidade da Cultura, xunto á directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o foro sobre o futuro do sector termal en Galicia, no que se abordan as estratexias de crecemento, a internacionalización do turismo termal galego, a innovación e a competitividade aplicada ao termalismo, e no que tamén se presentou o Plan "Ourense, a provincia termal".

Baixo o epígrafe "O sector termal galego. Estratexias de crecemento e retos de futuro", no foro danse cita expertos en termalismo, académicos e representantes institucionais, quen expoñen as últimas novidades do sector termal así como as liñas estratéxicas de xestión e promoción do termalismo, que están a consolidar e potenciar a Galicia como o referente termal e sinaladamente á provincia de Ourense como destino singular de ocio e saúde termal.

Manuel Baltar dixo na súa intervención que a palabra "Termal" vai unida ao futuro de Ourense. "Termalismo e Ourense son xa sinónimos –dixo-, e a provincia termal está preparándose para recibir á alta velocidade, coa cal gañaremos en competitividade e achegamento", e destacou que o punto común que nos une é a auga "a mellor de todas as cousas, como dixo Píndaro", e convidou a "non desaproveitar este gran tesouro de Ourense".

Sobre datos referidos ao sector termal, Baltar dixo que o cen por cen das prazas de turismo termal que se puxeron a disposición da cidadanía o ano pasado "estiveron ocupadas" e ratificou que en 2015 a provincia de Ourense "reforzará a súa oferta con dous novos balnearios, en Cortegada e O Carballiño, que sumarán unhas 200 prazas máis". O presidente provincial reivindicou a importancia do turismo termal en Ourense e afirmou que o éxito de ocupación en 2014 fixo que no ano no que estamos se aumenten as prazas que ofrece a Deputación no plan de termalismo social.

Pola súa banda, Nava Castro ratificou o compromiso da Xunta de Galicia co termalismo ao que cualificou como "un dos eixes do plan turístico autonómico" ao tempo que destacou a importancia deste sector en Galicia.

No foro participou tamén Mario Crecente, redactor do Plan "Ourense, a provincia termal", quen ofreceu un relatorio no que presentou dito plan, e Alejandro Rubín, director xerente de Expourense, quen abordou o tema "Termatalia, motor da internacionalización para o turismo de saúde de Galicia". O foro contou asemade con José Antonio Fraiz Brea, director do máster de Dirección e planificación de turismo Interior e de saúde da Universidade de Vigo, quen falou da coordinación e planificación no ámbito do termalismo.

O programa completouse cun relatorio sobre "Hidroloxía médica", a cargo de Juan Jesús Gestal Otero, director da cátedra de Hidroloxía médica da Universidade de Santiago, e cunha mesa redonda na que se debateu sobre os "Retos do turismo termal en Galicia. Innovación, calidade e competitividade como obxectivos". Nesta mesa, que estivo moderada por Benigno Amor Barreiro, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, participaron José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia; Diego Otero Villaravib, presidente da Asociación galega de axencias de viaxes; Ramón Braña Cobas, director xeral de OCA Hotels; Antonio Freire Magariños, director da empresa Gala Termal; Argimiro Marnotes Rodríguez, alcalde do Carballiño e deputado provincia de Termalismo en Ourense, e María del Carmen Yáñez Salgado, alcaldesa de Lobios e presidente da sección de Vilas Termais da FEMP. A clausura do foro correrá a cargo de Fernando Fraile García, director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) e de José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade de Turismo de Galicia.

A Deputación de Ourense lidera iniciativas de promoción, xestión e oferta de servizos termais conxuntamente coa Xunta de Galicia, como o Plan "Ourense, a provincia termal", e tamén cos balnearios da provincia de Ourense. Nesta liña de traballo o presidente da Deputación de Ourense e os representantes dos balnearios da provincia veñen de asinar o "Convenio de colaboración para o fomento do termalismo saudable e a cultura termal" 2015, unha iniciativa que supón a posta en marcha do máis completo programa de España no que atinxe a ocio e saúde termal.

A Deputación de Ourense achega 130.000 € para actividades e eventos deportivos

Ourense, 18 de febreiro de 2015.- A Deputación de Ourense achega este ano un total de 130.000 euros para a realización de actividades deportivas e organización de eventos deportivos, segundo a convocatoria de 2015 aprobada pola Xunta de Goberno da institución provincial.

En concreto, no que atinxe ás actividades físico-deportivas aprobouse a convocatoria para a concesión de "subvencións a concellos e mancomunidades de municipios da provincia de Ourense", mediante convocatoria pública e a través do procedemento de concorrencia competitiva, coa finalidade de financiar actividades e programas deportivos no ano 2015, cunha dotación económica de 60.000 euros para eventos deportivos e programas deportivo recreativos.

Enténdense por "eventos deportivos" as actividades con carácter específico e puntual que comporten a realización de actividades físicas, semellantes ás deportivas, que se correspondan con hábitos de vida saudables, tales como: andainas e carreiras populares, torneos e campionatos de interese popular, xornadas e diadas deportivas, ou marchas e rutas en bicicleta, a cabalo, en piragua, ou similares.

Os programas deportivo-recreativos son actividades planificadas, realizadas de maneira regular durante un período de tempo específico, que se deben corresponder coa tempada deportiva coincidente co exercicio económico para o que está designada esta convocatoria, e que estean destinadas á poboación en xeral. Son obxecto desta subvención actividades como ximnasia de mantemento, aerobic, tai-chi, ioga, pilates, cachibol e xogos populares e tradicionais, etcétera. Tamén se contemplan achegas para programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica (escolas deportivas, cursos de iniciación ao deporte e psicomotricidade). As solicitudes para estes programas poderán incluír varias actividades, por exemplo: Programa de Escolas Deportivas: Baloncesto, balonmán ou fútbol-sala, así como un "Programa de actividade física para adultos" no que se inclúe Aerobic, Taichi e ximnasia de mantemento.

Poderán ser beneficiarios deste programa os concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia de Ourense. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

Eventos deportivos

Polo que atinxe aos eventos deportivos, a achega aprobada pola Deputación de Ourense ascende a 70.000 euros, que irán destinados a actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes, ben sexa con carácter competitivo ou con carácter non competitivo, tales como xornadas deportivas, campionatos e torneos, carreiras, andainas e rutas de sendeirismo, marchas ou rutas cicloturistas, rutas en piragua, rutas e carreiras a cabalo.

Poderán ser beneficiarios da convocatoria aquelas entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense, que contemplen nos seus estatutos, como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. No caso de eventos propostos por estruturas federativas, a solicitude poderá proceder da federación galega da modalidade respectiva.

O prazo de presentación de solicitudes tamén será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

A Deputación de Ourense colabora coa Axencia Española de Cooperación na recuperación da "Cidade Vella" de Manila

  • Participa nun proxecto arquitectónico e de promoción económica en Intramuros, a cidade amuralla da capital filipina.

  • A arquitecta da Deputación, Eva Reza, especialista en urbanismo, forma parte da comisión que traballa neste proxecto de recuperación do distrito máis antigo de Manila.

Ourense, 16 de febreiro de 2015.- A Deputación de Ourense foi elixida pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para participar nun importante proxecto arquitectónico de ámbito internacional que ten como obxectivo a recuperación de "Intramuros", a cidade amurallada máis antiga de Manila, capital de Filipinas, construída polos españois no século XVI e que constitúe o distrito máis antigo da cidade.

A arquitecta da Deputación de Ourense Eva Reza, especialista en Urbanismo, foi a técnica designada para formar parte da comisión solicitada pola administración de Intramuros, a través da Embaixada de España en Filipinas, que ten como finalidade estudar e planificar a mellor estratexia de recuperación desta xoia arquitectónica urbanística. Os traballos que leva a cabo a comisión consisten, en opinión de Eva Reza, "en avaliar o grao de deterioro da cidade vella, planificar as actuacións de rehabilitación e da mellora da mobilidade, e propiciar un espazo urbano de calidade que permita tamén a promoción da actividade económica en Intramuros".

A colaboración da Deputación de Ourense neste proxecto -que se realiza por medio da Dirección de Relacións Culturais e Científicas de AECID- nace do coñecemento por parte de Axencia Española de Cooperación Internacional do labor que ven realizando a institución provincial na defensa e protección da conservación do patrimonio cultural na provincia de Ourense, unido á traxectoria profesional e investigadora de Eva Reza, licenciada na ETSA de Navarra e que conta con másteres en Restauración Arquitectónica, Xardinería e Paisaxismo e Dereito Urbanístico e Medio Ambiente, ademais de ter a certificación Project Manager para desenvolver proxectos de recuperación urbana como o de Manila.

O pasado mes de xaneiro a comisión para o proxecto Intramuros reuniuse en Manila para analizar sobre o terreo o grao de degradación da cidade vella (destruída durante a Segunda Guerra Mundial) e definir a estratexia de intervención para a rehabilitación integral desta contorna urbanística. Segundo explica Eva Reza, "estes días estase a redactar o anteproxecto de planeamento, conxuntamente coa Oficina Técnica da AECID en Manila, que será entregado á administración de Intramuros coa intención de facilitarlle a xestión nos trámites de inicio da recuperación deste distrito".