Inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

  • Manuel Baltar destacou que esta é "a primeira vez que podemos gozar coa creatividade da imaxe dun absoluto coñecedor da palabra como foi o universal Carlos Casares".

Ourense, 12 de marzo de 2015.- No Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense tivo lugar hoxe a inauguración da exposición Carlos Casares e a fotografía, unha mostra que supón "a primeira exposición de fotos do universal creador literario galego e na que podemos admirar a súa creatividade coa imaxe", segundo explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación. Xunto ao titular da institución provincial estiveron o presidente da Fundación "Carlos Casares", Javier Casares; o comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, e o director do Centro Cultural, Francisco González.

Manuel Baltar dixo que a nosa obriga "é promover e difundir o legado de Carlos Casares, porque con elo estamos facendo Ourensanía", e engadiu que Casares, "que foi un absoluto coñecedor da palabra, con máis de 10.000 páxinas escritas en todos os ámbitos literarios, amósanos agora unha nova faciana, ata o de agora descoñecida, pero tan creadora nel como é a literaria".

O presidente do goberno provincial subliñou o feito de que a exposición se inaugure no centro cultural "que leva o nome do que foi un dos grandes amigos de Carlos, Marcos Valcárcel, quen xa en 2007 desenvolveu un simposio sobre a figura de Casares, un home comprometido coa súa terra, coa súa lingua e con todos os valores que representa a Ourensanía".

O comisario da exposición, Gustavo Adolfo Garrido, dixo que Casares "foi un verdadeiro entusiasta da fotografía, e nesta mostra pódense ver dúas partes da súa obra fotográfica: retratos e viaxes". Xabier Casares, pola súa banda, dixo que o interese de Carlos pola fotografía "facíase patente ao regreso das súas viaxes, cando nos amosaba unha gran cantidade de fotos e comentaba cada unha delas; era unha ledicia escoitar eses relatos e vivencias impregnadas en cada instantánea".

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 5 de abril no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

 

A Deputación trae a Ourense a rodaxe da película "Toro", dirixida por Kike Maíllo

  • Un céntrico piso da capital ourensá é o lugar elixido para rodar varias escenas deste thriller, protagonizado por Luis Tosar, Mario Casas e José Sacristán e producido por Zircozine.

Ourense, 11 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o set onde se están a rodar escenas da próxima película de Kike Maíllo, Toro, protagonizada polos actores galegos Mario Casas e Luis Tosar e o madrileño José Sacristán. As xestións do presidente do goberno provincial fixeron posible que novamente a provincia de Ourense sexa escenario dun gran proxecto audiovisual, neste caso a gravación de diferentes escenas do que está a ser o thriller de acción español máis agardado, Toro, dirixido por Kike Maíllo, Goya ao Mellor Director Novel en 2012, e producido pola produtora galega Zircozine.

Manuel Baltar asistiu esta mañá nun céntrico piso da capital ourensá á rodaxe do filme e compartiu uns momentos con Luis Tosar, Kike Maíllo, co produtor Farruco Castromán e co equipo técnico deste proxecto cinematográfico composto polos mellores profesionais de Galicia a quen lles agradeceu que escollesen Ourense como un dos escenarios da película cuxo rodaxe prevé rematarse o día 27 de Marzo.

Xunto a Tosar, Casas e Sacristán tamén integra o reparto a actriz Ingrid García Jonsson, nominada aos Goya 2015. O filme ródase en Ourense e outras localizacións de Galicia e Andalucía . Trátase dun thriller de acción que transcurre durante 48 frenéticas horas. Con guion de Fernando Navarro e Rafael Cobos (La isla mínima), Toro conta a historia de dous irmáns que se reencontran logo de cinco anos e que se ven inmersos nunha serie de sucesos provocados por vella feridas sen cicatrizar.

Xunto a Zircozine, a película está producida por Atresmedia Cine, Apaches (Lo imposible), Escándalo Films, Maestranza Films e Ran Entertainment, e tamén colaboran CANAL+, TVG e Xunta de Galicia, a distribución estará a cargo de UNIVERSAL PICTURES e Film Factory levara as vendas internacionais

Visita ás obras de mellora medioambiental na contorna do encoro das Conchas en Bande e Muíños

Ourense, 10 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e os alcaldes de Bande e Muíños visitaron hoxe as obras de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do encoro das Conchas, nos concellos de Bande e Muíños. O importe total da actuación ascende a 802.372 estando previsto un prazo de execución de quince meses e sendo na actualidade o grao de execución do 50%.

Estas actuacións están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (Feder), e que contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora ambiental do ámbito dos ríos.

O financiamento do proxecto levarase a cabo nun 80% a través de fondos europeos e o 20% restante finánciao o propio organismo. Os concellos de Bande e de Muíños encargáronse de poñer os terreos a disposición da confederación para a execución das obras.

Actuacións do proxecto

As augas mineiro medicinais do Baño xermolan en catro mananciais de gran caudal formando, todas xuntas, un regueiro de auga quente que desemboca no curso do río Limia. Son augas claras, transparentes e de débil mineralización. Nos lugares onde se estancan adquiren unha cor verde azulada debido á gran poboación de algas típicas de ambientes termais. A temperatura máxima chega a alcanzar os 48º C. Tanto pola súa composición física como química, esta auga clasificase dentro das alcalinas silicatadas sulfidricas. Son indicadas para o tratamento de dores reumáticas, trastornos da pel, o aparato hepato-dixestivo e as vías respiratorias.

Non obstante, dado o valor ambiental, cultural e paisaxístico da zona, o Concello de Bande realizou traballos para a súa posta en valor, sen que se concluíse o devandito labor, polo que se retoman os traballos iniciados na presente actuación.

A actuación proposta consiste en acondicionar unha zona de 3.500 m² aproximadamente, adaptando e facilitando a utilización da única poza que actualmente se atopa cuberta de terra e vexetación, mediante a limpeza desta, retirando a capa superficial e ampliando o vaso termal. Nesta foxa, defínese unha rampla acondicionada coas dimensións mínimas de ancho e pendente que permita o acceso a esta de discapacitados en cadeira de rodas.

Actualmente existe un regato de auga fría que baixa pola ladeira norte, que, na zona próxima á poza perde o trazado, filtrándose a auga polo terreo de forma dispersa. Para evitar esta dispersión remarcarase a canle deste, de forma perimetral á poza, redirixíndoo cara o punto máis baixo do terreo. Este regato aproveitarase para configurar unha poza de auga fría, que se situará no centro do curso do regato, entre a poza quente e a saída ao Encoro. A poza de auga fría delimitarase con muretes revestidos con pedra e o fondo pavimentarase con lousas de granito de 10 cm de espesor.

Na actualidade, existe un pequeno espazo acondicionado para zona de aparcadoiro, se ben, non existen elementos que impidan o achegamento dos vehículos ata as propias balsas, polo que se considera imprescindible completar a delimitación da zona permitida para aparcadoiro mediante a colocación de elementos de amolloamento vertical que impidan o paso e vexetación e arboredo que protexan da ocupación indebida a área de dominio público hidráulico.

Así mesmo, executásese unha marcaxe de prazas mediante un bordillo de madeira igualado co pavimento e delimitaranse as prazas mediante un rematado de empedrado de granito. Finalmente, complétase a actuación cun tratamento paisaxísitico con arbustos e plantación de céspede.

Implantaranse igualmente paneis interpretativos para poñer o valor a área, onde se expoña a importancia cultural e histórica do contorno no que se realiza a actuación.

Estanques de baño en Muíños

A actuación proposta para contar cunha zona de baño seguro en Muíños realízase nunha parcela de propiedade municipal existente actualmente na proximidade dun cámping e uns apartamentos turísticos. Para acceder ata o recinto delimitado, é necesario mellorar e acondicionar 135 metros dun camiño de terra existente, modificando lixeiramente o seu trazado para mellorar as pendentes actuais.

Como edificios auxiliares para o correcto funcionamento proxectáronse dous edificios para vestiarios e enfermaría, divididos en dous volumes. Así mesmo a cuberta proponse cunha estrutura metálica e cerramento de láminas de cinc sobre taboleiros.

A piscina grande ten unha superficie total de lámina de auga de 237,90 m2 e unha profundidade variable entre 1 m e 1,40 m. Están destinadas a ser utilizadas para o deporte escolar, o ensino da natación, o deporte-recreativo para todos e para o adestramento e competición do deporte federativo de niveis básicos. Dispón de espazos auxiliares para usuarios e carece de espazos para espectadores.

As edificacións para vestiarios consisten en dous edificios independentes semitenterrados nun talude de separación entre dúas plataformas aterrazadas.Cada un dos vestiarios contase con 4 duchas, unha delas en cabina independendizada, dous inodoros e tres lavabos, así mesmo, os aseos de discapacitados contan con inodoro e lavabo adaptados, así como sumidoiro e ducha integrada no pavimento.

Por outra banda, na zona fluvial de Bande proponse realizar labores de limpeza e acondicionamento de para facilitar o seu uso durante os meses de verán no que o nivel das augas do Encoro baixa. Asemade proponse a instalación de illas vexetais acoutando as principais zonas de baño do encoro, así como a entrada do río Limia a este. Trátase de valorar e tratar de cuantificar a mellora de calidade das augas no interior destas zonas.

A Deputación de Ourense apoia o proxecto "Fórmula Student" da Universidade de Vigo

  • A institución provincial colaborará nesta iniciativa de innovación, tecnoloxía e creatividade aplicada a monoprazas de altas prestacións.

  • Manuel Baltar recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representantes dos alumnos da Escola de Enxeñeiros Industriais que integran o equipo UVigo Motorsport.

Ourense, 10 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial aos representantes dos alumnos da Escola de Enxeñeiros Industriais que integran o equipo UVigo Motorsport e comprometeu o apoio da institución provincial no proxecto que desenvolven, referido ao deseño e construción de monoprazas de altas prestacións que compiten en circuítos europeos na "Fórmula Student".

O presidente do goberno provincial destacou "a importancia do proxecto polo que supón de innovación, tecnoloxía e creatividade, nun ámbito que xunta deporte, internacionalización, xuventude e universidade, valores e elementos que apoia a Deputación de Ourense", explicou Manuel Baltar.

O equipo de estudantes de enxeñería da Universidade de Vigo que integran o UVigo Motorsport rematou xa o deseño do monopraza co que pretenden representar este ano á Universidade de Vigo e a Galicia nas probas da "Fórmula Student" que terán lugar en Silverston (UK), Hockenheim (Alemaña) e Montmeló (España), segundo explicaron hoxe ao presidente Josué Nanín, líder do proxecto, e os membros do equipo Gonzalo Ferreiro e Marcos Fernández. O proxecto liderado por este equipo busca a implantación dun modelo de equipo no que se integren cada ano alumnos de diferentes cursos de Enxeñería Industrial e doutros centros pertencentes á Universidade de Vigo para desenvolver un labor de mellora continua e transferencia de coñecemento, como xa fan equipos doutras dez universidades españolas.

Na actualidade UVigo Motorsport está integrado por 14 estudantes de Enxeñería Industrial das ramas de electrónica, automática, mecánica e organización industrial, con experiencia en competicións deportivas, xunto con tres enxeñeiros –ex alumnos da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo- que traballan no Reino Unido en empresas dedicadas ao automobilismo de altas prestacións.

Logo de rematar o deseño do prototipo en decembro de 2014 o equipo atópase na actualidade na fase de construción do monopraza, a cal prevé finalizar no vindeiro mes de abril, e comezar as probas para as tres competicións nas que ten previsto participar.

A "Fórmula Student" é a competición interuniversitaria de carácter automobilístico máis importante de Europa. Baséase nun proxecto formativo iniciado no Reino Unido en 1998, no que máis de cen universidade de todo o mundo danse cita anualmente en cada un dos circuítos europeos que acollen este evento. Elo supón aceptar o reto de deseñar e construír un monopraza de altas prestacións para superar as diferentes probas estáticas e dinámicas que poñan de manifesto a adquisición de coñecementos técnicos e a capacidade innovadora de cada equipo.

A iniciativa está apoiada polos principais expoñentes da industria automobilística e por enxeñeiros de renome como Ross Brawn. A competición busca inspirar e desenvolver as aptitudes emprendedoras e innovadoras dos xóvenes e futuros enxeñeiros.