A VI Festa da Palabra conmemora o 35º aniversario do pasamento de Blanco Amor

Na Insua dos Poetas -na Esgueva, Madarnás (O Carballiño)- tivo lugar hoxe a celebración da VI edición da "Festa da Palabra", dedicada este ano a Eduardo Blanco Amor no 35º cabodano do seu pasamento. O acto, organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Insua dos Poetas, contou coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín González; e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, acompañados de persoeiros dos ámbitos institucional, social e cultural de Galicia.

No decurso do acto inaugurouse unha nova escultura nesta contorna. Trátase da obra dos artistas ourensáns Acisclo Manzano e Acisclo Novo, alegórica da obra do escritor Eduardo Blanco Amor. Asemade, deuse lectura a acta de concesión dos premios Setecarballas, que cada ano outorga a Fundación Insua dos Poetas, galardóns que este ano correspondéronlle á Fundación Curros Enríquez de Celanova polo seu labor na difusión e promoción da vida e obra de Manuel Curros Enríquez, así como doutros escritores relacionados coa vila celanovesa; a Nicolás González Aller, artista plástico; á cooperativa de profesores Equal, polo seu interese na educación ambiental dende Coles; á Asociación Terzo da Fala de Bos Aires, integrada por xóvenes descendentes de galegos; á Cooperativa do Ribeiro, polo seu compromiso empresarial; á Asociación de Discapacitados Físicos do Carballiño, polo seu compromiso cos que sofren discapacidades, e ao xornal La Región, polos seus máis de cen anos en defensa dos intereses dos ourensáns.

A Deputación de Ourense presenta en Celanova a exposición "180 anos de historia provincial"

  • A mostra foi inaugurada polo presidente provincial, Manuel Baltar, no Mosteiro de San Rosendo.

A Deputación de Ourense, en colaboración co Concello de Celanova, presentou hoxe venres no Mosteiro de San Rosendo, a exposición "180 anos de historia provincial", unha mostra que está a percorrer as comarcas ourensás e que ten como obxectivo poñer en valor o que une aos ourensáns desde o punto de vista da xeografía, da historia, das organizacións políticas de cada tempo, da cultura, da lingua, da industria, do comercio e dos proxectos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta exposición, organizada pola institución provincial, que está a percorrer as principais poboacións e cabeceiras de comarca da provincia. Por medio de 40 paneis de gran formato, a mostra está concibida como un itinerario no que se poden ver as máis destacadas divisións xeográficas e político-administrativas da península Ibérica, desde a conquista romana ata a actual organización provincial, asinada en 1833 por Javier de Burgos, primeiro ministro de Fomento, trala morte de Fernando VII. Deste xeito, o concepto de "provincia" convida a comprender, partindo das súas orixes, a nosa realidade presente no concerto da España autonómica. Un resumo da historia da provincia de Ourense completa a visión panorámica da nosa división e organización territorial.

Asemade, a historia do concepto "deputación" e a traxectoria moderna da institución, así como as súas competencias, sedes e patrimonio, ocupan un importante espazo da mostra. Neste contexto, o espectador pode deterse na análise dos proxectos do actual goberno provincial e nas realizacións xa executadas. O itinerario histórico está ilustrado con 14 mapas e un libro catálogo, nos que os límites da provincia de Ourense acadan protagonismo para que o espectador teña unha clara visión da identidade territorial.

Como complemento, editouse un libro catálogo que afonda e amplía os contidos da exposición con diferentes apartados temáticos: "Somos provincia, creamos futuro", por Manuel Baltar; "A provincia, un concepto histórico"; "A provincia moderna"; "O goberno provincial" e "O Inorde", analizando ademais aspectos como o Plan Ourense 92, Ourense como recurso termal e os diversos plans e proxectos que ten en marcha a Deputación de Ourense.

A comedia será a protagonista das "XXVII Noites teatrais de Vilamarín"

  • Este certame, un dos máis importantes de Galicia no ámbito das artes escénicas no verán, terá lugar do 15 ao 18 de xullo no auditorio municipal.

As "Noites teatrais de Vilamarín", uno dos certames das artes escénicas máis importantes de Galicia no verán, chega este ano á súa 27ª edición. O evento, que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, terá lugar do 15 ao 18 de xullo no auditorio municipal de Vilamarín, con entrada gratuíta, e porá en escena catro producións teatrais de compañías de Madrid, A Estrada, Santiago de Compostela e Pontevedra.

A presentación do programa tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.

"A xente quere sorrir e divertirse por iso a comedia é a protagonista do programa deste esta ano", explicou Amador Vázquez, quen lembrou que o éxito deste evento "fai que unhas 2.000 persoas de Ourense e do resto de Galicia se acheguen cada ano a Vilamarín para asistir ás Noites teatrais".

Pola súa banda, Manuel Baltar dixo que esta actividade cultural "é unha cita ineludible no calendario das artes escénicas de Ourense, e boa mostra diso é a importante traxectoria deste evento que conta xa con 27 edicións, e que tivo como impulsor a Amador Vázquez e como verdadeira alma mater a Marina Rodríguez". Baltar afirmou que a Deputación de Ourense está ao carón de iniciativas como esta que se implican no desenvolvemento social e cultural nos nosos concellos, do cal é bo exemplo o municipio de Vilamarín".

O programa deste ano, segundo explicou Marina Rodríguez, abrangue maioritariamente o xénero da comedia e comezará o martes, día 15, coa representación de MDM Producciones que porá en escena "Los chismorreos de las mujeres". O mércores, día 16, Malasombra Producións estrea a obra "D.E.P.", interpretada por Jouse García, Xoque Carbajal e Patricia Rodríguez. O xoves, día 17, Talía Teatro presenta "O método Grönholm, de Jordi Galcerán; e o venres, día 18, Abrapalabra Creacións Escénicas porá en escena a obra "As do peixe". Todas as representacións terán lugar no auditorio municipal de Vilamarín, ás 22.30 horas.

Baltar presenta aos empresarios do Vinteún o plan estratéxico para esta zona industrial, elaborado polo Inorde

  • O documento ten como obxectivo propoñer unha mellor posición loxística da zona industrial das Coiñás mediante o acondicionamento e creación de novas infraestruturas, servizos e dotacións públicas.

  • O plan tamén contempla mellorar a comunicación viaria, que se verá potenciada a través da futura Circunvalación Norte, articulando así unha mellor mobilidade da principal zona industrial da capital ourensá.

O presidente do Inorde e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe cos representantes dos empresarios da zona industrial do Vinteún –Polígono industrial das Coiñás- para presentarlles o plan estratéxico elaborado polo Inorde para esta zona industrial, un documento que ten como obxectivo propoñer unha mellor posición loxística da zona industrial das Coiñás mediante o acondicionamento e creación de novas infraestruturas, servizos e dotacións públicas.

O plan tamén contempla mellorar a comunicación viaria, que se verá potenciada a través da futura Circunvalación Norte, articulando así unha mellor mobilidade da principal zona industrial da capital ourensá.

Baltar considera "necesario e prioritario" avanzar na dinamización económica da principal zona industrial da capital ourensá, e amosoulle aos empresarios o apoio da Deputación de Ourense –por medio do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico- para acadar un maior e mellor desenvolvemento das Coiñás co fin de favorecer a consolidación e implantación de empresas e a creación de emprego.

O plan estratéxico para esta zona industrial forma parte do Plan "Transforma Ourense" que está a desenvolver a institución provincial, cuxo obxectivo é mellorar a innovación tecnolóxica das pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer o emprendemento, a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán. O plan, que busca aumentar o potencial innovador das pemes da provincia de Ourense, comprende accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.

No caso concreto do polígono das Coiñás, o plan estratéxico destaca que é necesario mellorar a rede viaria actual, os aparcadoiros, as instalacións eléctricas de alta e baixa tensión, o abastecemento e saneamento, así como as redes de rego e hidrantes, gas e alumeado público. Tamén contempla a dotación de vídeo-vixilancia e a incorporación dunha rede de voz e datos, ademais dun edificio institucional que concentre a xestión da actividade da zona empresarial co fin de permitir un desenvolvemento empresarial en igualdade de medios e oportunidades con outros ámbitos industriais da cidade e da provincia.

Dentro do Plan "Transforma Ourense", o Inorde tamén está a traballar na internacionalización de empresas ourensáns con iniciativas de promoción de empresas e de solo empresarial "un pulo importante para que emprendedores e empresarios ourensáns poidan explorar novos mercados, nuns momentos críticos pero nos que tamén hai que saber aproveitar as oportunidades, e tamén para que empresas de fóra poidan coñecer a oferta de solo empresarial de que dispón a nosa provincia", explicou Manuel Baltar.

O Plan "Transforma Ourense" é consecuencia directa dos datos que subministra o Observatorio Económico Ourensán, á súa vez, unha das actuacións incluída no Plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa da Deputación de Ourense.