O ciclo de cine "Amal en ruta" trae a Ourense películas e documentais da realidade euroárabe

  • Organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Araguaney, a mostra proxectarase no Teatro Principal de Ourense, con entrada gratuíta, do 8 ao 13 de xuño.

Ourense, 4 de xuño de 2019.- Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe "Amal en Ruta 2019", unha mostra que está organizada pola Deputación de Ourense e pola Fundación Araguaney e que nesta edición proxectará no Teatro Principal de Ourense –do 8 ao 13 de xuño, con entrada gratuíta- catro películas de ficción e dous documentais.

Na presentación do ciclo, que tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou "o éxito de crítica e público que cada ano acada "Amal en Ruta", froito da coidada selección dos traballos audiovisuais que se presentan". Baltar salientou "a alianza entre a Deputación de Ourense e a Fundación Araguaney", e agradeceu ao presidente de honra desta entidade, Ghaleb Jaber, o seu labor por "promover e potenciar este importante achegamento cultural".

O presidente do goberno provincial afirmou: "Pór en valor o cinema supón pór en valor a nosa cultura, e neste sentido, a Deputación de Ourense deu en 2018 un paso decisivo como foi levar a cabo a organización do Festival de Cine de Ourense (OUFF), un evento que este 2019 tamén organizaremos, contando cun orzamento que quintuplica ao do ano pasado, e dentro desta aposta polo cine está o ciclo "Amal en Ruta", enmarcada na estratexia de desestacionalizar o Festival de Ourense para que os eventos relacionados co mesmo non teñan lugar só durante a semana de celebración do OUFF".

Pola súa banda, Ghaleb Jaber, agradeceu a Manuel Baltar "a súa sensibilidade e compromiso desde o primeiro momento con Amal en Rutal, un ciclo que busca o contraste entre as dúas beiras de Occidente, co obxectivo de informar e traer á actualidade unha realidade que moitas veces atópase na escuridade". "A información é necesario visualizala –destaca Jaber- para rachar cunha ignorancia que non se produce por non saber, senón por non querer saber".

O ciclo Amal en Ruta achega a Galicia a realidade da sociedade árabe, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea. Esta edición consta de catro ficcións e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán-, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver gratuitamente do 8 ao 13 de xuño, en horario de 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense.

As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: "Alma Mater" (sábado 8 de xuño), "Sheikh Jackson" (9 de xuño, "Of fathers and sons" (10 de xuño), "Zagros" (11 de xuño), "Ghost hunting" (12 de xuño), e "El Cairo Confidencial" (13 de xuño).

O cartel do ciclo é unha fotografía da colección "Familias completas, familias incompletas" que o fotoxornalista Sergi Cámara tomou en 2015 a familias de refuxiados sirios chegadas á illa grega de Lesbos.

Trailers das películas:

1. "Alma mater": https://www.youtube.com/watch?v=fvz4fKwZ9qI

2. "Sheikh Jackson": https://vimeo.com/247232080

3. "Of fathers and sons": https://www.youtube.com/watch?v=Zd0bRdYb8AI

4. "Zagros": https://www.youtube.com/watch?v=SBiyfvs-7F0

5. "Ghost hunting": https://www.youtube.com/watch?v=G1ISOJKX3uw

6. "El Cairo Confidencial": https://www.youtube.com/watch?v=ihfwa6XAasM

Últimos días para presentar obras ao XV Certame de Artes Plásticas da Deputación

  • O obxectivo deste concurso é premiar e difundir traballos dos creadores máis novos, de entre 18 e 30 anos, que poderán participar ata o día 15 de xuño.

Ourense, 4 de xuño de 2019.- O día 15 de xuño remata o prazo para presentarse ao XV Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense que ten como obxectivo premiar e difundir os traballos dos creadores máis novos. Ao certame pódense presentar tódolos artistas de entre 18 e 30 anos cun máximo de dúas obras cada un.

A convocatoria deste concurso realízase para as modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outro tipo de expresión artística (vídeo, arte dixital, instalacións, etcétera). A temática é libre e admitiranse todo tipo de tendencias estéticas e o emprego de calquera tipo de técnica e material.

En canto ás obras, deberán axustarse as seguintes características: en pintura non poden ser superiores a dous metros en calquera das súas dimensións, en escultura terán que ter unha altura máxima dun metro con oitenta centímetros e unha base que non superará un metro por un metro, e no caso de gravados e outras expresións artísticas as medidas son libres.

Os premios, que se establecen sen distinción de modalidade, ascenden a unha contía total de 7.000 euros, distribuídos do seguinte modo: 3.000 euros para o primeiro premio, 2.000 euros para o segundo premio, 1.000 euros para o terceiro premio, e dous accésits de 500 euros cada un. As obras non poderán estar premiadas con anterioridade en ningún outro certame artístico.

Ademais, a Deputación realizará unha exposición, no mes de setembro, cunha selección dos traballos presentados e realizará o correspondente catálogo. As obras que reciban algún dos premios con dotación económica pasarán a formar parte dos fondos artísticos da Deputación de Ourense, mentres que os titulares das obras non premiadas deberán retirar estas unha vez remate a exposición, cun prazo máximo dun mes.

Os interesados en participar poderán presentarse ata o día 15 de xuño de 2019, e deberán entregar ou enviar as súas obras ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense. Para a súa identificación, as obras levarán en lugar ben visible un lema identificativo, que pode ser común ás obras presentadas polo mesmo autor. En sobre pechado aparte incluirá un boletín de participación no certame ou copia deste por cada obra presentada, debidamente cuberto e cunha copia do DNI do autor. No exterior do sobre figurará o lema da obra ou obras.

Os retos e oportunidades do rural ourensán a análise nunha xornada técnica

  • A iniciativa desenvolverase o día 5 de xuño, en Celanova, no marco da celebración da III Semana Vitivinícola de Galicia, organizada pola Deputación de Ourense e a Evega.

Ourense, 3 de xuño de 2019.- Os retos e oportunidades do rural ourensán serán analizados nunha xornada técnica o día 5 de xuño, en Celanova, no marco da celebración da III edición da Semana Vitivinícola de Galicia, un evento técnico e divulgativo organizado pola Deputación de Ourense e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que se desenvolverá do 5 ao 7 de xuño. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan Manuel Casares.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta terceira edición chega "despois de asistir máis de 600 persoas ás anteriores edicións, cun programa que pretende achegar o sector do viño á sociedade e consolidarse no calendario para os amantes do viño porque Ourense é a provincia máis vitivinícola de Galicia e unha das máis importantes de España". Neste mesmo sentido, Juan Manuel Casares explicou que con esta semana de actividades técnicas e divulgativas preténdese converter a Ourense "na capital do viño de Galicia e achegar aos ourensáns ao mundo do viño galego".

A xornada sobre o rural ourensán celebrarase na Sala dos Arcos, na Casa do Concello de Celanova, de 9.00 ás 14.00 horas. O obxectivo desta actividade é achegarse á realidade do rural ourensán e coñecer máis de preto as súas potencialidades desde o punto de vista do tecido agroalimentario. As prazas dispoñibles na xornada son de 40, e o prazo para anotarse rematará hoxe, 3 de xuño.

Ademais da xornada, o programa inclúe tamén un obradoiro práctico sobre as ferramentas para a comunicación dixital para coñecer as vantaxes do uso das TIC´s e as súas aplicacións ao marketing dixital. Os participantes poderán aprender a elaborar contidos con textos e imaxes para mellorar o posicionamento nas redes. O taller realizarase o día 7 de xuño, en La Molinera, desde as 9.00 ás 14.00 horas. As prazas dispoñibles son 20 e o prazo para inscribirse rematará o día 5 de xuño. Tódalas actividades da Semana Vitivinícola de Galicia son de balde, pero estas dúas requiren de inscrición previa a través da páxina web da Evega.

As outras actividades que non precisan de inscrición e que están incluídas na programación son as mesas-faladoiro que abordarán diversos temas vencellados ao sector da viticultura. A primeira, que analizará o papel da muller no sector do viño coas experiencias de tres colleiteiras do Ribeiro, terá lugar o mércores, 5 de xuño. Ao día seguinte, será a quenda para os escumosos galegos que se fan en Galicia e, por último, o venres, 7 de xuño, será protagonista o tostado do Ribeiro "con adegas que elaboran esta xoia vexetal, unha bebida histórica", sinalou Juan Manuel Casares.

Tódalas mesas-faladoiro celebraranse no salón de actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, a partir das 19.30 horas e rematarán cunha cata comentada cos viños das adegas participantes. A entrada será libre.

A XXXIV "Xuntanza Internacional de Gaiteiros" reúne a músicos de Galicia, Bélxica, Croacia, Escocia e Alemaña

  • O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural, celebrarase o vindeiro sábado, 8 de xuño, no castelo de Monterrei.

Ourense, 3 de xuño de 2019.- A XXXIV edición da "Xuntanza Internacional de Gaiteiros", evento declarado de Interese Turístico e Cultural, reunirá o vindeiro sábado, 8 de xuño, no castelo de Monterrei a músicos de Galicia, Bélxica, Croacia, Escocia e Alemaña. A presentación desta tradicional celebración tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e a educadora social do Concello de Monterrei, Cindy Manso.

Rosendo Fernández salientou que este evento se converteu "nun prestixioso foro de ámbito mundial polo que pasaron os máis destacados gaiteiros, e supón un complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense". Pola súa parte, Xosé Lois Foxo dixo que esta Xuntanza "marca a historia da Escola Provincial de Gaitas, que leva 34 anos facendo cultura e convertendo a Ourense nun referente cultural". Así mesmo, Foxo asegurou que o vindeiro sábado, "Monterrei será, unha vez máis, a capital mundial da gaita, con este evento que ten unha importante difusión pois por el pasaron artistas destacados da música étnica".

Na Xuntanza tamén se vai a inaugurar unha exposición de gaitas procedentes dos países eslavos no Hospital do Peregrino, no Castelo de Monterrei, que poderá visitarse ata o día 15 de xullo de 2019. O alcalde de Monterrei destacou a importancia que ten para o seu municipio acoller a Xuntanza e esta exposición que contribúen "a dar valor ao gran patrimonio arquitectónico da comarca". As visitas á exposición poderán realizarse en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, de mércores a domingo.

A Xuntanza comezará ás 12.30 horas no Hospital do Peregrino coa apertura da exposición, na que intervirán conferenciantes para falar da gaita galega, a gaita pastoril europea, a musette barroca, a gaita escocesa, a cuestión técnica na gaita galega e, sobre as gaitas eslavas. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, comezarán as actuacións musicais no patio do Castelo. Este ano, ademais, a Xuntanza únese á campaña "Agresión OFF. Eu digo non á violencia sexual", cun stand informativo.