O Festival de Ourense pecha a súa 23ª edición con "éxito mediático, de público e crítica"

  • Manuel Baltar afirmou na rolda de prensa de balance que o OUFF "amosou nesta edición, unha das melloras das celebradas ata o de agora, a calidade das obras e da programación, situando a Ourense como capital galega do cinema".

  • O presidente da Deputación de Ourense agradeceu "o gran traballo" realizado polos coordinadores artístico e técnico, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar, e todo o equipo que integra o OUFF "nun festival que se fixo en sete semanas e que en 2019 dará un paso máis con actividades ao longo de todo o ano e que seguirá sendo unha firme aposta da Deputación de Ourense".

  • Baltar remarcou a importancia deste evento e a das actividades ao seu redor no que suporá de promoción audiovisual para a provincia de Ourense cun catálogo de localizacións para rodaxes; coa nova película de Xabier Bermúdez, ou o protagonismo que Blanco Amor terá en 2019, coincidindo co 40º aniversario do seu pasamento coa reedición dos seus guións cinematográficos e ocupando espazo propio no vindeiro OUFF".

  • Máis de 8.300 persoas participaron nas actividades do festival e 6.249 asistiron as salas os cinco días de proxeccións. O OUFF homenaxeará tamén en 2019 a Eloy Lozano, fundador do festival, e ao cine de México.

Ourense, 7 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe, na rolda de prensa de balance da 23ª edición do Festival de Ourense (OUFF) que o certame "foi un éxito mediático, de público e crítica", expresando que o festival "amosou nesta edición, unha das melloras das celebradas ata o de agora, a gran calidade das obras e da programación, situando a Ourense como capital do cinema".

O presidente da Deputación de Ourense agradeceu "o gran traballo" realizado polos coordinadores artístico e técnico, Miguel Ángel Fernández e Aurelio Gómez Villar, e todo o equipo que integra o OUFF "nun festival que se fixo en sete semanas e que en 2019 dará un paso máis con actividades ao longo de todo o ano e que seguirá sendo unha firme aposta da Deputación de Ourense".

Baltar remarcou a importancia deste evento e a das actividades ao seu redor no que suporá de promoción audiovisual para a provincia de Ourense cun catálogo de localizacións para rodaxes; coa nova película de Xabier Bermúdez, ou o protagonismo que Blanco Amor terá en 2019, coincidindo co 40º aniversario do seu pasamento coa reedición dos seus guións cinematográficos e ocupando espazo propio no vindeiro OUFF"

"No ano 2019 e seguintes, grazas ao incremento da achega económica e a loxística por parte do goberno provincial o festival terá aínda máis forza e máis entidade", dixo Baltar subliñando que durante todo o ano, en diversas localidade da provincia no marco do Festival de Cine, "terá lugar o desenvolvemento de actividades relacionadas co sétimo arte como presentación de libros, exposicións fotográficas ou talleres, e tamén incluirá iniciativas dentro da "Ourense ICC Week", o marco das industrias culturais e creativas, que desde hai seis anos organiza a Deputación de Ourense".

O presidente do goberno provincial afirmou que este certame "foi un éxito de público e de crítica, e por riba de todo, recibiu o aplauso dos ourensáns; conectou coa veciñanza. É un gran proxecto da Deputación de Ourense e o Festival de Cine de Galicia", e dixo que é "cuestión de tempo" que o Ourense Film Festival se posicione entre os "mellores festivais de cine de España".

Público numeroso e implicado

Sobre os datos da 23ª edición, Miguel Anxo Fernández sinalou que 8.316 persoas pasaron polo festival, 6.249 persoas asistiron as salas os 5 días de proxeccións, e, delas, o 70% votaron as películas da Sección Oficial, o que significa, na súa opinión, que "Ourense quería este festival e que o público tiña gran implicación". Ademais, as 10 longametraxes en competición foron valorados cunha nota media de 3,5 nunha escala do 0 ao 5. A película mellor valorada foi Capharnaum con 4,77 sobre 5.

Ademais, "case tódolos colectivos implicados no sector audiovisual pasaron polo festival", unha cita que Fernández cualificou de "experimental" e que se puxo en marcha en tan só 7 semanas, cun equipo de unhas 20 persoas e un presuposto de 120.000 euros.

Tanto Fernández como Baltar coincidiron en que "ilusión" foi a palabra que mellor definiu os 7 días de festival, e con esa mesma ilusión avanzaron algunhas das novidades do OUFF 2019, cita que afrontan con "as expectativas máis optimistas", en palabras do presidente da Deputación de Ourense.

Un OUFF 2019 para toda a provincia

A 24ª edición do Ourense Film Festival, que podería celebrarse a finais de setembro, expandirase ao resto da provincia; contará con México como país invitado; reforzará Fas Muvis, novidade desta edición na que varios equipos gravaron unha peza audiovisual en só 48 horas, con polo menos o dobre de participantes; entregará a Calpuria de Honra In Memoriam a Eloy Lozano, fundador do festival en 1995, con motivo do 20ª aniversario da súa único longametraxe; e creará un espazo propio para o escritor e guionista Eduardo Blanco Amor, do que se cumprirán 40 anos do seu pasamento, coa reedición dos seus guións.

A 23ª edición do OUFF foi posible coa organización e o patrocinio da Deputación de Ourense e o co-patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.

O OUFF clausura a súa 23ª edición coa entrega dunha vintena de galardóns

  • "Mug", "La mujer de la montaña" e "Capharnaüm" acadaron os premios máis destacados.

  • Memorias de un hombre en pijama, Premio Galicia da Xunta de Galicia á Mellor Produción Galega.

  • "Mar de terra", película inaugural do festival, galardón á Mellor Banda Sonora coa colaboración da Fundación SGAE.

  • Mabel Rivera recibe emocionada o premio Fundación AISGE a unha traxectoria.

  • Víctor Prieto, o acordeonista ourensán afincado en Nova York, enche coa súa música un concurrido auditorio.

Ourense, 5 de decembro.- O Ourense Film Festival pechou esta noite a súa semana de cine cunha gala de clausura na que se entregaron ata 17 galardóns. Broche de ouro a unha edición, a número 23, que foi posible despois de tan só 7 semanas de traballo e que destacou pola calidade das proxeccións e polas súas novidosas iniciativas.

A actriz Mabel Rivera foi a primeira en subir ao escenario. A intérprete de "Pratos combinados" e "Mar adentro" recibiu de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o prezado premio Fundación AISGE a toda unha traxectoria, en recoñecemento a súa longa carreira no cine, teatro e televisión e que serve de sentido homenaxe a unha das intérpretes máis queridas de Galicia.

A seguinte quenda foi para a Sección Oficial: "Mug", que leva o premio Calpurnia á Mellor Película polo seu atrevemento visual e narrativo compondo un retrato da sociedade polaca nun momento complexo onde a identidade se condena; "La mujer de la montaña", foi premiada co Premio Carlos Velo á Mellor Dirección por manter unha certa aposta cunha dirección imaginativa, ousada e dinámica; rica na xestión de recursos diegéticos e especialmente poderosos no retrato do seu protagonista e "Capharnaüm", que consegue dous galardóns no OUFF, Premio Especial do Xurado e Premio do Público por ser unha gran produción con valores de dirección evidentes que logra facer dunha pequena premisa persoal unha crítica universal. Ademais, o xurado presidido por María Bardem concedeu dúas mencións especiais: a "Cría puercos" e "Tódalas las mulleres que coñezo".

Ao escenario do Auditorio Municipal tamén subiron a recoller galardón Carlos Fernández de Vigo, director de "Memorias de un hombre en pijama", premio Galicia da Xunta de Galicia á Mellor Produción Galega; e os responsables de "Mar de terra", película inaugural do festival que, fóra de concurso, levou o galardón á Mellor Banda Sonora coa colaboración da Fundación SGAE. Por primeira vez na historia do festival prémianse á mellor produción galega e á mellor banda sonora.

Premios ás curtametraxes e a Fas Muvis

A entrega de premios do OUFF 2018 completouse cós galardoados da sección OUFF en Curto: primeiro premio para "The widow", segundo para "Cando mamá pechou as caixas", mención especial para "Mariñeiro", premio do público para "Feminazi" e os recoñecementos de AISGE ás mellores interpretacións para Xosé Eirín por "Limbo" e para Rosalía Castro por "Mouras".

Do mesmo xeito, na gala de clausura coñecemos os nomes dos gañadores de Fas Muvis, novidoso programa no que cinco equipos rodaron un traballo audiovisual en Ourense en tan só 48 horas e tiñan outros dous días para montalo. Os proxectos "Vía láctea", de Alejandro Rodríguez e Ana Campos, y "O inferniño", de Javier Sobrado e Ricardo Araújo, foron os gañadores.

Música e máis cine Os actores Rubén Riós y Mariana Expósito foron os encargados de presentar unha cerimonia de clausura na que a música tamén foi protagonista. A pianista Olga Brañas, a violoncellista Sussana Blanco, o grupo de percusión Odaiko e, sobre todo, Víctor Prieto, acordeonista ourensán gañador dun premio Grammy, inundaron o Auditorio coas súas actuacións.

A cerimonia finalizou coa proxección do filme francés "Un hombre fiel", de Louis Garrel, que chega a Ourense despois de recibir o premio ao Mellor Guión no Festival de San Sebastián, ex aequo coa película 'Yuli'.

Proxeccións das películas gañadoras Inda que o festival rematara, os espectadores inda teñen a oportunidade de ver algunhas das películas premiadas. Este xoves proxéctanse no Teatro Principal "Capharnaüm", ás 18:00 horas; "Mug", ás 20:30; e "La mujer de la montaña", ás 22:30. A entrada para todas é de balde ata completar aforo.

A 23ª edición del OUFF foi posible coa organización e o patrocinio da Deputación de Ourense e o co-patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.

60 alumnos de infantil do colexio Maristas coñecen o Pazo Provincial

  • O presidente da Deputación de Ourense recibiu ao alumnado que, acompañado por docentes e pais, visitaron as instalacións do edificio principal do goberno provincial.

  • Posteriormente, Manuel Baltar acompañou aos alumnos de 1º e 2º da ESO que realizaron un Pleno Infantil con motivo da 6ª "Semana escolar da Provincia".

Ourense, 5 de decembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial, a 60 alumnos de infantil do colexio Maristas de Ourense que acompañados por docentes e algúns pais, puideron coñecer as instalacións do edificio principal do goberno provincial da man do presidente. Manuel Baltar guiou aos alumnos de cinco anos polo despacho da presidencia, a sala de xuntas, a exposición de "Voces da Ourensanía", e rematou a visita no Salón de Plenos do Pazo Provincial, onde o presidente da Deputación de Ourense lle entregou a cada neno un carné de deputado e un agasallo.

Posteriormente, o presidente do goberno provincial recibiu aos 15 alumnos de 1º e 2º da ESO do colexio Maristas que visitaron o Pazo Provincial para desenvolver unha sesión plenaria, con motivo da 6ª "Semana Escolar da Provincia", na que recrearon debates sobre a época dos suevos na Gallaecia. A súa visita á Deputación de Ourense rematou na Biblioteca, lugar que acolle os restos mortais de Rodolfo Prada Chamochín.

O presidente do goberno provincial, ademais de mostrarlle ao alumnado a casa do "Concello dos Concellos", explicoulles o funcionamento da institución provincial estruturada en diferentes Áreas a través das cales a Deputación de Ourense presta servizos a concellos e cidadáns, así como algunhas das iniciativas que o goberno provincial desenvolve a prol da cultura, do deporte e da mocidade da nosa provincia, como "Pazolandia, o maior parque de atraccións estacional de Galicia; o Programa EsquiOU, que ensina aos nenos da provincia os deportes de inverno nun entorno natural sen parangón; a Semana Escolar da Provincia, que achega ao alumnado coñecemento sobre diversos temas da nosa provincia e da súa Deputación, entre outras moitas iniciativas".

A celebración deste Pleno Infantil pecha esta sexta edición da "Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación" que organiza a Deputación de Ourense para achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade educativa e que nesta edición afondou na historia da presenza sueva na Gallaecia a través de diferentes actividades realizadas nos 63 centros educativos inscritos. En total participaron 8.882 persoas, entre alumnado e docentes, que traballaron durante esa semana nas actividades propostas, contando co libro manual editado para esta finalidade, Crónica do Regnum Sueborum, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Ana Costas.

O OUFF clausura coa entrega de 12 premios, incluído a homenaxe a Mabel Rivera, e a proxección de 'Un hombre fiel'

  • As invitacións para asistir pódense recoller xa na caseta instalada na rúa do Paseo.

  • O Ourense Film Festival premiará ás mellores películas elixidas polo xurado e o público, entre outros galardóns.

  • Mabel Rivera recibirá o premio Fundación AISGE a unha traxectoria.

  • O acordeonista, ganador dun Grammy, Víctor Prieto actuará na gala.

  • 'Un hombre fiel' chega a Ourense despois de conseguir o premio ao mellor guión en San Sebastián.

Ourense, 4 de decembro.- A 23º edición do Ourense Film Festival (OUFF) chega a súa fin este mércores cunha gala moi especial á que seguirá a proxección da película francesa "Un hombre fiel". O acto terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 21:00 horas, e as invitacións para asistir repartiranse tanto na caseta do festival instalada na rúa do Paseo durante toda a xornada como no despacho de billetes do Auditorio a partires das 18:00 horas.

A gala de clausura do OUFF será o momento de entregar os premios do certame aos mellores traballos en competición que se proxectaron nestes últimos días en Ourense. Nesta 23ª edición, os galardóns para as longametraxes da Sección Oficial son seis: mellor película, premio Fundación Carlos Velo ao mellor director, mellor banda sonora, premio especial do xurado, premio do público e premio Galicia - Xunta de Galicia. Así mesmo, entregaranse tres galardóns ás curtametraxes e outros dous aos mellores traballos na actividade Fas Muvis.

De igual xeito, a veterana actriz Mabel Rivera recibirá o premio Fundación AISGE a unha traxectoria, converténdose na terceira homenaxeada do festival, despois de que Xavier Bermúdez recibira a Calpurnia de Honra e Luis Tosar o premio Ourense. Mabel Rivera (Ferrol, 1952) é unha actriz de enorme experiencia teatral e cinematográfica, coñecida sobre todo polo seu papel na comedia de maior éxito da TVG, "Pratos Combinados", e na oscarizada película "Mar Adentro" de Alejandro Amenábar, pola que conseguiu entre outros o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto e o Premio Sant Jordi de Cinematografía á Mellor Actriz Española.

Música con Grammy

A gala de clausura ten o difícil reto de superar o bo sabor de boca que deixou a noite da inauguración do OUFF, e para iso conta con varias armas infalibles: os actores Rubén Riós e Mariana Expósito, que se encargarán de presentar a gala, mentres que a música a porán a pianista Olga Brañas, a violoncellista Sussana Blanco, o grupo de percusión Odaiko e un invitado moi especial. Víctor Prieto viaxou dende Nova York exclusivamente para tocar o seu acordeón no OUFF.

O músico ourensán, gañador dun Grammy, está considerado un dos mellores acordeonistas do mundo e na actualidade imparte clases maxistrais na Berklee College of Music en Estados Unidos. A súa actuación será, sen dúbida, un dos platos fortes da noite.

Outro dos momentos máis esperados é a proxección do filme francés "Un hombre fiel", de Louis Garrel, que chega a Ourense despois de recibir o premio ao mellor guión no Festival de San Sebastián, ex aequo coa película 'Yuli'.

A 23ª edición do OUFF pon fin así a 7 días de cine, música e literatura que foron posibles despois de tan só 7 semanas de traballo, coa organización e patrocinio da Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo e o copatrocinio da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.