Baltar avoga por unha solución á situación actual que atravesa o Centro Galego de Bos Aires

  • Na súa visita, hoxe, ao emblemático edificio da institución fixo un chamamento aos gobernos de España e Arxentina para que poñan todo da súa parte na procura dunha solución, "porque é unha cuestión de vontade política e non da frialdade dos números, e estamos a falar dunha institución que representa moito na alma da nosa nación cultural".

  • Baltar defende "por solidariedade e en defensa da nosa emigración" a procura de solucións para o Centro Galego, e remarca o aprobado no pleno da Deputación de Ourense, cuxo obxectivo é contribuír a conservar unido o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Bos Aires, 13 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, avogou hoxe en Bos Aires "por unha solución á situación actual que atravesa o Centro Galego". Na súa visita, hoxe, ao emblemático edificio da institución Baltar fixo un chamamento aos gobernos de España e Arxentina para que poñan todo da súa parte na procura dunha solución, "porque é unha cuestión de vontade política e non da frialdade dos números, e estamos a falar dunha institución que representa moito na alma da nosa nación cultural".

O presidente do goberno provincial expresou que en coherencia co aprobado pola Deputación de Ourense hai uns meses, no pleno de marzo pasado, no que todo os grupos da corporación provincial se adheriron ao manifesto en defensa do Centro Galego de Bos Aires, quixo visitar as instalacións do edificio para comprobar a situación amosando "a súa preocupación, porque non só o aspecto asistencial senón tamén a súa vertente cultural, con esa colección de arte, a biblioteca ou a habitación onde faleceu Castelao, que é patrimonio de Galicia, merece un respecto". "Son 111 anos de existencia dunha institución referente para os galegos en Bos Aires e por iso fago un chamamento a todos os gobernos, fundamentalmente ao goberno arxentino e ao español, para que poñan da súa parte todo o posible para salvar os obstáculos que dificultan a superviviencia deste centro, emblema da nosa diáspora".

Baltar defende "por solidariedade e en defensa da nosa emigración" a procura de solucións para o Centro Galego, e remarca o aprobado no pleno da Deputación de Ourense, cuxo obxectivo –como sinala o manifesto- é contribuír a conservar unido o patrimonio inmobiliario, artístico e cultural que conforma o Centro Galego de Bos Aires.

Na visita ao Centro Galego, Manuel Baltar estivo acompañado pola delegación ourensá desprazada a Bos Aires con motivo dos actos do premio Ourensanía; polo escritor Luís González Tosar; polos alcaldes de Petín, O Carballiño, Celanova e San Amaro, concelleiros e deputados provinciais, e por membros da colectividade ourensá e galega en Bos Aires, "unha unión na defensa do Centro Galego pola que fago un chamamento á responsabilidade de todos non permitamos que isto pase páxina senón que esa historia de gloria da nosa emigración siga a escribirse, pola honra deste centro referente dentro e fóra de Galicia", o que solicitou diante das estatuas de Castelao e Rosalía, na entrada do edificio, ante as que fixo unha ofrenda floral, "e que representan a máxima inspiración da nosa cultura", afirmou.

Manuel Baltar remarcou o manifesto aprobado por unanimidade polo pleno da Deputación de Ourense, que supón a defensa e a posta en valor dunha das institucións que máis fixo no mundo pola emigración galega, e pola historia, cultura e sentimentos dos ourensáns e dos galegos que a milleiros puxeron rumbo cara a Arxentina a finais do século XIX e durante a primeira metade do século XX en busca de novas oportunidades. Alí foron acollidos por familiares e amigos, pero sobre todo polo conxunto da colectividade galega, que pola súa numerosa poboación chegou a formar a coñecida como "quinta provincia".

A necesidade de ofrecer apoio e atención aos miles de emigrantes que chegaban desde Galicia, tanto no ámbito social como laboral e sanitario, forzou en 1907 a creación do Centro Galego de Bos Aires, que na década dos anos 40 do pasado século sumou a este labor a difusión da cultura e a historia de Galicia.

Para levar a cabo todas as súas actividades, os emigrantes galegos compraron por subscrición popular en 1917 o edificio que hoxe alberga o Centro Galego na capital Arxentina, cuxas instalacións acollen o maior patrimonio cultural, artístico e histórico da nosa emigración. Lastrado por unha gran débeda económica e intervido polo goberno arxentino, o Centro Galego de Bos Aires corre hoxe un grave risco de desaparición ante a súa posible venda, o que supoñería a perda dun símbolo identitario da Galicia universal.

Ante tal circunstancia, unha trintena de destacadas personalidades dos ámbitos social, cultural e académico redactaron en Rianxo, o pasado 29 de xaneiro, coincidindo co 132 aniversario do nacemento de Alfonso Rodríguez Castelao, un manifesto de apoio ao Centro Galego de Bos Aires e en defensa do legado que con moito esforzo e sacrificio deixáronnos varias xeracións de emigrantes. O acordo aprobado no pleno sinala que a Deputación de Ourense súmase a esta iniciativa, que xa reuniu preto de 5.000 firmas de apoio para pedir ás autoridades galegas e españolas que se impliquen na salvación do patrimonio inmobiliario, artístico e cultural deste centro.

O manifesto pola defensa e porvir do Centro Galego de Bos Aires recolle que esta entidade emblemática da diáspora galega no mundo, que tivo na súa centenaria vida institucional unha actuación consecuente de defensa e promoción social, cultural e económica da Galicia territorial e da emigración porteña, hoxe require da cidadanía galega unha posición firme de defensa ante o perigo da súa desaparición.

Visita ao colexio Santiago Apóstolo e ao Centro Galicia

Previamente á visita ao Centro Galego, o presidente da Deputación de Ourense visitou o "Centro Galicia", acompañado polo presidente desta institución, José María Vila Alén, e por membros da delegación ourensán de visita en Bos Aires, asinando, no Libro de Honra do centro; e tamén visitou o colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, centro educativo referente na formación e na promoción da cultura e da lingua galega na capital arxentina. Baltar, quen asinou no Libro de Honra, expresou na súa dedicatoria que esta nova visita ao colexio Santiago Apóstolo "é tamén un percorrido polo corazón e a alma de Galicia. Agradezo e recoñezo o extraordinario papel desta institución educativa, sen dúbida, o "colexio de Galicia". A nosa lingua, as nosas costumes e tradicións, a nosa rica personalidade e a nosa identidade están salvagardadas polo "Santiago Apóstolo", e serán legadas as novas xeracións de galegos cunha forza indescritible", engadindo que en Ourense "estaremos sempre ao carón deste colexio, non só con palabras senón con feitos, porque Ourense cumpre, e cumprindo co "Santiago Apóstolo" cumprimos con Galicia".

No seu percorrido polo centro, o presidente da Deputación de Ourense descubriu unha placa coa que foi nomeada unha aula do centro educativo, que a partires de agora levara o nome de "Eduardo Blanco Amor", "quen merece máis ca ninguén este recoñecemento –expresou Luis González Tosar-, pois viviu máis de corenta anos neste país, espallando Galicia e escribindo en Galego".

Homenaxe ao Centro Ourensano de Montevideo, referente da Ourensanía en Uruguai

  • No acto celebrado hoxe na sede desta institución Manuel Baltar destacou "o compromiso coa historia e coa identidade da nosa emigración que ten demostrado o Centro Ourensano de Montevideo nos setenta e dous anos de existencia".

  • Esta entidade -a máis antiga de Sudamérica en levar o nome de Ourense na súa denominación-, presentou á súa colectividade o premio Ourensanía entregado onte en Bos Aires.

  • A celebración contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense; do presidente da entidade, Jesús Vázquez Martínez, e o alcalde de Celanova, José Luis Ferro, cuxa comarca, Terras de Celanova, é a que rexistra unha das maiores colectividades de emigrantes ourensáns en Uruguai, pertencendo á maioría dos seus asociados ao Centro Ourensano de Montevideo.

  • Manuel Baltar recibiu a medalla do Centro Ourensano e un disco da Coral de Ruada dedicado por Antón Alonso Ríos nos anos setenta, "que pasarán a ocupar un sitio destacado no futuro Museo da Emigración da Deputación de Ourense", expresou o presidente provincial.

Montevideo, 12 de novembro de 2018.- O Centro Ourensano de Montevideo –un referente da Ourensanía en Uruguai- viviu hoxe un dos días máis emotivos ao longo dos mais de setenta anos de historia coa recepción e presentación aos seus asociados do premio Ourensanía 2018, entregado onte en Bos Aires, galardón co que esta entidade foi recoñecida xunto co Centro Partido do Carballiño polo seu labor a prol dos emigrantes ourensáns.

No acto celebrado hoxe na sede desta institución Manuel Baltar destacou "o compromiso coa historia e coa identidade da nosa emigración que ten demostrado o Centro Ourensano de Montevideo nos setenta e dous anos de existencia a prol da defensa dos intereses dos emigrantes ourensáns en Uruguai".

O acto de homenaxe a esta entidade -a máis antiga de Sudamérica en levar o nome de Ourense na súa denominación-, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense; do presidente da entidade, Jesús Vázquez Martínez; e do alcalde de Celanova, José Luis Ferro, cuxa comarca, Terras de Celanova, é a que rexistra unha das maiores colectividades de emigrantes ourensáns en Uruguai, pertencendo á maioría dos seus asociados ao Centro Ourensano de Montevideo.

Manuel Baltar recibiu a medalla do Centro Ourensano, de mans do presidente da colectividade, Jesus Vázquez, e un disco da Coral de Ruada dedicado por Antón Alonso Ríos nos anos setenta, que lle entregou Toni Searez, o director do programa de radio en galego que máis anos leva en antena en todo o mundo, uns presentes "que pasarán a ocupar un sitio destacado no futuro Museo da Emigración da Deputación de Ourense", expresou o presidente provincial", mentres que o Centro Ourensano recibiu da Deputación a bandeira de Ourense e unha figura representativa das portas da Deputación Provincial, "sempre abertas para unha das institucións clave da nosa emigración: o Centro Ourensano de Montevideo", dixo Baltar.

O presidente do goberno provincial lembrou que no labor desenvolvido durante décadas por esta institución ourensá en Uruguai, "mantedora da nosa identidade, destaca o traballo que realiza coa mocidade dos descendentes da nosa provincia, inculcando os valores de lealdade, traballo, creatividade e espírito emprendedor que caracterizan á nosa xente", e concluíu destacando ao Centro Ourensano de Montevideo como "auténtico embaixador da Ourensanía desde o traballo e o corazón".

No acto, que contou coa presenza de representantes da colectividade galega en Uruguai e dos alcaldes de Celanova, Petín e O Carballiño; do escritor Luis González Tosar; e do secretario do xurado da Ourensanía, Antonio Piñeiro, o director da Real Banda de Gaitas, que actuou hoxe en Montevideo, Xosé Lois Foxo foi distinguido tamén pola traxectoria da formación musical e lembrando a súa anterior estadia en Uruguai hai vinte anos.

Pola súa banda, o presidente do Centro Ourensano agradeceu a distinción do premio Ourensania 2018, "un galardón de sentimento e orgullo de pertenza á nosa terra que recibimos con fondo agradecemento", destacando especialmente que despois de setenta anos "recibimos no noso centro a bandeira de Ourense por parte do presidente Baltar, algo que nos emociona e engrandece aos que nunca esquecemos as nosas raíces, porque a defensa da nosa identidade é algo fundamental e porque para quen non lembra o seu pasado, o presente e o futuro non ten valor".

A xornada institucional rematou coa visita á Casa de Galicia en Montevideo, onde a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofreceu un concerto a toda a colectividade ourensá na capital uruguaia.

O director ourensán Xavier Bermúdez recibirá o premio Calpurnia de Honra no OUFF

  • O certame publicará un monográfico sobre o cineasta e proxectará parte da súa filmografía, na que destaca a longametraxe "León y Olvido", que recibiu no seu día os premios ó mellor director e á mellor actriz no Festival de Cine de Ourense.

Ourense, 12 de novembro de 2018.- O director ourensán Xavier Bermúdez recibirá o premio Calpurnia de Honra na edición 23ª do Festival de Cine de Ourense (OUFF). Con este galardón, o certame quere recoñecer, por primeira vez en Galicia, a traxectoria artística dun cineasta e produtor que rodou algunhas das longametraxes de ficción máis premiadas do audiovisual galego. Entre elas cabe destacar "León y Olvido", que recibira o premio ao mellor director no prestixioso festival de Karlovy Vary, na República Checa, e que tamén acadou os premios ao mellor director e mellor actriz no OUFF.

A nova edición do festival tamén proxectará boa parte da filmografía do cineasta e publicará unha monografía do crítico e historiador cinematográfico, Eduardo Galán, sobre a carreira. Ó recibir a Calpurnia de Honra, Bermúdez súmase a unha lista de homenaxeados no OUFF, na que figuran Montxo Armendáriz, Luis G. Berlanga ou o actor Imanol Arias, entre outros.

O premio Calpurnia de Honra é un dos galardóns con máis traxectoria na historia do Festival de Cine de Ourense, xa que se entregou por primeira vez na segunda edición do certame, en 1997. A figura, creada polo escultor Manuel Buciños, é un dos símbolos máis recoñecibles do OUFF. O nome fai referencia a Calpurnia Abana, a primeira muller coñecida de nome romano e orixe galaico, cuxo nome apareceu en 1802 nunha horta en Tenencia, moi preto das Burgas. Este ano, o premio recae nun dos guionistas e directores ourensáns en activo máis galardoados internacionalmente. Por escolla propia, o premio entregarase antes da proxección do seu filme máis persoal, "O ouro do tempo", que polo de agora pecha a súa filmografía.

Produtor en Galicia

Xavier Bermúdez naceu en Ourense en 1951. Estudou na facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense e comezou a súa carreira profesional como xornalista, tanto en prensa -foi redactor xefe de cultura en "La Tarde" e crítico de cine no suplemento cultural de "El Mundo"- como na radio, onde colaborou nos programas de RNE/Radio 3 "Perfil de ruedo", "Caravana de hormigas" e "Pensamento3".

Foi en 1992 cando dirixiu a súa primeira longametraxe "Luz negra", coa que Mónica Molina recibiu o premio de interpretación en Xixón e Alcalá. En 1994, con Luis Miguel Fernández e a súa parella, a tamén directora Manane Rodríguez, fundou a súa produtora Xamalú, con sede en A Coruña e coa que rodou varias películas en Galicia. "Nena" (2000), premiada en Alcalá; "León y olvido" (2004), que recibiu galardóns, ademais de en Ourense, en Karlovy Vary, Atenas, Toulouse ou Tallin; "Rafael" (2008); e "Ouro do tempo" (2018), galardoado en Calanda, Karlovy Vary, Varna e Durres.

Por outra banda, Xavier Bermúdez escribiu e rodou varias curtametraxes e documentais e foi coguionista de "Los pasos perdidos" (2001), "Un cuento para Olivia" (2007), "Un ajuste de cuentas" (2011) e "Migas de pan" (2016). Entre as súas contribucións ó cine destaca tamén a autoría de "Buñuel: espello e soño" (Edicións da Mirada, 2000), un dos mellores libros publicados en España sobre o xenio de Calanda.

O Centro Partido do Carballiño e o Centro Ourensano de Montevideo reciben en Bos Aires o premio "Ourensanía" 2018 polo seu labor a prol da emigración ourensá

  • No acto celebrado hoxe no Centro Galicia, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou que a Ourensanía "é unha ambición de seu que os nosos emigrantes levan por todo o mundo" e cualificou o galardón como "o de maior e máis íntimo significado entre os que concede a Deputación, honrando nesta ocasión a dúas institucións exemplares da diáspora, unha colectividade ourensá en Arxentina e Uruguai que alenta unha parte substancial do futuro de Galicia".

  • Os representantes de ámbalas dúas entidades, Emilio Nogueira e Pablo Fernández Rivero, recibiron emocionados o galardón, polo que supón de recoñecemento ao traballo dos emigrantes ourensáns e o vínculo que sempre mantiveron coa súa terra.

  • O xurado do premio ditaminou concederlles o premio a estas dúas institucións "por promover a Ourensanía na colectividade galega de ambos países", e porque "marcaron un tempo, o da emigración masiva a América, no que Ourense estivo moi presente", recolle a acta do xurado.

Bos Aires, 11 de novembro de 2018.- O Centro Partido do Carballiño e o Centro Ourensano de Montevideo, dúas entidades senlleiras na emigración ourensá en Arxentina e Uruguai, recibiron hoxe en Bos Aires, de man do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o premio "Ourensanía" 2018, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. Un premio que os representantes de ámbalas dúas colectividades, Emilio Nogueira e Pablo Fernández Rivero, recibiron emocionados polo que supón de recoñecemento ao traballo dos emigrantes ourensáns e o vínculo que sempre mantiveron coa súa terra.

No acto celebrado esta mañá nun abarrotado Centro Galicia da capital bonaerense, coa presenza de centos de emigrantes ourensáns e as súas familias, o presidente do goberno provincial destacou que a Ourensanía "é unha ambición de seu que os nosos emigrantes levan por todo o mundo", afirmando: "Con este galardón, o de maior e máis íntimo significado entre os que concede a Deputación de Ourense honramos a dúas institucións exemplares da diáspora: o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, que celebrará dentro de poucos días o seu centenario, e ao Centro Ourensano de Montevideo, que conta con máis de setenta anos de ininterrompida andadura, levando a cabo un meritorio labor".

Na súa intervención na clausura do acto, Manuel Baltar puxo o acento na importancia da colectividade ourensá en Arxentina e Uruguai, "que alenta unha parte substancial do futuro de Galicia". "Cando en Europa remanecen ventos ábregos, cando rexurde a insolidariedade, quédanos a nós, aos galegos e ourensáns, a esperanza que representa esta gran nación Arxentina".

O presidente do goberno provincial remarcou que a Ourensanía "está dentro e fóra dos lindes da provincia de Ourense; podemos atopala en calquera localidade, país ou continente, alí onde resida un ourensán. Así, o noso territorio afectivo, a nosa xeografía vital, pródiga en augas mineiro-medicinais, podería simbolizarse co fluír das augas quentes, as que curan os males do corpo e do espírito desde tempos remotos", engadindo que grazas á Ourensanía "a nosa provincia chega a todos os mares do mundo e facémolo con cordialidade, a base de traballo e esforzo, e tamén con humor intelixente".

Cosmopolitismo integrador

Baltar expresou que os ourensáns practicamos un "cosmopolitismo integrador", "estamos instalados na cultura do mestizaxe, unha mestura que enriquece, abre inmensas posibilidades e estimula a creatividade. Alí onde queira que cheguemos, o primeiro que facemos é adaptarnos, mesturarnos coa tradición, respectar os costumes e asimilar todo o mellor, sen esquecer nunca a nosa propia identidade". E salientou: "En ningún sitio, en ningunha cultura, por diferente que sexa á nosa, nos sentimos incómodos, pois a integración é un dos nosos maiores méritos, quizás o máis relevante".

O xurado do premio ditaminou conceder o premio Ourensanía na súa oitava edición a estas dúas institucións, "por promover a Ourensanía na colectividade galega de ambos países", e porque "marcaron un tempo, o da emigración masiva a América, no que Ourense estivo moi presente", segundo recolle a acta do xurado.

"A Ourensanía non só esta presente na provincia de Ourense -destaca o xurado-, senón que chega a todas as partes do mundo alá onde hai un ourensán". Destacados galeguistas, como Rodolfo Prada, albacea de Castelao, propulsaron a creación nos anos 40 do século pasado do Centro Ourensano de Bos Aires, casa común do galeguismo, "desde onde o propio Castelao desenvolveu o seu labor político e artístico no exilio bonaerense ao longo dunha década", sinala o xurado.

Fusionados nos anos 80 os catro centros provinciais nunha única institución -o Centro Galicia de Bos Aires-, a Ourensanía pervive en ámbalas dúas cidades do Plata, Bos Aires e Montevideo, a través das institucións hoxe galardoadas: o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, que estes días cumpre o seu centenario, e o Centro Ourensán de Montevideo, con máis de setenta anos de historia, a institución máis antiga de Sudamérica que leva o nome de Ourense na súa denominación.

Acto de emoción e sentimento

O acto contou no apartado musical coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e do gaiteiro Marco Foxo, quen interpretaron temas do folclore galego, ademais dos himnos de Arxentina e Ourense, nun evento caracterizado pola emoción e o sentimento que transmitiron os vídeos nos que se lembrou a traxectoria histórica e social de ámbalas dúas entidades galardoadas, e tamén nos discursos por parte dos premiados; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do mantedor do acto, o escritor Luis González Tosar.

Manuel Baltar entregou aos representantes do Centro Partido do Carballiño e do Centro Ourensán de Montevideo senllas figuras de bronce, obras do escultor Xosé Cid, así como as copias das actas co ditame do xurado, nunha celebración que, ademais de merecida homenaxe, foi unha sentida aperta á historia da emigración ourensá.

No acto, presentado polo xornalista Fernando Méndez, lembrouse a personalidades que foron recoñecidas en anteriores edicións como: o xuíz José Antonio Vázquez Taín (premiado en 2012), quen fixo posible, coa súa investigación, a recuperación do "Códice Calixtino", o libro máis célebre do Camiño de Santiago, clave para comprender a identidade europea; o arcebispo de Belcastro, José Rodríguez Carballo (2013), unha voz chea de ourensanía e galeguidade nas altas instancias do Vaticano. Referente polo seu compromiso coa lingua e a cultura galegas; a xornalista Victoria Prego de Oliver (2014), polas súas achegas no ámbito da comunicación, que nos axudaron a entender a historia de España desde a Transición ata os nosos días; Mariluz Barreiros (2015), filla do empresario ourensán Eduardo Barreiros, premiada como promotora e presidenta da fundación que perpetúa a memoria do seu pai: investigador e impulsor da industria automobilística en España; o produtor de cine en Venezuela, José Sousa (2016), natural de Ramirás, falecido hai menos dun ano, galardoado polo seu labor cinematográfico, con preto de 40 longametraxes producidas, recoñecidas no panorama hispanoamericano; e Miguel Ángel, o lendario porteiro do Real Madrid, premiado en 2017, un dos deportistas ourensáns máis destacados do fútbol español, que foi, ademais, porteiro titular da Selección Española no Mundial de Arxentina de 1978. Todos conforman un elenco que amosa a riqueza intelectual, social, empresarial e deportiva de Ourense.

Esta é a primeira vez que a gala do premio Ourensanía trasládase fóra da provincia de Ourense, para homenaxear nesta edición especial a quen tanto fixo pola nosa terra, un acto que percorreu a lembranza, o sentimento e a ilusión polo futuro que representa a emigración ourensá.

O xurado do premio Ourensanía 2018 estivo integrado por José Manuel Baltar Blanco, presidente, e como vogais por: Eva Torres Rodríguez, Luís González Tosar, Virxilio Rodríguez Vázquez, Jesús de Juana López, Miguel Anxo Fernández Fernández, Juan Luis Saco Cid e, como secretario, Antonio Piñeiro Feijóo, quen deu lectura á acta que recolle o ditame do galardón.

O evento rematou coa interpretación por parte da Real Banda de Gaitas da obra "Ourense no solpor", composición de Manuel de Dios, declarada himno oficial da provincia pola Deputación de Ourense.