O grupo popular reitera a reprobación de Alfredo García polo uso “sectario e partidista” que fai da FEGAMP

• O deputado de Cooperación e representante da Deputación na Federación, Pablo Pérez, afirmou que “non queremos que por cuestións meramente técnicas se equeza a máis absoluta falta de respecto institucional e de intromisión na autonomía local que xa denunciamos no seu momento por parte de García”.

• Os feitos que dan orixe a esta proposta parten da convocatoria que o presidente da FEGAMP fixo a todos os alcaldes da provincia “para impoñer á Deputación de Ourense os criterios de actuación dun partido, menosprezando o respaldo electoral obtivo polo PP, que converteu á institución ourensá no único goberno provincial de Galicia con maioría absoluta”, engadiu o deputado do PP.

Ourense, 7 de decembro de 2018.- O grupo provincial popular presentará no pleno ordinario de decembro unha moción na que reitera a reprobación de Alfredo García Rodríguez, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), polo uso “sectario e partidista” que está a facer desta organización. “Unha actitude impresentable, de absoluta falta de respecto institucional e de intromisión na autonomía local que xa denunciamos no seu momento, pero que non queremos que se esqueza por cuestións meramente técnicas”, explicou o deputado de Cooperación e representante da Deputación na Federación, Pablo Pérez.

A orixe desta iniciativa está no 11 de xullo de 2017, cando a través dun correo electrónico con orixe no gabinete de presidencia da FEGAMP, o seu presidente, Alfredo García, convocou aos alcaldes e alcaldesas da provincia a unha reunión que se celebrou no centro cultural Marcos Valcárcel, “para falar sobre un posible plan de obras e servizos na provincia de Ourense”.

A reunión, lembrou Pablo Pérez, “foi todo un fracaso pois nin tan siquera acudiron o 20 % dos concellos contactados, pero si conseguíu xerar un enorme malestar polo xeito en que se fixo a convocatoria, con total escurantismo e sen consultar con ningún dos órganos nos que o Partido Popular está representado (xunta de voceiros, comité executivo e comité federal) e, por suposto, polo tema a tratar”.

O fundamental nesta cuestión, incidiu o deputado, popular, “é que Alfredo García quixera impoñer a unha institución como a Deputación de Ourense os criterios de actuación dun partido, menosprezando o respaldo electoral obtivo polo Partido Popular e que converteu á Deputación ourensá no único goberno provincial de Galicia con maioría absoluta”.

Pablo Pérez subliñou que aquela convocatoria e ás concentracións feitas ás portadas da Deputación nas que participou “racharon coa autonomía local que recollen os estatutos da FEGAMP e co consenso que ven de presidir a toma de decisión nesta organización”.

Na moción do grupo popular, insistiu Pérez, se reflicte, ademais, que convocar unha reunión desas características desde unha entidade que debería ter por bandeira a obxectividade e a independencia “só responde a un uso sectario e partidista dunha institución e unha rexeitable mostra de intromisión ilexítima nas competencias dun goberno provincial, o que cuestiona gravemente a capacidade de Alfredo García para seguir á fronte da FEGAMP pola súa falta de altura política para representar ao municipalismo en Galicia”.

A iniciativa do PP inclúe tamén como proposta que o acordo de reprobación sexa trasladado a todos os concellos da provincia de Ourense, aos integrantes do Consello Federal da FEGAMP, aos compoñentes da Comisión Executiva da FEGAMP, á Xunta de Voceiros da FEGAMP, ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Presidente do Parlamento de Galicia.