Ramón Conde volta a Ourense coa exposición "Soliloquios"

  • A mostra, que será inaugurada mañá venres, poderá visitarse ata o 15 de decembro no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Ourense, 7 de novembro de 2019.- O escultor Ramón Conde volve a Ourense coa exposición "Soliloquios" que poderá visitarse no centro cultural "Marcos Valcárcel" ata o 15 de decembro. A mostra foi presentada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que "o dramatismo que expresa "Soliloquios" coincide coa obra aquí exposta con figuras tan características do traballo de Ramón Conde, un ourensán que volve a expoñer na súa terra para o goce de tódolos que visiten este centro cultural, comprometido especialmente cos artistas da nosa provincia".

"Sete anos despois da súa anterior exposición no centro cultural, retomamos cunha exposición que está practicamente rematada para ser inaugurada mañá venres, ás 20.15 horas, só falta a obra que irá fóra e que será a mellor carta de presentación desta exposición", explicou o director do centro cultural, quen lembrou que "Soliloquios" poderá visitarse durante os meses de novembro e decembro que son "os de maior afluencia no centro cultural que terá un pulo de asistencia coa súa obra".

Ramón Conde, quen agradeceu á Deputación de Ourense "poder expoñer aquí porque para min é a sala máis querida de todas nas que expuxen", explicou que as súas exposicións son "como un novo capítulo nun libro, porque as novas exposicións desenvolven algún aspecto implícito na anterior mostra, ou aborda algún outro aspecto próximo a ese mesmo tema".

En canto a súa traxectoria, o escultor ourensán explicou que co paso do tempo é normal "centrarse nuns temas ou nunha forma de ver determinante que é como típica túa. No meu caso, o aspecto da individualidade persoal e as relacións de uns individuos con outros, como se xera o poder ou como unhas persoas dominan a outras, veñen sendo o leimotiv do tópico meu".

Normalmente, na súa obra, poden observarse "dúas personaxes emblemáticas: un é o tipo de figuras gordas moi características miñas, e outro máis musculoso que se desenvolveu despois pero que é complementario incluso, as veces, parece a mesma personaxe", sinalou Ramón Conde, quen engadiu que practicamente toda a súa traxectoria está "determinada por estas dúas personaxes que ata certo punto son a mesma. Nun son claramente masculinos e, no outro, roza o tema da ambigüidade, poden ser masculino, feminino ou unha mestura de ambas".

Na súa obra hai varias referencias históricas ou mitolóxicas como "Pigmalión e Galatea" ou o "Baño de Susana" que se presentan como conxuntos de pezas e non como unha peza individual.

A Deputación de Ourense edita o libro As comedias de Tiruleque

  • Rosendo Fernández e o autor da obra, Xosé Prada Martínez, presentaron hoxe, no Pazo Provincial, esta publicación que reúne catro obras de teatro que no seu momento o autor escribiu para Tiruleque.

Ourense, 7 de novembro de 2019.- A Deputación de Ourense edita o libro As comedias de Tiruleque, de Xosé Prada Martínez, que reúne nunha soa publicación catro obras de teatro que no seu momento o autor escribiu para este grupo de teatro. O libro foi presentado hoxe, no Pazo Provincial, polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo propio autor da obra.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que se trata dunha "gran publicación" que fai alusión "a un grupo de teatro histórico da nosa provincia". Mentres que, Xosé Prada Martínez agradeceu á Deputación "a súa xentileza de publicar estas comedias, que levan unha introdución na que se explica como naceron cada unha das obras".

Así mesmo, o autor do libro lembrou que Tiruleque é "un dos grupos de teatro afeccionado máis antigos de Galicia" e que naquela época, dado que había poucas publicacións, "tivemos a necesidade de escribir obras e, aínda que sexan comedias, todas elas levan algunha mensaxe agochada coa que intento que o espectador reflexione".

Tiruleque naceu no ano 1985, grazas ao pulo inicial de Eulogio Alonso Rivera, directivo naquel momento do "Casino Cultural e Recreativo" do Carballiño, e ao abeiro desa asociación comezou a súa xeira teatral. No seu ano de fundación, este grupo de namorados do teatro logrou poñer en marcha dúas obras: O xigante egoísta de Óscar Wilde, protagonizada polos cativos; e Os vellos non deben de namorarse de Castelao, polos adultos.

No ano 1986, Euloxio deixa a dirección do grupo por cuestións profesionais, e Xosé Prada Martínez asume este cargo. Dous anos despois, "Tiruleque" deslígase do Casino e logra a súa independencia económica e artística. Tras unha tempada de abulia, e coincidindo coa creación da Escola Municipal de Teatro do Carballiño, hai novas incorporacións a "Tiruleque" que lle dan un novo impulso ás actividades do grupo e, a partir de aí, comeza outra andaina de ilusión.

O centro cultural "Marcos Valcárcel" amosa a Vía da Prata a través de fotografías 3D

  • Este proxecto divulgativo do Xacobeo estará en Ourense desde hoxe ata o 8 de decembro.

Ourense, 7 de novembro de 2019.- O centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense amosa imaxes do patrimonio, de paisaxes e de peregrinos que percorren esta vía de peregrinación a través de fotografías en tres dimensións, con pezas espectaculares e de gran formato, realizadas coa técnica estereográfica.

O título da mostra "De Mar a Mar. O Camiño de Santiago en 3D. Vía da Prata", fai referencia a unha cita do Libro IV do Códice Calixtino, na que o apóstolo Santiago, aparecido en soños a Carlomagno, pídelle que libere o seu Camiño e visite a súa basílica e sartego, profetizando que "... despois de ti irán alí peregrinando todos os pobos, de mar a mar...".

O Plan Director e o Plan Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021 contempla a potenciación de tódalas rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, centrándose no ano 2019 no interese e na promoción da Xunta de Galicia na Vía da Prata ou "Camiño Mozárabe".

Andalucía é o punto de partida deste Camiño a Santiago que atravesa a Península Ibérica de sur a norte, percorrendo tamén Estremadura e parte de Castela e León, antes de entrar en Galicia por A Mezquita. En terras galegas este Camiño de Peregrinación é o trazado xacobeo de maior percorrido, atravesando tres das súas catro provincias. O peregrino contempla nesta ruta un valioso patrimonio natural, etnográfico e histórico, ao seu paso pola provincia de Ourense, a comarca do Deza e a canle do río Ulla, espazos plenos de atractivo e que contribúen a unha experiencia xacobea excepcional.

Baltar destaca na Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao "o exemplo de cooperación e boa xestión" desta entidade

  • No acto conmemorativo do 54º aniversario do Polígono, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, dixo que o goberno autonómico prevé ampliar a superficie do Polígono por medio da segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Ourense, 6 de novembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no acto conmemorativo do 54º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas, a importancia desta efeméride "da área industrial máis importante de Galicia", e quixo recoñecer tamén os corenta anos de existencia da asociación de empresarios do polígono, no que destacou o exemplo que supón de colaboración público privada; as alianzas que o goberno provincial ourensán mantén con esta entidade empresarial, "e a visión que ten a asociación, pensando nun polígono de San Cibrao para os próximos cincuenta anos", salientando tamén o apoio do goberno provincial á mesa Ourense Industrial, "unha iniciativa que a Deputación apoia porque estamos convencidos de que os empresarios son o gran motor económico da provincia, e exemplos como os da asociación de empresarios do polígono reflicten unidade, cooperación e boa xestión", expresou Baltar.

Pola súa banda, no acto, celebrado na sede da asociación do polígono, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo dixo que o goberno autonómico prevé ampliar a superficie do Polígono de San Cibrao no ano 2021 por medio da segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Feijoo destacou os 8.000 postos de traballo que xera o polígono e as máis de 400 empresas que se sitúan nel, e dixo que despois de estudar as distintas posibilidades para que o polígono siga a avanzar no seu futuro "respondemos as peticións da asociación de empresarios e do Concello de San Cibrao das Viñas, trasladando o compromiso de que a Xunta vai a propoñer no consello de administración do Parque Tecnolóxico unha segregación de 421.000 metros cadrados en favor do Polígono de San Cibrao, para agrupar e ampliar a superficie do polígono", agardando que se poida licitar a urbanización dos terreos a finais de 2021.

Na reunión celebrada hoxe tamén participaron, xunto a Manuel Baltar e Alberto Núñez Feijoo, o presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araújo, e membros da directiva así como o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, e a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xuntanza na que tamén se analizaron as obras de conexión do polígono coa autovía, cuxa finalización está prevista para o verán de 2020.

Tralo acto, as autoridades e os representantes empresariais trasladáronse á "Arboreda do tempo" onde tivo lugar a plantación da árbore 54, en conmemoración do LIV aniversario do Polígono de San Cibrao.