A Fundación "Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do escritor

  • A entidade organiza con motivo desta efeméride diversas actividades que inclúen o fallo do XXXVIII Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor", a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda, "actos cos que a fundación continúa a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras", afirma Manuel Baltar.

Ourense, 23 de outubro de 2019.- A Fundación "Eduardo Blanco Amor" conmemora o XL aniversario do pasamento do autor de A Esmorga cun amplo programa de actividades que inclúe o fallo do XXXVIII Premio de novela longa, a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, unha exposición e unha mesa redonda. A presentación das actividades tivo lugar hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense e presidente da Fundación, Manuel Baltar; o director da fundación, Luis González Tosar; e a padroa da fundación, Maribel Outeiriño.

O presidente do goberno provincial dixo que con estas actividades -que se desenvolverán entre os meses e novembro e decembro- "a fundación quere continuar a homenaxear a un dos xigantes das nosas letras, lembrando a súa personalidade, traxectoria, o seu compromiso e a súa obra, poñendo o foco en Blanco Amor como referente literario e tamén no ámbito persoal; un dos grandes da ourensanía", dixo. Manuel Baltar expresou que esta é "unha lembranza de Blanco Amor corenta anos despois da súa desaparición física, que non intelectual, xa que o noso labor como fundación é contribuír a axigantar aínda máis a súa figura, de maneira permanente".

A Fundación Blanco Amor, "unha das máis recentes en canto a fundacións de autor, de escritores relevantes na literatura galega e española", sinalou Luis González Tosar, e naceu coa misión de "reparar o silencio que existía ao redor da figura de Blanco Amor e poñela no lugar que lle corresponde", explicou, lembrando que "moi poucas cidades teñen a sorte de contar cunha figura literaria que as eleve á alta categoría intelectual das letras, como é o caso de Blanco Amor con Ourense", e afirmou que o autor de A Esmorga foi "un escritor incómodo en todos os aspectos: social, político e literario".

Ademais, Luis González Tosar avanzou que a fundación vai a propoñer un evento literario de ámbito internacional, "porque Blanco Amor é patrimonio da literatura con maiúsculas, un referente para moitos críticos, estudosos e escritores", evento que o presidente da Deputación de Ourense confirmou que será unha realidade en 2020, "ano en que Ourense conmemorará os cen anos do primeiro número da revista Nós, un ano netamente ourensán", remarcou Baltar.

Programa de actividades

As actividades comezarán o 23 de novembro, ás 13.00 horas, co fallo da XXXVIII edición do Premio de novela longa "Eduardo Blanco Amor", convocado pola Deputación de Ourense e a fundación. Posteriormente, o día 29 de novembro, ás 12.00 horas, celebrarase a tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, na que participarán o Centro PEN Galicia, o IES Eduardo Blanco Amor, a Fundación "Eduardo Blanco Amor", a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e a Xunta de Galicia.

O 30 de novembro, ás 12.00 horas, as actividades trasladaranse ao centro cultural "Marcos Valcárcel", onde terá lugar a inauguración da exposición "Pervivencia e actualidade de Eduardo Blanco Amor. Debuxos de Siro e mostra bibliográfica de Carlos Laiño". Maribel Outeiriño agradeceu a Siro que prestase os seus debuxos para a exposición e os doase á fundación, ao igual que a Carlos Laiño porque "o seu traballo de recompilación revalorízase co seu xesto xeneroso de doalo á fundación", destacando a colección bibliográfica de Laiño como "a máis importante que hai sobre Blanco Amor". Ademais, da exposición, ese mesmo día, ás 20.30 horas, o Liceo de Ourense acollerá a cea literaria de entrega do XXXVIII premio de novela longa Eduardo Blanco Amor.

O 12 de decembro, ás 19.00 horas, celebrarase no centro cultural "Marcos Valcárcel" unha mesa redonda baixo o título "Eduardo Blanco Amor 40 anos despois". E, como peche das actividades, o 16 de decembro, ás 12.00 horas, terá lugar a presentación do catálogo e o peche da exposición no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Recepción ao alcalde da Veiga

Ourense, 23 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao alcalde da Veiga, Juan Anta.

Cooperación da Deputación de Ourense coa "Ruta do Viño de Valdeorras"

Ourense, 22 de outubro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entrevistouse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Asociación "Ruta do Viño de Valdeorras", Joaquín Sánchez, e coa técnica Cristina Núñez para acordar a renovación da colaboración da Deputación de Ourense con esta entidade para o ano 2020. Trátase, segundo confirmou o presidente do goberno provincial, "de seguir a promocionar o enoturismo e de estar presente no territorio, nunha comarca esencial para a provincia de Ourense, como é a de Valdeorras, e continuar cooperando e formando parte da "Ruta do Viño de Valdeorras" -como se determinou por acordo plenario da Deputación de Ourense-, así como de estar ao carón dos sectores produtivos, sendo o viño e a denominación de orixe Valdeorras, vencellada ao turismo con esta ruta, un exemplo fundamental".

Dous eventos deportivos amosarán o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico da Merca

  • A Deputación de Ourense colabora coa X andaina e co I "Parroira Trail" que se celebrarán o 27 de outubro e o 3 de novembro, respectivamente.

Ourense, 22 de outubro de 2019.- A X andaina e o I "Parroira Trail" amosarán, o 27 de outubro e o 3 de novembro, respectivamente, o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico do municipio da Merca. A presentación destes eventos deportivos tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o tenente de Alcalde da Merca, José Manuel Taín; o secretario e o vogal da Asociación Deportiva Ovala2, José Ribo e Alberto Taín; e en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Manuel Pérez.

Ambos eventos, cos que colabora a Deputación de Ourense, aglutinan "deporte e natureza e contribúen a dinamizar o territorio", sinalou Rosendo Fernández. A X andaina, que organiza o Concello da Merca, ofrece un percorrido de 15 quilómetros de dificultade media que pon en valor "o patrimonio inmaterial, cultural e paisaxístico do municipio", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense. A saída da proba será o 27 de outubro, ás 9.00 horas, desde o local social de Rubillos. Os interesados en participar na andaina poderán inscribirse ata o 25 de outubro ás 13.00 horas no Concello ou o mesmo día da andaina ata 30 minutos antes. O prezo da inscrición é de 5 euros.

Pola súa parte, o I "Parroira Trail", organizado pola Asociación Deportiva Ovala2 e o Concello da Merca, comezará ás 9.30 horas, o 3 de novembro, no pavillón municipal da Merca. O evento ofrece dous posibles percorridos de 14 e 28 quilómetros que discorren por camiños, sendeiros e corredoiras do municipio da Merca e A Bola, sendo o río Arnoia o protagonista en diferentes tramos da proba que tamén atravesará a Reserva da Biosfera, coa principal presenza do "Canal do Ruca", pasará polo pobo abandonado da "Ponte Ermida", a "Fonte dos Ollos" e pola agrupación de Canastros da Merca, explicou José Ribo.

O trail, que se desenvolverá na modalidade por parellas, discorrerá por "unha paraxe peculiar e única, idónea para calquera actividade deportiva", dixo Alberto Taín, quen engadiu que o obxectivo é "continuar a mostrar a riqueza natural do municipio a través deste tipo de eventos". Actualmente, están inscritos no trail "116 persoas", dixo José Ribo, pero os interesados en participar teñen de prazo ata o 29 de outubro para anotarse, por un custe de 15 euros, na páxina web www.galitiming.com.