Unha xornada, para pequenos e medianos municipios, afondará na xestión deportiva saudable

  • O evento, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Xestores Deportivos e a Xunta de Galicia, formará a responsables políticos e técnicos implicados na promoción deportiva.

  • A xornada terá lugar o vindeiro venres, 8 de novembro, no centro cultural "Marcos Valcárcel".

Ourense, 6 de novembro de 2019.- Unha xornada, para pequenos e medianos municipios, afondará na xestión deportiva saudable. O evento, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Xestores Deportivos e a Xunta de Galicia, formará a responsables políticos e técnicos implicados na promoción deportiva. A presentación da xornada tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o presidente da Federación de Asociaciones de Gestores del Deporte, Eduardo Blanco; o delegado en Ourense da Asociación Galega de Xestores Deportivos, Fernando Alonso; e o xefe de servizo de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Manuel Pérez.

A Deputación de Ourense leva "máis de trinta anos a traballar na continua formación na área de Deportes co obxectivo de incrementar a eficiencia na xestión do noso sistema deportivo", dixo Bernardino González. Por esta razón, "presentamos esta nova xornada de xestión deportiva municipal, que reunirá a relatores de gran prestixio profesional, para falar da importancia dunha xestión deportiva saudable", engadiu o asesor de Deportes da Deputación.

A xornada terá lugar o vindeiro venres, 8 de novembro, no centro cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación, en horario de 16.00 ás 20.00 horas. O programa comezará, trala apertura da xornada, co relatorio "Cara un modelo común de concello activo. Coordinando esforzos", a cargo do director técnico da Fundación Deporte Galego, Miguel Rodríguez del Corral. Posteriormente, a responsable técnico de Deportes de Abegondo, Isabel Rodríguez López falará da experiencia do Concello de Abegondo. Tralo descanso, celebrarase unha mesa redonda baixo o título "Qué significa "deporte saudable"? Estratexias e proxectos para un deporte saudable, na que intervirán Eduardo Blanco, como moderador; Miguel Santiago Alonso, Isabel Rodríguez López e Miguel Rodríguez del Corral.

Os interesados en participar nesta actividade gratuíta poderán inscribirse ata mañá na páxina web www.agaxede.org. "Esperamos que de aquí ao venres cheguemos ao centenar de inscritos", dixo Eduardo Blanco.

Protocolo sobre seguridade viaria do Camiño, entre Deputación de Ourense e Xunta

Ourense, 5 de novembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe no Pazo Provincial co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, un protocolo de coordinación e cooperación institucional en materia de seguridade viaria do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Ourense. Deste xeito, ambas administracións poderán implicarse de maneira directa na protección da integridade física das trazas do Camiño, na súa conservación, mantemento e na mellora da seguridade para os propios peregrinos.

En virtude deste acordo, a Deputación de Ourense protexerá, difundirá e fomentará o valor cultural e paisaxístico do Camiño, e en casos de emerxencia, adoptará as medidas necesarias para salvagardar a súa integridade, e colaborará coa Xunta na conservación do Camiño ao seu paso pola provincia. Ademais, a institución provincial comprométese a arranxar os puntos de entronque tanto na Vía da Prata como no Camiño de Inverno que poidan presentar dificultades para os peregrinos.

Outro dos puntos destacados do protocolo é a adopción das medidas precisas para a mellora da seguridade viaria das estradas provinciais asociadas aos tramos do Camiño, así como levar a cabo unha mellor integración dos tramos urbanos. No tocante á simboloxía, o acordo contempla o mantemento da imaxe oficial da sinalización das rutas dos Camiños de Santiago en Galicia. Cómpre destacar que a Xunta está a traballar na mellora e sinalización da Vía da Prata e culminará este labor o vindeiro ano no Camiño do Inverno. Ademais, no marco do Xacobeo 21, por primeira vez, ambos itinerarios contan conta cun contrato de mantemento propio.

Manuel Baltar salientou "a cooperación entre os gobernos autonómico e provincial, coa vista posta no Xacobeo 21, e nos camiños de Santiago que percorren a nosa provincia, un deles, Vía da Prata, que transcorre por 28 concellos, e aí, nos puntos onda hai vías provinciais que precisan algún acondicionamento é onde actuaremos para ter en mellores condicións eses camiños". Baltar destacou que o gran Camiño de Santiago "será a alta velocidade, e Ourense será o punto central da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e estar a pouco máis de dúas horas de Madrid suporá un alicerce máis para que os visitantes se sumen a facer o Camiño desde Ourense. Por iso, as administracións estamos chamadas a colaborar neste e noutros eidos, e lle agradezo ao conselleiro esa sensibilidade", destacando asemade "a máxima receptividade por parte do goberno provincial de Ourense", expresou Baltar.

Baltar recibe ao ourensán Paco Paco, referente artístico musical en Europa nos anos 70

Ourense, 5 de novembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao cantante ourensán Paco Paco (Francisco Ropero Gómez, Ourense, 1945), un dos referentes artísticos musicais en Europa na década dos anos setenta. Baltar agradeceulle á súa contribución a "tender pontes culturais a través da música, que é unha canle de unión entre pobos, comunicando desde o corazón, como fixo sempre Paco Paco, artista con máis de 10 millóns de discos vendidos", expresou o presidente Baltar.

O artista, que asinou no Libro de Honra da Deputación de Ourense, tivo ao longo da súa traxectoria profesional numerosos recoñecementos, entre os que destaca ter acadado en 1973 discos de ouro en Holanda e Francia polas vendas da súa canción "Taka takata", que foi versionada en máis de cen ocasións por artistas como Ray Conniff, Paul Mauriat, Frank Pourcel ou Joe Dassin, disco que foi canción do verán en 1973, publicado pola compañía Movieplay.

As cinsas mortais de Rodolfo Prada e da súa esposa, Manuela Fraga, repousan no cemiterio de Casdavil, nos Peares

  • A Deputación de Ourense compre coa vontade deste insigne ourensán de descansar na súa terra "cando Galicia recupere a democracia e acade o autogoberno".

  • Manuel Baltar dixo que o soterramento dos restos de Prada nos Peares é "un exercicio de memoria histórica, un acto de xustiza e de reparación, que chega trinta e nove anos despois do seu pasamento".

Ourense, 3 de novembro de 2019.- O cemiterio de Casdavil, nos Peares, acolleu hoxe o enterro das cinsas mortais do insigne ourensán Rodolfo Prada e da súa esposa Manuela Fraga, nun acto cívico-relixioso organizado pola Deputación de Ourense para dar cumprimento da súa vontade: "Descansar na paz de Deus na terra na que nacín, cando Galiza recupere a democracia, arrebatada pola forza da barbarie, e acade o autogoberno do que é merecente como pobo con identidade propia".

No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a neta do intelectual, María Elena Prada Alliende, quen viaxou expresamente desde Santiago de Chile para asistir en representación da familia; o escritor e biógrafo de Rodolfo Prada; xunto con outras autoridades e representantes das Fundacións de persoeiros do galeguismo e de institucións culturais.

A Deputación de Ourense e nomeadamente o seu presidente, Manuel Baltar, vén traballando desde o ano 2016 no rescate da obra e do pensamento de Rodolfo Prada. Resultado deste compromiso e da estreita colaboración coa familia Prada-Alliende, hoxe o intelectual Rodolfo Prada, máximo valedor de Castelao na Arxentina, descansa nunha Galicia democrática e con goberno de seu.

O soterramento dos restos de Rodolfo Prada na terra na que naceu é un "exercicio de memoria histórica, un acto de xustiza e de reparación que chega, trinta e nove anos despois do seu pasamento, para perdurar, para ser un facho de luz que nos guie e ilumine", dixo o presidente da Deputación de Ourense.

"Hoxe cómprese a vontade dun home bo e xeneroso, dun galeguista cabal e dialogante que defendeu os seus ideais con convicción, lonxe de sectarismos e intransixencias, dun católico que teimou na necesidade dunha Igrexa que falase na lingua do pobo e que atendese á realidade do país. Por elo, hoxe cumprimos unha débeda", sinalou o presidente do goberno provincial.

Manuel Baltar anunciou unha importante achega do biógrafo de Rodolfo Prada, en colaboración coa documentalista da Biblioteca Provincial, Ángeles Fernández Pérez, "a edición de corenta cartas e outros documentos de Alfonso Rodríguez Castelao dirixidos a Rodolfo Prada, que publicaremos na Colección As Burgas, herdeira daquela outra na que Prada e os emigrados ourensáns deron ó prelo o Sempre en Galiza de Castelao, o 25 de xullo de 1944". Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense dixo que "proxectamos o "Centro de Interpretación do Galeguismo" no predio onde estaba a casa onde naceu Rodolfo".

Pola súa parte, Luis González Tosar, quen dixo que Rodolfo Prada "estivo en todo, foi o ourensán que mellor entendeu Galicia desde América", fixo un repaso pola vida do intelectual afirmando que "a biografía de Rodolfo Prada coincide coa historia política do galeguismo desde a emigración en Bos Aires. Empezou sendo agrario, dos de Basilio Álvarez, estivo en Acción Gallega. En 1918 pasou ás Irmandades da Fala. E así foi evolucionando, da ORNG á Irmandade Galega (PG)".

O escritor e biógrafo de Rodolfo Prada lembrou que o pearense foi "presidente e motor principal da Organización Republicana Nacionalista Galega e, coa chegada de Castelao a Bos Aires, converteuse no home máis fiel e leal ao rianxeiro". Así mesmo, engadiu Luis González Tosar, "Rodolfo Prada viaxou por toda América, nos anos 40, para organizar a Irmandade Galega e para afianzar o Consello de Galiza e o pacto GALEUZCA".

María Elena Prada agradeceu á Deputación de Ourense, en nome da súa familia, que fixera posible que desde hoxe o seu avó "descanse en paz, na súa terra". O acompañamento musical durante o acto correu a cargo da Coral de Ruada que interpretou a peza "Negra Sombra" de Rosalía de Castro, ademais dos Himnos de Ourense e de Galicia.

Sepultura

No proceso de realización e concepción da sepultura buscouse o simbolismo, dada a estreita e fraterna relación de Prada con Otero Pedrayo e Castelao. Por elo, para a elaboración da sepultura utilizouse pedra da canteira de Trasalba, moi citado por Otero Pedrayo en diversas obras. A parte frontal, unha cruz inscrita nun círculo con motivos ornamentais románicos, está tirada do tímpano da porta principal da Igrexa de San Pedro de Trasalba (Amoeiro).

Castelao incluíu na súa monumental obra "As cruces de pedra na Galiza", editada por Rodolfo Prada e Luís Seoane, un debuxo desta cruz do século XIII, feito nunha das súas visitas á casa grande de Otero Pedrayo, en Cimadevila.

Na lápida aparece o seguinte texto: "Os Peares, 3 de novembro de 2019. A Deputación de Ourense, atendendo a solicitude da familia Prada-Alliende, trasladou desde o Panteón do Centro Galego de Bos Aires as cinsas mortais do patriota galego Rodolfo Prada, ourensán exemplar, e as da súa dona, Manuela Fraga, dando así cumprimento á súa vontade: "Descansar na paz de Deus na terra na que nacín, cando Galiza recupere a democracia, arrebatada pola forza da barbarie, e acade o autogoberno do que é merecente como pobo con identidade propia".