A Deputación de Ourense súmase á conmemoración do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero

Ourense, 25 de novembro de 2014.- A violencia machista é un problema público e social de primeira magnitude, constitúe o máis cruel expoñente da falta de igualdade da nosa sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas, como son a liberdade, a igualdade, a vida, a seguridade e a non discriminación, tal como xa proclama a nosa Constitución e o noso Estatuto.

Todos os poderes públicos temos a obriga de adoptar as medidas necesarias para facer reais e efectivos estes dereitos. A violencia de xénero maniféstase de moi diversas formas, en todas as culturas e países, en todas as clases sociais e en todas as idades. Así o reflicten as estatísticas, que mostran unha pequena parte, pero grave, da magnitude total da violencia exercida contra as mulleres, polo mero feito de selo.

Por este motivo, a Deputación de Ourense, con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero, quere facer especial fincapé , por un lado na poboación máis nova, que parece estar reproducindo de maneira preocupante un sexismo e uns estereotipos de xénero que criamos erradicados, e por outro lado, nas mulleres de máis de 65 anos que están a sufrir violencia de xénero, e nas que as situacións de convivencia prolongadas co agresor levan a cronificar e normalizar esas situacións.

A familia e a escola son os dous ámbitos de socialización que máis inflúen na aprendizaxe das persoas, e polo tanto é nestes ámbitos onde se debe traballar a prevención de actitudes sexistas e discriminatorias, así como fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade. Temos que articular unha resposta global fronte á violencia de xénero, en calquera das súas modalidades e consecuencias, a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas, aos seus fillos e fillas e a outras persoas que estean ao seu cargo, así como fortalecer a prevención para avanzar na paulatina redución desta miserable lacra social ata a súa completa erradicación.

As medidas serán insuficientes mentres unha muller viva baixo o medo e a falta de liberdade que iso supón e, calquera balance será negativo mentres haxa unha soa muller asasinada por esta causa, xa que iso significa que non viviremos nin gozaremos dunha sociedade verdadeiramente democrática, que poida vivir libre e en igualdade.

Rematar coa violencia de xénero é unha prioridade e un deber de xustiza coas vítimas e con toda a sociedade.