20 concellos participan no programa de "Compostaxe doméstica" promovido pola Deputación de Ourense e Sogama

  • O presidente provincial, Manuel Baltar, e o titular de Sogama, Luis Lamas, asinaron hoxe o convenio de colaboración para desenvolver este programa, que ten como obxectivo formar e informar á cidadanía sobre boas prácticas medioambientais.

  • Dende o ano 2010 a Deputación leva realizado campañas de compostaxe nos 49 concellos aos que lles presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente de Sogama, Luis Lamas, asinaron esta mañá na institución provincial ourensá un convenio de cooperación para a realización dunha campaña de compostaxe doméstica ao longo deste ano, á que se adscriben 20 concellos da provincia de Ourense.

A dita campaña ten como obxectivo dar continuidade á realizada en 2013 e pretende formar e informar sobre a reciclaxe doméstica da materia orgánica ademais de servir de promoción e fomento de boas prácticas medioambientais. Este programa, dotado con 30.000 euros, que sumen a partes iguais a Deputación de Ourense e Sogama, inclúe o reparto de composteiros e refórzase cunha campaña educativa e de formación ambiental para que os usuarios poidan levar a cabo a súa tarefa, desenvolvendo a técnica de fabricación de compost de forma axeitada e controlando todos os factores que poden incidir no resultado final.

Os concellos que participan este ano no programa de compostaxe doméstica son: Amoeiro, Baltar, Os Blancos, A Bola, Calvos de Randín, O Carballiño, Castrelo de Miño, A Gudiña, Lobeira, Muíños, Petín, Pobra de Trives, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras e Vilamartín de Valdeorras.

Dende o ano 2010 a Deputación leva realizado campañas de compostaxe nos 49 concellos aos que lles presta o servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos. O éxito acadado co programa de compostaxe doméstica permite estendelo a novos concellos para que poidan beneficiarse das vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a compostaxe caseira, pois, a reciclaxe da materia orgánica en orixe, ademais de dar como resultado un abono natural de excelentes propiedades fertilizantes para o solo (xardíns, hortas e terras de cultivo), permite diminuír a frecuencia de recollida do contedor convencional, entregando menos toneladas de lixo a Sogama e, polo tanto, reducindo o importe da factura a pagar a esta entidade pública. Tamén, dende a perspectiva social, evítanse os continuos desprazamentos que a poboación do rural debe realizar aos contedores, pechando así o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos nos propios fogares.

No marco do convenio asinado hoxe, Sogama encargarase da edición de material didáctico e divulgativo, mentres que a Deputación de Ourense responsabilizarase do desenvolvemento da campaña, asumindo a dirección e supervisión dos traballos realizados, participando nos labores de comunicación orientados aos representantes políticos e técnicos dos concellos participantes e supervisando os contidos a difundir nas correspondentes xornadas formativas.

Tamén asumirá o ente provincial o seguimento do programa, visitando os técnicos casa por casa para comprobar o labor dos participantes, resolver dúbidas e corrixir erros. Esta tarefa considérase esencial de cara a alcanzar o obxectivo da actuación: obter un compost de calidade que cumpra con todos os parámetros recollidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura con absolutas garantías.

A finalidade do programa é recuperar unha práctica tradicional en Galicia como é a separación dos materiais orgánicos para alimento do gando e fabricación de compost, un proceso que se moderniza coa dotación duns recipientes axeitados que permiten unha operación máis hixiénica e controlada para conseguir, en definitiva, unha xestión máis eficiente dos residuos urbanos co menor custo posible.