As xornadas apícolas de Bande promoven este sector como unha alternativa de emprego na Baixa Limia

  • O obxectivo deste evento formativo é achegar o mundo apícola á sociedade así como a súas posibilidades empresariais e comerciais.

O Concello de Bande en colaboración coa Asociación apícola nacional APIMELIBER e a Deputación de Ourense celebra durante os días 11 e 12 de xullo no salón de actos da Casa do Concello as "1º Xornadas Apícolas de Bande", que teñen como obxectivo achegar o mundo apícola, as súas posibilidades e potencialidades aos veciños de Bande e da comarca da Baixa Limia, e presentalo tamén coma unha alternativa real de emprego.

O contido do programa destas xornadas divídese en dous días: mañá venres, 11 de xullo, ás 20.00 horas, presentaranse os temas: "As abellas e os homes: da Prehistoria ó século XXI", "Apicultores do futuro: os desafíos", e "As posibilidades apícolas e as actividades complementarias na Baixa Limia", mentres que o sábado, día 12, abordaranse aspectos técnicos como o "Manexo de enxame para produtos apícolas de calidade".

Os encargados de impartir as xornadas serán dous membros da Asociación APIMELIBER, Roman Cid Álvarez e Davide Outeiro Castiñeiras, este último veterinario e vicepresidente da mencionada asociación.

Estas xornadas específicas xorden pola demanda dos participantes nas xornadas "Transforma Ourense" celebradas en Bande o pasado mes de Maio, referidas ao emprego e potencialidades no rural, que trataron de achegar modelos de éxito de emprendemento.