O "Campamento da Ourensanía" nace co obxectivo de concienciar aos máis novos na defensa da natureza e do patrimonio da provincia de Ourense

  • As actividades de lecer, que se desenvolverán no albergue do Corgo (Muíños) o vindeiro mes de agosto, van dirixidas a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos.

Concienciar aos máis novos sobre a importancia da defensa da natureza e do medio ambiente, e ampliar os seus coñecementos sobre o patrimonio material e inmaterial da provincia de Ourense son os obxectivos do Campamento da Ourensanía "Explora Ourense", que, promovido pola Deputación de Ourense en colaboración co colectivo Sustinea, terá lugar entre os días 9 ao 14 de agosto no albergue do Corgo (Muíños), dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 14 anos. Esta actividade foi presentada hoxe no Pazo Provincial a cargo do asesor de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, e do representante de Sustinea, Paulo Vázquez.

"Trátase –segundo explicou César Fernández- de crear entre os máis cativos unha verdadeira conciencia de ourensanía, de que aprecien e coñezan as cousas importantes que nos ofrece a provincia de Ourense en todos os aspectos, dende o cultural ao etnográfico pasando pola nosa riqueza paisaxística, natural e monumental".

"Ao longo dos seis días no campamento os monitores actuarán de guías para os rapaces, ensinándolles os recursos naturais e patrimoniais da nosa provincia", comentou Paulo Vázquez, quen deu conta das diversas actividades que se desenvolverán nestas xornadas de convivencia, con días dedicados ao Bosque, os Animais, a Aldea e os Ríos, nos que os participantes realizarán roteiros ambientais polo Xurés, travesías náuticas polo encoro das Conchas ata o campamento romano de Aquis Querquennis, visitas á aldea de Salgueiro para coñecer o funcionamento dun antigo forno e mesmo rutas para descubrir pegadas de animais.

O programa de actividades complétase con descubertas etnográficas, exercicios de orientación e de coñecemento de especies autóctonas, e un obradoiro gastronómico con produtos naturais.

É a primeira vez que a Deputación de Ourense por en marcha unha iniciativa deste tipo, habilitando para elo un total de 80 prazas para nenos e nenas que queira participar neste campamento de verán. O custe, coa estancia de 5 noites/6 días en pensión completa, é de 75 € por participante, e os interesados poden realizar a súa inscrición a través da web www.exploraourense.com. A data límite de inscrición é o día 18 de xullo.