Máis de 7.600 alumnos participarán na "Semana Escolar das Letras Galegas" que organiza a Deputación de Ourense

  • O evento desenvolverase en 49 centros da provincia, 20 deles da capital ourensá.

  • Haberá actividades como lectura de autores, traballos de redacción, realización dun "mapa de autores" e a creación dun rap referido aos 10 autores ourensáns aos que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en pasadas edicións.

Máis de 7.600 alumnos (7.658) de centros de Secundaria de Ourense participan entre os días 12 o 15 de maio na "Semana Escolar das Letras Galegas 2014" que organiza a Deputación de Ourense para poñer en valor esta efemérides, homenaxear nesta edición a Xosé María Díaz Castro e aos autores ourensáns aos que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en pasadas edicións.

O longo desta semana por toda a xeografía provincial desenvolveranse actividades culturais como lectura de autores, traballos de redacción, realización dun mapa de autores e a creación dun rap referido aos 10 autores ourensáns homenaxeados no Día das Letras Galegas.

En total son 49 os centros escolares que participan nesta iniciativa, 27 deles públicos e 22 privados, de diferentes localidades da provincia: 20 de Ourense capital, 5 de Verín, 3 do Barco de Valdeorras, 2 da Rúa, Celanova, Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia e 1 de Pobra de Trives, Allariz, Bande, Carballeda de Valdeorras, Coles, Maceda, Ribadavia, Viana do Bolo e Vilamarín.

Os profesores dos centros escolares disporán dunha guía didáctica sobre as actividades que se van levar a cabo, que abrangue temáticas como a natureza e a paisaxe; a vixencia da poesía; o narrador literario; a arquitectura monacal e a pintura; a importancia da tradución nas obras literarias; etnografía, folclore e costumes; e finalmente un cuestionario xeral sobre os dez autores ourensáns homenxeados. Sobre estes temas traballarán os escolares nas diferentes actividades que se organizan.

Ademais, para este evento, a Deputación de Ourense editou o libro Autores ourensás no Día das Letras Galegas, que recolle unha antoloxía destes autores xunto coas súas referencias biográficas. O traballo está realizado por Mercedes Pacheco Vázquez, con ilustracións de Siro López.

O traballo que os escolares realizarán nas aulas entre os días 12 e 15 de maio consiste na lectura das biografías dos autores e comentarios sobre as mesmas, así como a lectura de textos antolóxicos escollidos polos propios alumnos. Haberá tamén propostas por parte dos profesores para que os alumnos realicen traballos de redacción, contos, poemas, cantigas, investigacións e manualidades, coa axuda da guía didáctica.

As actividades tamén inclúen a proposta para escribir tres "rap", un en loubanza dos dez autores ourensáns e os outros sobre Curros Euríquez e Celso Emilio Ferreiro. Tamén se creará un mosaico co mapa da provincia de Ourense para situar nel os autores, elementos das súas obras e imaxes.

Finalmente, o día 16 de maio, terá lugar nos centros educativos o descubrimento do mural "Mosaicos para os autores ourensáns las Letras Galegas", a lectura dos traballos escollidos en cada curso, así como a interpretación dos raps dedicados os escritores ourensáns.