A Romaría "Raigame" converte un ano máis a Vilanova dos Infantes no gran parque etnográfico de Galicia

  • O evento, promovido pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, chega este ano á súa XIII edición e está dedicado os pequenos museos etnográficos da provincia de Ourense.

  • A romaría celébrase o vindeiro 17 de maio no burgo medieval de Vilanova como exaltación dos oficios tradicionais de Galicia e para poñer en valor a nosa cultura.

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da XIII edición da Romaría Etnográfica "Raigame", un evento promovido e organizado pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova que está este ano dedicado os pequenos museos etnográficos da provincia de Ourense. A romaría, declarada "Festa de Interese Turístico de Galicia", celébrase o vindeiro 17 de maio, Días das Letras Galegas, no burgo medieval de Vilanova dos Infantes como exaltación e homenaxe dos oficios tradicionais de Galicia e para poñer en valor a nosa cultura.

O acto de presentación contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; a directora do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", Mariló Fernández Senra, e o coordinador cultural de Celanova, Antonio Piñeiro.

O presidente provincial destacou a importancia que supón o feito de que un ano máis Vilanova dos Infantes "se converta no gran parque etnográfico de Galicia o día 17 de maio, que ademais do Día das Letras Galegas, en Vilanova é o Día da Cultura Galega". Baltar subliñou que esta romaría "é un museo vivo e aberto o público que a Deputación de Ourense quere promover e dinamizar para seguir potenciando a alma do noso, das nosas tradicións e da nosa cultura".

Pola súa banda, José Luis Ferro destacou a colaboración dos veciños de Vilanova, tanto no seu labor participativa na organización como cedendo os locais para que se instalen os diferentes oficios que se exhiben en Raigame. Tamén dixo Ferro que, xa consolidada esta romaría etnográfica, chega o momento de darlle unha dimensión internacional "para o cal integraremos a Raigame na rede de romarías etnográficas de Europa e promoveremos a realización de proxectos europeos culturais para que Raigame estea presente en Europa e no mundo".

Mariló Fernández Senra destacou o feito de que nesta edición se faga fincapé nos pequenos museos, centros e parques etnográficos da provincia de Ourense "para dar a coñecer unha oferta conxunta de todos eles co obxectivo de promocionar a inxente riqueza cultural e tradicional que temos na nosa provincia". Para elo, este ano presentarase unha exposición con paneis informativos e un posto no que os visitantes poden coñecer cada unha das singularidades que as comarcas ourensás teñen no ámbito da etnografía.

Ourense conta con preto de 20 museos/centros/parques etnográficos de moi diversa índole, uns autonómicos, outros municipais e outros particulares, dedicados a diferentes temas relacionados coa etnografía: olería, rodas de afiar, oficios tradicionais, a escola no rural, o liño, etc. Mediante unha exposición con paneis de cada un dos museos participantes, a proxección de vídeos e a mostra de actividades, publicacións, folletos, Raigame quere aportar este ano o seu grao de área para que se fagan máis coñecidos e visibles para o público, presentándose como unha actividade estrela á hora de visitar as diferentes comarcas da provincia. Dende o Ribeiro, pasando pola Ribeira Sacra, o macizo central, a montaña oriental, A Limia, o val do Arnoia até a Baixa Limia e a Terrachá, o visitante pode compaxinar gastronomía, paisaxe, sendeirismo, arquitectura popular, actividades que complementan a oferta etnográfica.

Os museos participantes nesta edición son: Etnolóxico (Ribadavia), C.I da Ribeira Sacra (S. Pedro de Rocas), Centro Etnográfico de Olería (Niñodaguia), Museo dos Devanceiros (Os Milagres), Museo de Chocolate (Parada do Sil), Museo Etnográfico de Castro Caldelas, Casa das Rodas (Arboiro-S. Xoán de Río), Museo da Infancia e da Escola (Trives), Centro da Identidade (Chandrexa), Museo Etnográfico de Vilariño de Conso, Museo Etnolóxico Torre do Castelo (Viana do Bolo), Rede Etnográfica da Veiga, C. I. da Castaña (Riós), Museo da Limia (Vilar de Santos), Casa da Lagoa de Antela (Sandiás), Museo da Moda e Museo do Coiro (Allariz), Centro Etnográfico dos Zapateiros (Vilanova-Celanova) e Museo Municipal de Entrimo.

Finalmente, Antonio Piñeiro destacou que este ano Raigame contará cun total de 60 actividades e cunha mostra de artesanía, "proba da importancia que edición tras edición ten acadado este evento", e engadiu que Vilanova dos Infantes "conta con numerosos atractivos para ser destacado na lista de pobos con encanto de España e Europa". Tamén se referiu Piñeiro o Premio Honorífico Xan de Barros, que dende a edición de 2009 concede Raigame "para premiar a aquelas persoas ou entidades que se signifiquen por ter traballado no campo da etnografía e por ter colaborado directa ou indirectamente coa celebración da Romaría". Nesta edición de 2014, a organización decidiu premiar a Manuel Mandianes Castro "pola súa longa andaina profesional no eido da investigación sobre a antropoloxía galega". Nun acto a celebrar o día 17, ás 13.00 horas, na Torre da Homenaxe de Vilanova, farase entrega ao premiado dunha reprodución en barro da citada torre.

Raigame reúne cada ano ao redor da torre e do burgo medieval de Vilanova dos Infantes a milleiros de persoas que se achegan para realizar a súa particular viaxe no tempo, que nos permite lembrar pero tamén potenciar as tradicións dos gremios e artesáns galegos doutros tempos, e tamén fornecer a nosa cultura con maiúsculas, integrada polo noso idioma e a nosa etnografía.

A celebración deste evento enmárcase dentro do proxecto de posta en valor do núcleo medieval de Vilanova dos Infantes e doutros enclaves e fitos históricos de Celanova como son o mundo castrexo de Castromao, a etapa alto-medieval de San Miguel o esplendor do barroco do Mosteiro de San Rosendo e o rexurdimento da lingua galega da Casa dos Poetas.

"Raigame" consolídase dende o ano 2002 como un certame festivo-artesanal no que se pretende destacar as singularidades e características que conserva o pobo de Vilanova dos Infantes e, por extensión, toda Galicia. As numerosas actividades que se desenvolven abranguen música, e ambientación polas rúas, o que se engaden bailes populares, xogos, contacontos, artesanía e exposicións.