Presentación da exposición fotográfica "Distintas miradas", no Centro Cultural da Deputación de Ourense

O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación da exposición fotográfica "Distintas miradas", promovida pola Asociación fotográfica "O Potiños" do Carballiño. O acto contou coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o presidente da asociación, Manuel Blanco; o director do Centro Cultural, Francisco González, e o asesor cultural da Deputación, César Fernández.

A mostra presenta un total de 16 traballos de creadores carballiñeses, membros da Asociación "O Potiños", cunha temática diferente en cada un deles, se ben todos teñen o denominador común do soporte: fotografía sobre lenzo.

Rosendo Fernández dixo que a fotografía nos ofrece "múltiples perspectivas para ollar a vida e a arte, porque cada instantánea reflicte unha emoción e un sentimento". Pola súa banda, Manuel Blanco explicou que o colectivo "O Potiños" estase a converter nun punto de encontro de diferentes inquietudes culturais na vila carballiñesa "da man de moita xente nova que contribúe a dinamizar a nos actividade, sinaladamente no eido da fotografía". Referíndose á mostra, que se exhibirá durante un mes no Centro Cultural, Francisco González explicou que a fotografía "é esa canle que contribúe a atraer o público os centros artísticos, unha maneira máis de que a sociedade se achegue a eles, pois sempre chama moito a atención calquera exposición fotográfica". E finalmente, César Fernández explicou que a mostra, como di o seu nome: "Distintas miradas", "ofrece o espectador un enfoque diferente, capaz de transformar a realidade nunha obra de arte".